Lembremos as palabras de Eclesiastés: Un amigo fiel,
amigo seguro / quen o atopa, encontra un tesouro. Quen a Felipe Senén ten de amigo, ten, desde logo, un tesouro. Felipe
irradia permanentemente bondade, paixón, entrega, xenerosidade. Ten a sabedoría
dos humanistas, a humildade de Francisco de Asís e a delicadeza de Francis
Jammes, Manuel María e Nononeyra. Na súa palabra está o sentimento da terra e o
verbo torrencial de don Ramón Otero Pedrayo.
Na súa pintura van as cores de Carlos Maside e as formas de Luís Seoane.
O seu fervor patriótico nútrese no espello de Bautista Álvarez, do Carballiño,
coma el. Mais se hai algo que sempre admirei e agradecín en Felipe Senén é o
seu apoio entusiasta aos demais, a calquera persoa que faga algo por manter
viva a identidade e a cultura do país, por moi humilde que o traballo sexa. Non
coñezo a ninguén con tanta fartura en louvanzas para os amigos, que até niso, no
eloxio e no recoñecemento, somos moi pobres. Felipe Senén é un home que sabe
recoñecer e agradecer o que os outros fan, que ten sempre aí unha palabra para
ti, o alento que precisas para seguer adiante. A palabra de Felipe Senén é unha
raiola que nos ilumina por dentro. Só por recibir unha
verba de Felipe xa merece a pena escribir un poema, facer unha ola de barro, un
reloxio de parede ou un barco de ribeira, conservar un hórreo, un peto de
ánimas ou unha humilde fonte de pedra. Felipe Senén saberá agradecelo, máis que
na súa xusta medida, talvez esaxeradamente.
Unicamente un home da
sensibilidade de Felipe Senén pode un día traer de Nicaragua a Ernesto Cardenal
e presentarse co grande poeta nicaragüense en Monforte de Lemos para celebrar o
cumpreanos de Saleta Goi. Só alguén que posúe a delicadeza dun poeta pode coller
na Provenza a semente dun altísimo
ciprés, plantala nunha horta do Carballiño, ao abrigo do vento, entre as
camelias, asistir gozoso ao nacemento do novo ciprés, coidalo amorosamente como
coida as roseiras un abade no xardín do claustro e levarllo logo a Manuel María
a Outeiro de Rei para que lle canten nel os paxaros na primavera e lle faga
sombra ao poeta amigo nos días máis calorosos do verán. E non lle trae ao
Manuel o primeiro canto gregoriano da mañá do mosteiro de Silos porque sabe que
o perde polo camiño. Mentres Felipe Senén é capaz de todo iso e máis, nós só
sabemos ler en silencio os versos dun dos poemas máis fermosos de Manuel María:
Fírgoa de luz / parda e magoada, / patria da brisa, / dos tépedos / ventos
vagamundos / e canoros, solpor / da nosa melancolía / solitaria, pequeno /
anaco de noite / vixiante, resplandor / da nosa íntima / tristura resignada, /
salouco da terra: / enorme bágoa.
Felipe Senén, o
primeiro no meu Libro dos Amigos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario