Toda a biografía intelectual e
política de Manuel Murguía responde a unha profunda paixón por Galiza, a un
compromiso permanente co seu país, á idea de construír unha nación. Galiza como
preocupación, como tarefa, como proxecto de futuro, como soño necesario e
posíbel. Hai un feito histórico que marcará para sempre a vida toda de Murguía:
cando as tropas de Solís, tras a batalla de Cacheiras, se retiran polas rúas de
Compostela cara a San Martiño Pinario, o portal da casa e a botica do pai de
Murguía convértense de súpeto nun improvisado hospital para socorrer a un
daqueles mozos rebeldes que acaba de ser ferido de morte. Desde ese mesmo momento,
desde os seus aínda non cumpridos 13 anos, Manuel Murguía xa non deixará nunca
de ter a Galiza no seu corazón e na súa cabeza. Até a súa morte.
O
fracaso do levantamento galego de 1846 moi pronto leva a Manuel Murguía a ser
consciente da necesidade de crear memoria histórica, de promover conciencia de
nación, de construír un discurso galeguista, de restaurar a lingua e a cultura
propia, de mobilizar a sociedade galega desde unha idea firme de país con
dereitos políticos que reivindicar. Efectivamente, todo o que fai Murguía ao
longo da súa vida obedece a este pensamento patriótico. Para Manuel Murguía o
problema de Galiza é na súa raíz un problema de falta de memoria histórica e de
conciencia de nación. Por iso se pon a traballar desde moi mozo na recuperación
da identidade galega e na construción dunha ideoloxía que asuma e defenda o
país, desde La primera luz.
Libro de lectura para uso de las Escuelas de primeras letras en Galicia,
que sae do prelo en 1859, até o último e incompleto tomo quinto da Historia de Galicia, publicado
en 1913. El será, certamente, o verdadeiro creador da historia nacional galega
e o primeiro grande teórico do nacionalismo galego. En realidade é a única
personalidade que antes das Irmandades da Fala afirma conceptualmente que
Galiza é unha nación.
Cómpre
que regresemos a Murguía para vermos, máis unha vez, o que un home ou unha
muller pode facer pola súa terra se de verdade Galiza forma parte do seu
proxecto vital. O labor de Manuel Murguía foi fundamental para impulsar e apoiar
todo o que polo noso país se fixo no seu tempo, que, por certo, cubre un longo
período histórico, e a súa obra foi tamén imprescindíbel para asentar as bases
do que logo protagonizaron outras xeracións: as Irmandades da Fala, o Seminario
de Estudos Galegos, o nacionalismo do Partido Galeguista… Cómpre regresarmos a
Manuel Murguía, a Rosalía, aos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, a Castelao, a
Bóveda, a Otero, a Carvalho Calero… É preciso ver como a acción política a prol
de Galiza necesitou sempre do traballo intelectual e da divulgación cultural,
necesitouno para avanzarmos na sociedade con paso firme coas nosas ideas, para
soñarmos o que é posíbel se nosoutras e nosoutros queremos, para non sermos
nunca fráxiles na defensa dun outro porvir para a nosa lingua e para a nación
de nós, para non sentírmonos endexamais sen alento ou derrotados.
Teño a
impresión persoal de que o tempo que dedicamos a reunións, manifestacións,
concentracións e redes sociais non vai acompañado do necesario esforzo por
pensarmos intelectualmente o país. Teño a idea de que o soberanismo que hoxe
abrazamos con tanto entusiasmo necesita igualmente dun labor teórico e
pedagóxico que está en boa parte por facer. Teño a certeza de que se queremos
avanzar na introdución social do movemento pola soberanía política de Galiza,
alguén terá, máis cedo que
tarde, que darlle corpo teórico a ese proxecto de nación desde a perspectiva
actual, desde a situación na que estamos, con vontade didáctica, esforzándose
en lograr unha claridade discursiva que faga que o texto resulte comprensíbel
para calquera persoa con curiosidade por Galiza e con preocupación polos nosos
problemas e polo noso futuro colectivo. Creo, sinceramente, que ese labor está
aínda por facer, a pesar dalgunhas moi valiosas aproximacións que forman parte
xa da bibliografía galega.
Somos
unha nación, evidentemente, e precisamos a soberanía política, claro que si.
Mais é imprescindíbel afirmar e socializar ese pensamento político, e para
avanzarmos nesa dirección témolo que facer tamén intelectualmente, acompañando
o paso da mobilización social, ou mesmo abrindo o camiño á mobilización social.
Foi sempre así, desde Manuel Murguía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario