Dicía Manuel María que aínda que andara todas as terras do mundo, sempre estaba en Outeiro de Rei, na súa paisaxe, escoitando o rumor dos seus ríos, vendo o Cordal de Chinto e albiscando os Montes de Abadín. Ámote, Outeiro, como non amei / a terra algunha, proclama o poeta nun dos seus poemas. Dicía tamén Manuel María que sempre o acompañaba a soidade da Terra Chá, esa terra da que el estaba feito e á que un día quería regresar, porque desa terra procedía o aire que respiraba, o cal dos seus ósos e a arxila do seu corpo: …quero / deitarme, Outeiro, no teu chao, / contemplar o brillo das estrelas, / o paso das nubes tráxicas e grises / mentres, con todo o meu ser, vou, / moi de vagar, dun xeito lúcido, / facéndome, para sempre, terra túa / e ensumíndome, calado, no teu seo.Canto máis navegamos ese río grande que é a poesía toda de Manuel María, canto
máis sucamos o seu canto, máis admiramos a luminosidade do seu pensamento poético, que vai máis aló do pensamento político e patriótico que expresan os seus poemas, e, por suposto, máis aló do plano estritamente literario, porque Manuel María, ademais dun altísimo poeta e dun poeta cunha fidelidade inquebrantábel ao seu país, foi tamén un home cunha profunda sabedoría humanista, un home que tivo desde moi mozo unha maneira de contemplar e comprender o mundo que con toda certeza nos leva ás orixes da súa formación intelectual, á biblioteca do seu tío crego e ás longas conversas co poeta Luís Pimentel, que é o mesmo que dicir, á sensibilidade de Francisco de Asís e de Francis Jammes, tan presente e tan viva na súa poesía, en calquera das súas épocas, mais dunha forma máis constante e máis preponderante nos seus últimos libros.
Outros con máis autoridade académica ca min teñen observado xa a presenza do pensamento vital de Francis Jammes no pensamento poético de Manuel María. Nos dous poetas atopamos, efectivamente, esa actitude de cegamento ante a marabilla do cosmos, o amor pola natureza, ese esforzo por penetrar na alma das pequenas cousas, mesmo dos obxectos inanimados, a ollada do cotián e do rural, a evocación do territorio máis íntimo, unha enorme humildade e admiración ante unha pinga de orballo ou ante a delicada luz do vagalume. Cando o propio Manuel María define a poesía de Jammes está definindo tamén unha parte importante da súa propia obra poética, aquela que se nutre do máis profundo e esencial do ser humano, aquela que só pode escribir quen posúe unha finura extraordinaria, unha grande capacidade de observación, vivencias moi fondas, e quen, ademais, sabe meditar, recollerse espiritualmente, facer o camiño cara dentro, ser mineiro de si mesmo. No prólogo que escribiu para a tradución ao galego das Catorce oracións de Francis Jammes, Manuel María fala dunha poesía caracterizada pola súa sinxeleza transparente, polo seu franciscanismo, polo amor polo telurismo panteísta, pola aceptación do cotián e pola expresión dos sentimentos dun xeito auténtico, directo, claro; elementos estes, certamente, ben familiares para as lectoras e os lectores da poesía de Manuel María. Toda a delicadeza poética, a fondura humana e o máis alto saber de Manuel María está precisamente en libros como As lúcidas lúas do Outono ou Compendio de orballos e incertezas, onde o poeta alcanza os máis elevados cumes da poesía. Non deixedes nunca de regresar unha e outra vez a eses seus poemas, porque a súa claridade é precisa e imprescindíbel para iluminarnos por dentro.
Non é de estrañar que cando Manuel María visita por primeira vez a tumba de Francis Jammes en Hasparren, nos Baixos Pirineos, deixe cunha emocionada tenrura as rosas da súa admiración e os caraveis do seu sentimento enriba da lápida do poeta vasco-francés, daquel poeta de longas barbas brancas que tanto admiraron outros como Mallarmé ou Rilke e que Manuel María tivo a sorte de descubrir na súa mocidade nada menos que na voz de Luís Pimentel. Imaxinámonos perfectamente a fonda emoción de Manuel María no momento do seu tantas veces soñado reencontro co seu admiradísimo poeta que dorme na paz da terranun cantiño daquel pequeno cemiterio de Hasparren que, como este de Outeiro de Rei, ten algo de horto e de xardín. E sabemos moi ben que naquela primeira ofrenda de Manuel María a Francis Jammes ían tamén as rosas de Luís Pimentel, de Noriega Varela, de Aquilino Iglesia Alvariño, de Crecente Vega, de Díaz Castro… Con esa mesma entrega emocional, coa dor aínda no corazón pola ausencia do amigo, poñamos nós agora, sobre a lápida de Manuel María da Casa de Hortas, estas outras rosas que Saleta trae entre as súas mans e que expresan igualmente toda a nosa admiración e o noso sentimento por este noso grandísimo poeta que nos axudou a descubrir e a amar a nosa patria e a abrirnos para sempre á verdade e á beleza.
Máis lecturas
máis artigos

Ningún comentario:
Publicar un comentario