Quen nos ía dicir a moitas e
moitos de nós hai só un par de anos que os debates iniciados en Madrid a mediados de 2011 no seo de Izquierda
Unida e formulados logo como propostas de actuación de estratexia política na X
Asamblea de IU acabarían por ser abrazados con verdadeiro fervor por irmáns
nosos, algúns deles portadores dunha pancarta que pide independencia e
socialismo! O noso país na folla de ruta de Izquierda Unida! Sinceramente, para
chegar a ese porto non facía falla tan longa travesía. O PCG xa se fundou en
París en 1968.
Supoño
que non foi por unha posición excluínte ou por sectarismo polo que o vello PSG
ou o Bloque Nacionalista Galego nunca acordaron concorrer a unhas eleccións en
coalición electoral cunha forza estatal. E non se pode dicir que en todo ese
longo período de tempo non había circunstancias políticas, económicas e sociais
que demandasen unha unidade de acción e unha acumulación de forzas. Para
comezar, o fracaso electoral do nacionalismo galego nas primeiras, nas
segundas, nas terceiras, nas cuartas, nas quintas e nas sextas Eleccións Xerais
ás Cortes do Estado. Case vinte anos de clamorosa ausencia da realidade
política de Galiza e dos problemas da nosa sociedade nos debates do Congreso
dos Deputados! E, non obstante, ninguén propuxo unha acumulación de forzas coa
esquerda española para acadar tal obxectivo. E outro tanto sucedeu nos anos da
chamada “peste Fraga”, nos que tampouco ningún nacionalista galego alzou a voz
para sumar nunha gran coalición electoral a toda a esquerda á esquerda do PSOE.
Non,
non foi por unha posición excluínte ou por sectarismo polo que o PSG ou o BNG
nunca pactaron unha candidatura electoral coa esquerda española. Foi
simplemente porque hai quen ten un proxecto político para unha nación soberana,
porque hai quen lle concede unha importancia capital á dialéctica política que
crea conciencia de país, porque hai quen entende o Dereito de Autodeterminación
como un proceso que se constrúe e se exerce día a día e non como unha simple
declaración de principios políticos que se escribe nun documento congresual;
porque hai quen non está disposto a borrar da nosa historia unha experiencia
política acumulada durante anos e anos de compromiso e combate para
sobrevivirmos con dignidade como pobo, porque hai quen, en definitiva, non renuncia á luminosidade dun
pensamento que nos fixo ver -a moitas e moitos de nós desde unha xa lonxana
adolescencia- a necesidade de contarmos con forzas políticas propias que
defendan un proxecto común para unha Galiza soberana. Se alguén quere denominar
posición excluínte e sectaria todo o que acabamos de enunciar, entón quen así
pense terá que recoñecer necesariamente que algúns dos que agora abandeiran e
defenden afervoadamente o proxecto de AGE ou unha coalición electoral do nacionalismo
galego con Izquierda Unida si mantiveron unha posición excluínte e sectaria
durante case toda a súa vida. E aqueles e aquelas que deron ese xiro de 360º na
súa mente e na súa praxe política supoño que asumirán tamén que toda a súa
traxectoria nacionalista anterior foi unha tremenda equivocación. Se é así,
agardo que calquera día destes alguén nos diga con palabras de Camôes: Errei todo o discurso de meus anos. É o mínimo que pode facer por respecto
a este pobo quen predicou dende o Ortegal ao Miño que o nacionalismo galego, e
só o nacionalismo galego, é a alternativa política que o noso país precisa, a
única carraxe que “pode poñer aos homes de pé, parir unha Galiza soberana, un
pobo dono de si mesmo”.
O que
está en xogo aquí e agora, nesta encrucillada histórica e no momento político
que estamos a vivir, non é un bo resultado electoral para unha ou outra forza
política nas eleccións ao Parlamento Europeo do próximo ano. Tampouco está en
xogo nestas vindeiras eleccións a posibilidade de lograrmos desde o centro da
Península un paso adiante na quebra democrática e no proceso de
autodeterminación do noso pobo. Equivócase quen así pense. Nin con 50 deputados
e deputadas de Izquierda Unida en Madrid. O vento que ha de mudar o rumbo da
nosa historia non virá endexamais de Terra Ancha. Catalunya e Euskadi
deprenderon ben esa lección. O que de verdade está en xogo nesta circunstancia
histórica é o propio proxecto de país, que vén de moi atrás e vai máis aló
dunhas determinadas siglas e do éxito ou do fracaso electoral dunha alternativa
política concreta. Está en xogo a nosa dignidade como pobo, a súa existencia no
plano político, a confianza en nós mesmos, na nosa forza como sociedade galega
viva. Está en xogo a propia credibilidade do pensamento nacionalista, defendido
teimosamente durante décadas e décadas e en circunstancias adversas e mesmo ben
dramáticas. Está en xogo, en definitiva, que Galiza sexa quen, máis unha vez,
de formular unha posición de
país a través dunha expresión política de seu, é dicir, nacionalista.
“Compre
renderse á evidencia: só o combate pola nosa autodeterminación como povo,
orientada cara a independencia, só ese camiño poderá chegar a algures, só esa
actitude suscitará respeito cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos, poisque
a caverna española só respeita a quen teme”, dixera o meu mestre un certo día
en Láncara. Cando Beiras era Beiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario