Estamos en París, en xuño de 1974, na sede do Partido
Socialista francés. O PSOE, tras diversos contactos previos, reúne alí a varias
organizacións do ámbito socialista peninsular: o Moviment Socialista de Catalunya,
o Partido Socialista Galego, o Partit Socialista del País Valencià, o Secretariat
d´Orientació Socialdemócrata e a Unión Sindical Obreira. É a Conferencia
Socialista Ibérica, que preside Bruno Pittermann, entón presidente da
Internacional Socialista. Entre os acordos daquela histórica reunión, hai un no
que se fala do “recoñecemento polo PSOE da existencia de partidos socialistas
nas nacionalidades periféricas e posibilidade dunha federación de todos os
partidos socialistas, coa conseguinte disolución das federacións rexionais do
PSOE naquelas nacionalidades nas que existan partidos socialistas”.
Á porta da sede do PS francés, Pablo Castellano, daquela un
dos máis destacados dirixentes do socialismo español, colle polo brazo a Beiras
e dille: “Haberá que mudar moitas cousas, incluídas as siglas do PSOE”. Pouco
despois, en setembro dese mesmo ano, organízase a segunda sesión da Conferencia
Socialista Ibérica, esta vez en Bonn. Ao regreso da reunión, Felipe González,
sentado a carón de Beiras nun microbús camiño de Frankfurt, coméntalle ao
compañeiro do PSG: “E pensar, Beiras, que aquí o SPD renunciou ao marxismo…”.
Só algunhas semanas máis tarde, entre o 11 e o 13 de outubro, ten lugar o
Congreso de Suresnes, onde é elexido secretario xeral do PSOE Felipe González e
onde se aproba unha resolución sobre nacionalidades e rexións nos seguintes
termos: “A definitiva solución do problema das nacionalidades que integran o Estado
español parte indefectibelmente do pleno recoñecemento do dereito de autodeterminación
das mesmas que comporta a facultade de que cada nacionalidade poida determinar
libremente as relación que vai manter co resto dos pobos que integran o Estado
español”. Por certo, o autor do texto é un aínda mozo Alfredo Pérez Rubalcaba.
Hoxe podemos coñecer perfectamente porqué o PSOE promoveu a
Conferencia Socialista Ibérica no 74, o papel que xogou cada quen na construción
desa unidade de acción no ámbito estatal, primeiro a través da Conferencia
Socialista Ibérica e despois no seo da Federación de Partidos Socialistas, e,
por suposto, podemos ter unha idea moito máis nidia das razóns que explican
toda a traxectoria posterior do PSOE e de moitos daqueles dirixentes políticos
que naquel momento se pronuncian a prol da ruptura democrática e da
autodeterminación. Só hai que ler o libro Soberanos
e intervenidos, de Joán Garcés, ou os traballos de investigación do
historiador Antonio Muñoz Sánchez (El
amigo alemán. El SPD y el PSOE de la dictadura a la democracia ou La Fundación Ebert y el socialismo español)
para descubrir algunhas das chaves desta etapa política, que están na raíz
dunha das frustracións históricas que máis soños esnaquizou. E o máis
importante: cómpre aprendermos da experiencia para non repetir os mesmos erros
históricos.
Mais regresemos ao contexto da Conferencia Socialista
Ibérica. Desde mediados dos sesenta o Partido Socialdemócrata Alemán (SPD)
mantivo unha estreita e constante relación con Tierno Galván, que nunca foi do
agrado de Rodolfo Llopis e que mesmo está na orixe da expulsión de Tierno
Galván do PSOE. Tanto o líder do Partido Socialista do Interior como os dous
sectores do PSOE (o histórico e o renovado) competían por ocupar posicións cara
a unha transición que todos sabían que se ía producir. Diante desa situación, e
co fin de forzar a unidade orgánica dos distintos grupos socialistas, a
dirección do SPD incluso evitou en 1973 todo contacto cos diversos partidos
socialistas españois que buscaban o recoñecemento da Internacional Socialista.
De feito o SPD denegoulle o convite ao PSOE renovado para asistir ao congreso
que os socialdemócratas alemáns celebraron en abril de 1973. Ese mesmo verán o
SPD nin sequera recibiu unha delegación do PSOE encabezada por Pablo Castellano
e Enrique Múgica, que os dirixiu á Fundación Ebert, onde lles transmitiron a
proposta de organizar na RFA un congreso refundador do socialismo español no
que deberían participar, entre outros, o PSOE e o PSI de Tierno Galván, ao que
eles reaccionaron indignados, porque nada querían saber de Tierno.
Fracasado o intento de mediación entre as varias familias
socialistas españolas, finalmente a dirección do SPD respaldou en xaneiro de
1974 o recoñecemento do PSOE renovado como único partido español representado
na Internacional Socialista. Por outra parte, o PS de Mitterrand fixou como
unha das súas prioridades a unidade dos socialistas españois. É aí, nese
contexto, onde temos que situar a celebración da Conferencia Socialista Ibérica,
que foi organizada polo SPD e o PS francés, co apoio da Internacional
Socialista. Talvez non todos os que se reuniron aqueles días en París en xuño
do 74 eran plenamente conscientes de que aquela reunión obedecía a unha
necesidade organizativa do PSOE e ás presións e demandas do SPD e do PS francés.
O guión da Conferencia Socialista estaba previamente falado e pactado, e non
precisamente cos que foron os protagonistas daquel encontro. O PSOE só tiña o
obxectivo de consolidarse como a única organización socialista en todo o Estado
español. E con tal fin convocou ao resto dos partidos socialistas, que
inxenuamente pensaron que o PSOE buscaba unha estrutura organizativa para
actuar en todo o Estado sobre a base dunha relación en pé de igualdade e
respectando o territorio de cada quen. Tras o Congreso de Suresnes, e a medida
que o PSOE se foi reforzando co apoio da Internacional Socialista, do Partido
Socialdemócrata Alemán, do Partido Socialista francés e fundamentalmente da
Fundación Ebert, coa implicación directa de Dieter Koniecki, os partidos
socialistas que participaron na Conferencia Socialista Ibérica comprobaron moi
axiña que os plans do PSOE eran outros. De feito o PSOE abandona a CSI en abril
de 1975. O propio PSOE e os seus colegas do SPD e da Fundación Ebert chegaron
tamén moi pronto á conclusión de que podían prescindir do resto dos partidos
socialistas como compañeiros de viaxe, porque despois das primeiras eleccións
serían borrados do mapa. Só necesitaban o prestixio dos dirixentes daqueles
outros partidos. Precisaban nomes como Joan Reventós, Xosé Manuel Beiras, Josep
Pallach, Joan Garcés, Ernest Lluch, Narcís Serra, Enrique Barón ou Raimon
Obiols. Necesitaban os seus nomes, non as súas ideas.
Máis aló das necesidades e dos obxectivos do PSOE, chama a
atención o papel decisivo que xogou a socialdemocracia alemá na orientación do
proceso da transición española. As investigacións levadas a cabo nos últimos
anos por Muñoz Sánchez nos propios arquivos da Fundación Ebert e do SPD poñen
ao descuberto a profunda preocupación do poderoso partido de Willy Brandt por
unha transición española liderada desde a oposición polos comunistas do PCE ou
pola posibilidade dun 25 de abril no
Estado español. Por outra parte, nas conversas que mantén o SPD con Felipe
González, primeiro en Lisboa e logo en Bonn, os alemáns comproban que os plans
do novo dirixente do socialismo español coinciden totalmente cos desexos do SPD.
É así como desde marzo de 1975 a Fundación Ebert, o SPD, o Goberno da RFA e o
conxunto dos partidos socialistas que integran a Internacional Socialista, especialmente
o Partido Socialista francés, se implican a fondo para que o PSOE de Felipe
González lidere a transición española, non sen unha certa complicidade do
daquela ministro Fraga Iribarne, que inicialmente prefería a Enrique Tierno
Galván ao fronte do socialismo español.
Nese novo escenario político, naquela complexa circunstancia
histórica, os outros partidos socialistas que aínda tiveran alento para constituír
o 7 de marzo de 1976 a Federación de Partidos Socialistas tras o fracaso da
Conferencia Socialista Ibérica -agora xa sen a presenza do PSOE-, só poideron
optar entre dúas alternativas: resistir como forza propia do seu país ou
integrarse na estrutura do PSOE. Foi entón cando o PSG, abandonado á súa sorte,
regresou á súa Itaca tras aquel intento de articular o conxunto do socialismo
rupturista nun “proxecto común”, nunha “organización unitaria, descentralizada
e democrática, sobre unha base federativa”. Foi tamén daquela cando os pexegos puxeron en circulación unha
mensaxe que até entón non fixera falta proclamar: “Pra que os teus votos non
emigren, vota ao PSG. Os socialistas galegos somos nós”. Eu, que tiña dezasete
anos no verán do 77, non precisei naquel momento máis corpus teórico que aquel
slogan do Partido Socialista Galego para saber con quen tiña que estar. A pesar
de que entón, e durante moitos anos, a única marea que chegaba a todas as
praias e que ademais ilusionaba a unha amplísima maioría
social era marea do socialismo que representaba o PSOE de Felipe González, outras
e outros optamos por seguir a apostar pola existencia das forzas políticas
propias e por un proxecto de país. Só así, con moito esforzo, moita entrega e
non menos ilusión, fomos quen de lograr que a nación galega non desaparecese do
mapa político e de ofrecerlle á nosa sociedade unha alternativa de goberno para
os concellos e para o conxunto da cidadanía galega. Hoxe, coma onte, cómpre ter
os ollos moi abertos e estar alerta, e nunca, nunca, perder a referencia do
país. “Pra que os teus votos non emigren”, como dicían os pexegos do 77.
Ningún comentario:
Publicar un comentario