“Cando os máis dos académicos e
académicas aquí presentes chegamos á Cidade das letras galegas, Manuel María xa
estaba alí, na porta, facendo se tal un cigarro, á nosa espera, e deunos unha aperta
de recepción cordial”, dixo Méndez Ferrín aquela fría mañá de febreiro de 2003
en Vilalba, diante de centos de amigas e de amigos do grande poeta chairego,
procedentes de todo o país. Era, certamente, un acto de xustiza e de verdade
histórica recoñecer a Manuel María como precursor da literatura galega nesa
primeira xeración da posguerra, adiantándose incluso no compromiso co noso
idioma e coa poesía galega a poetas como Celso Emilio Ferreiro, Miguel González
Garcés, Pura Vázquez ou Luz Pozo Garza -todos eles máis vellos que el-, e
abrindo o camiño que logo transitarían o resto dos homes e das mulleres da súa
xeración: Cuña Novás -a quen sempre o Manuel considerou o seu irmán maior-,
Avilés de Taramancos, Novoneyra, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Salvador
García-Bodaño… Mesmo na prosa galega da posguerra foi Manuel María pioneiro,
publicando narrativa en lingua galega antes que o propio Ánxel Fole, Álvaro
Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor ou Neira Vilas. E igual acontece no noso teatro,
onde destaca como un dos seus cultivadores máis constantes desde mediados dos
anos cincuenta, cunhas vinte e cinco pezas
publicadas ao longo da súa vida. Como dixo o Ferrín: Manuel María xa estaba alí
cando todos os demais chegaron: na poesía, na prosa, no teatro, na defensa da
lingua, no combate firme e diario pola patria.
Quen así adopta ese compromiso co
noso idioma e coa literatura de nós desde os 19 anos e desde o ano 1949, cando
o galego estaba proscrito e nunha época en que só o feito de escribir en lingua
galega era xa un acto subversivo, é porque ten desde moi noviño un sentimento e
unha idea moi clara de país, que o leva moi pronto ao compromiso político
clandestino, primeiro co Consello da Mocedade e algúns anos despois coa Unión
do Pobo Galego (UPG), organización á que se incorpora, xunto con Saleta Goi, a
súa compañeira, aos poucos días da súa fundación, a primeiros de agosto de
1964, nun xantar que se celebra en Escairón con Xosé Luís Méndez Ferrín. Veleiquí o poeta / irmán, innecesariamente
evocado en outono / porque hai mil anos / que nacemos xuntos na cunca de pedra
do noso idioma / e convivimos agres, di o de Vilanova dos Infantes nese
magnífico poema de Con pólvora e
magnolias que moitas e moitos de nós levamos na emoción e na memoria.
Ramón Piñeiro, aquel vello e
admirado amigo das tertulias de Lugo e de Compostela, que era como un Castelao
para aqueles mozos da primeira xeración da posguerra e que un día do ano 1952
lle pasa o Sempre en Galiza a un
Manuel María cada vez máis ideoloxicamente influído polo pintor Carlos Maside; Piñeiro,
digo, acaba sendo a primeira grande decepción para o poeta de Outeiro de Rei,
igual que foi tamén unha dolorosa frustración para Antón Moreda. Ramón Piñeiro,
o home que moitos daqueles rapaces consideraban o mestre, non é, agora si o
teñen claro, nacionalista. Nunca el nas longas conversas arredor da
mesa-braseiro, nos parladoiros na casa de Domingo García-Sabell, na Rosaleda,
ou nas tertulias do Café Español, nunca el, repito, abraza a idea de Galiza
como nación. Non está en ningún momento a prol da reorganización do
nacionalismo, non cre na necesidade de forzas políticas propias, e combate unha
e outra vez calquera proxecto que teña as súas raíces no pensamento político de
Castelao. E é precisamente o propio Ramón Piñeiro o que liquida o vello Partido
Galeguista de Castelao e Bóveda e o que promove a creación do PSG para destruír
a recén creada UPG. Cómpre non esquecermos a filosofía inicial do partido que
se funda á sombra de Piñeiro no despacho de Sebastián Martínez-Risco: “Non
somos nacionalistas porque non somos reaccionarios”, podemos ler nun “Adiante”
de outono de 1965. O combate do nacionalismo desde o seo do galeguismo, coa
participación activa do mestre!
Hai que galeguizar os partidos
estatais. Velaí a principal misión política que lles transmite Ramón Piñeiro
aos que pasan pola mesa-braseiro de Xelmírez. O nacionalismo non ten futuro. É
unha idea do pasado. Nós sós non podemos construír o país. Temos que implicar
no galeguismo ás forzas políticas maioritarias que operan en Galiza. Hai que
conquistar o apoio de amplos sectores sociais. Esa é a estratexia que defende
Piñeiro no momento da Transición. “No pasado, o galeguismo era un partido entre
tódolos partidos que actuaban en Galicia; no futuro, será un imperativo de
tódolos partidos galegos. A maioría de edade de Galicia consiste mesmamente en
que deixe de existir un partido galeguista para que sexan galeguistas tódolos
partidos”, dille Ramón Piñeiro a Rodolfo Prada nunha carta datada en Compostela
en febreiro de 1976. E en coherencia con ese pensamento, Piñeiro impulsa a
creación de Realidade Galega e pouco despois el mesmo se compromete activamente
co PSOE de Francisco Vázquez nas primeiras eleccións ao Parlamento galego.
PSOE, 16 deputados; Bloque-PSG, 3; Esquerda Galega, 1. Con ese resultado tan
exiguo para as forzas propias, e nese escenario tan confuso para unha cidadanía
galega tan necesitada de conciencia de país, de autoorganización e de confianza
na súa propia forza como pobo, nese contexto político cada vez máis adverso
para o nacionalismo galego, moitas e moitos de nós seguimos a remar río arriba,
sen perdermos a ilusión e sen renunciarmos endexamais ao soño de irmos un día
do Courel a Compostela por terras liberadas. E foi así como erguemos o edificio
da casa común, confiando na nosa propia forza. E nunca aí deixou de estar, na
primeira liña de combate, o noso poeta coa pedra
de grá / do seu canto popular e limpo / e a bandeira vermella que nos viste
/ conxuntamente, preludio do sudario,
porque Manuel María si foi un home de compromiso inquebrantábel co nacionalismo
galego. Unha liña recta na defensa da patria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario