É un día caloroso
como o foron o 11 e o 12 de agosto do 75. Localizo a casa que habitaban Lois
Ríos e Elvira Souto: rúa Concepción Arenal, 53, 1º. Aquel luns, 11 de agosto,
despois do xantar, os dous mozos ábrenlle a porta a outro rapaz que os dous
coñecen ben: trátase de Moncho Reboiras. Un pouco máis abaixo, no núm. 45, está
a casa pola que Moncho sae á rúa despois de fuxir polos tellados, concentrando nel
toda a atención das forzas represivas e axudando así, nun derradeiro acto de
xenerosidade, a que os outros dous camaradas poidan quedar libres do cerco
policial. Ignoramos en que momento o feriron, en que punto do traxecto alcanzaron
o seu corpo os primeiros balazos, mais até o portal do número 27 da rúa da
Terra hai un bo treito, un traxecto que Moncho fai xa ferido de morte e con
ducias de metralletas seguíndolle o alento. Aínda hoxe nos estremece o corazón
imaxinar aqueles últimos momentos da vida de Moncho Reboiras e pensar no seu
grande heroísmo e no esforzo físico que tivo que facer para poder chegar ao
portal 27 da rúa da Terra, onde finalmente se desangra.
Estou agora xusto
aí, na mesma rúa na que Moncho caeu
abatido a balazos, e a casualidade fai que a esta hora da tarde, coas rúas de
Ferrol totalmente desertas, me atope con Francisco Rodríguez, que foi unha das
persoas que naqueles días de represión e terror axudou a Elvira Souto a fuxir
de Ferrol, só algunhas horas despois de que unha nai desgarrada pola dor e o
seu outro fillo recolleran o corpo de Pepe, depositado totalmente espido sobre unha fría
mesa de pedra do cemiterio de Catabois. Paco e eu percorremos as mesmas rúas
que pisou Moncho Reboiras aquela tráxica noite do doce de agosto e xuntos observamos
as dúas casas da rúa Concepción Arenal. Pasaron 39 anos e é imposíbel non
emocionarse. Só unha persoa coa coraxe de Reboiras podía demostrar tanta
valentía fronte a unha ditadura tan férrea, fronte a un réxime fascista como o
de Franco. E diso deu probas dabondo Xosé Ramón Reboiras Noia non só aquela noite
de agosto nas rúas de Ferrol, senón desde o seu ingreso na UPG en 1969, en
pleno estado de excepción. Foi a súa unha entrega sen límites. Un heroe en
tempos de covardía, como din os versos do poeta Manuel María. Mais fariamos mal
todas e todos nós e as xeracións que han de vir se só nos lembrásemos de
Reboiras cada 12 de agosto, porque é a súa vida, o seu compromiso con Galiza ao
longo de toda a súa mocidade, desde que se iniciou no maxisterio humanista do
Padre Seixas aos dezaseis anos até que
as balas do franquismo lle segaron a vida, o que de verdade debe estar presente
na militancia de cantos e cantas abrazamos a causa galega.
Creo que nos
últimos anos todas e todos nós puidemos redescubrir e coñecer con máis
profundidade a biografía de Moncho Reboiras. Conservamos sempre desde 1977, co
mesmo aprecio que lle temos a outros libros, aquel caderniño de Edicións Terra
e Tempo, homenaxe urxente e humilde, con prosa de combate, ilustracións dun
tempo de resistencia contra a ditadura, versos do propio Moncho e un longo
poema de Lois Diéguez. Tamén tivemos sempre na memoria, entre outros textos que
xa forman parte da nosa literatura, o “Poema/Homenaxe a Xosé Ramón Reboiras
Noia”, que aparece no libro de Manuel María Poemas
para construír una patria, que editara a Fronte Cultural da AN-PG en 1977.
Moitos anos despois, Xosé Ramón Ermida e
Uxío-Breogán Diéguez elaboraron outro moi interesante caderniño por encargo da
UPG. Mais foi no ano 2009 cando a Fundación Bautista Álvarez editou o que até
agora é o achegamento máis profundo á figura de Moncho Reboiras, un volume
coordinado polo noso camarada e amigo Roberto Vilameá, no que se recollen
traballos de diversas persoas, a maioría compañeiros e compañeiras de combate
de Reboiras naqueles anos setenta.
Cómpre ler e reler
este libro (Moncho Reboiras. O
nacionalismo galego nos anos 70) para redescubrirmos a verdadeira dimensión
humana, política e intelectual de Xosé Ramón Reboiras Noia. Realmente o libro,
no seu conxunto, ofrece unha visión moi clara da enorme estatura de Moncho
Reboiras como dirixente político, a pesar da súa mocidade, e ofrécenos tamén a
posibilidade de coñecermos algo mellor o que foi a loita do nacionalismo galego
na clandestinidade. Agradécese, ademais, o esforzo por recuperar a imaxe de
Moncho como un mozo máis do seu tempo, que se reflicte xa na fotografía da
portada e que aflora unha e outra vez ao longo do libro, un mozo que vive o
impacto do paso do campo á cidade, a realidade do mundo proletario de Teis, que
se forma academicamente no Instituto Santa Irene e na Escola de Enxeñería
Industrial de Vigo, que se cruza no camiño co Padre Seixas, con Méndez Ferrín,
con Xaime Illa Couto, con Camilo Nogueira, con Manuel María, con don Ramón
Otero Pedrayo… A Asociación O Castro, a
Asociación Cultural de Vigo, a Fundación Penzol e a UPG serán a súa outra
universidade, onde se forma como galego plenamente consciente da existencia da
nación galega, da súa historia, da súa cultura, dos seus dereitos…
Máis aló da propia
figura de Moncho Reboiras, tan admirábel, creo que é preciso ver o exemplo de
toda unha xeración de galegos e galegas que nun momento tan difícil para o
compromiso político, e cando estaba case todo por facer, arriscan os seus traballos,
os seus estudos, o seu futuro, mesmo as súas vidas, e erguen a bandeira de
Galiza e do nacionalismo galego no campo sindical, no político, no cultural, na
universidade, no
medio rural e nos barrios obreiros das cidades, construíndo día a día,
desde a clandestinidade, unha alternativa nacionalista para o país. Aquilo si
que era militancia! Independentemente da
evolución ideolóxica e política de cada quen, da coherencia que podemos atopar
en moitas persoas entre o pensamento e a praxe daqueles días e o pensamento e a
práctica de hoxe, é de xustiza recoñecer aquel esforzo, aquela entrega, a coraxe política de toda aquela xeración e
todo aquel inmenso labor, sen o que non sería posíbel o crecemento organizativo
do nacionalismo galego que veu despois. Eu, desde logo, agradezo á xeración de Moncho Reboiras o sacrificio, a
valentía e a lucidez daquel tempo. Non hai obra humana que me mereza máis
admiración que a entrega a unha causa xusta como é a loita pola liberdade dun
pobo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario