Se fósemos un país normal, que
valorase e amase o propio, habería ringleiras de xente para
ver as exposicións dos
Masides en Compostela (Carlos Maside no Centro Cultural Afundación, na rúa do
Vilar, e Xulio Maside no Auditorio de Galiza) e a de Colmeiro na Coruña (Museo
de Belas Artes). E entristécenos enormemente que iso non sexa así, porque estamos diante de tres grandes pintores
galegos que xa quixeran para si outras culturas e outros países. No caso de
Colmeiro, ademais, creo que na cidade d´A Coruña non se organizaba unha mostra
da súa obra desde os anos trinta do século pasado. Mais non queremos falar aquí
da importancia das exposicións de Carlos Maside, Xulio Maside e Manuel Colmeiro
nin tampouco da indiferenza da cidadanía galega perante estes acontecementos
culturais. Do que si queremos falar é do que terían que facer e non fan as
administracións e os medios de comunicación para socializar a relevancia destas
tres exposicións.
Dá a impresión de que este tipo
de eventos culturais só se organizan para cubrir o expediente, non para achegar
a Arte ao público, que debería ser a principal finalidade. Eu pregúntome, por
exemplo, que é o que realmente se fai para que calquera persoa sinta o desexo
de ver a obra de Manuel Colmeiro no Museo de Belas Artes da Coruña? Incluso
dentro da propia cidade da Coruña, que é o que se fai cos centros docentes para
que as rapazas e os rapaces se aproximen a esta grande figura a través da obra
aí exposta? Por non haber non hai nin
publicidade desta exposición nos espazos públicos reservados na entrada da
cidade para dar a coñecer calquera tipo de evento cultural. Isto é inimaxinábel
en Madrid cada vez que alí se monta unha exposición, ben sexa sobre Tintoretto,
Rafael, Matisse, Gauguin, Goya, Dalí ou o Greco. No caso da exposición de
Colmeiro nin sequera fixeron un tríptico para distribuír ás persoas que visiten
o Museo. A feira taurina que se organiza na Coruña ten infinitamente máis apoio
publicitario que unha exposición de Manuel Colmeiro no Museo de Belas Artes,
que é o maior acontecemento artístico do ano na cidade da Coruña. É difícil
imaxinar un maior desprezo pola cultura galega desde as
propias institucións do país.
Cada vez que se organiza en
Madrid unha exposición temporal no Museo
do Prado, no Tyssen, no Reina Sofía ou en Caixa Forum non se aforran medios
para publicitar esas mostras en toda a xeografía do Estado español, e non só en
todos os medios de comunicación, senón tamén na rúa. O pasado verán estivemos
máis unha vez en Madrid para ver varias exposicións e todo o Paseo do Prado estaba
cheo de bandeirolas anunciando a mostra de Alma-Tadema e da pintura victoriana
no Tyssen. Xa quixeramos nós que polos Cantóns da Coruña adiante estivese
anunciada a exposición de Colmeiro como estaba a pintura victoriana polo Paseo
do Prado, ou xa quixeramos que nas entradas da cidade de Compostela se
anunciasen as exposicións de Carlos Maside e de Xulio Maside igual que se
anuncian as rebaixas do Corte Inglés. Así é imposíbel non xa que haxa
ringleiras de persoas para ver a obra destes nosos grandes mestres da pintura
galega, senón que haxa alguén a calquera hora do día e calquera día da semana
visitando esas exposicións.
Teño que dicilo: detesto
profundamente os actos de inauguración das exposicións, porque normalmente
están cheos de autoridades que desprezan a cultura, que len discursos que
outros escriben, que falan do que non coñecen nin aman e que nin sequera volven
outro día para contemplar sen focos a obra alí exposta, para marabillarse ou
emocionarse con algún cadro da exposición. Así de claro o digo: debería estar
prohibida a presenza das autoridades nas inauguracións das exposicións. Por
respecto á Arte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario