22/01/11

Reclamo a palabra exiliada de Alfonso Pexegueiro


Dixéralle Ferrín mentres xantaban no bar Danubio, nas Travesas: "Escribiches o libro que eu levaba agardando dende hai anos. Podes xa non escribir máis. Hai que publicalo". Baixo o selo de Rompente, en forma apaisada e con ilustracións de Vázquez Diéguez, Seraogna sae á rúa por fin o 10 de maio de 1976, nos Obradoiros Artes Gráficas Paredes, en Pontevedra. En realidade é unha edición de autor, na que colabora economicamente con corenta mil pesetas -case a metade do seu custe- o psiquiatra Cipriano Jiménez Casas. O libro estivera antes nas mans de Manuel María para editar en Edicións Xistral, na colección Val de Lemos, mais xusto nese momento prodúcese a súa desaparición. O derradeiro libro publicado na colección poética de Monforte será Non vexo Vigo nin Cangas, de Bernardino Graña, en 1975.

Seraogna publícase, pois, varios meses antes que Con pólvora e magnolias, que ten data do 15 de novembro de 1976. Ben é certo que algúns poemas  deste libro de Ferrín xa circulaban polo país nas follas do Boletín da Asociación Cultural de Vigo, na revista Rego, que se editaba en Xenebra, ou mesmo en papel carbón pasados a máquina por Darío Xohán Cabana, que daquela traballaba con Xosé María  Álvarez Blázquez en Edicións Castrelos. Amor e tempo liso, así titulara inicialmente o poemario o de Vilanova dos Infantes. Mais tamén é certo que Alfonso Pexegueiro chega a Madrid en xaneiro de 1973 coa decidida idea de quedar na capital e de dedicarse unicamente  a escribir, a ser poeta, igual que se é médico ou arquitecto. Con ese soño na cabeza toma un día a decisión de visitar na súa casa de Wellingtonia a Vicente Aleixandre, ao que lle mostra algúns dos poemas que logo conformarán o seu primeiro libro. Son poemas escritos en español, que entusiasman a Aleixandre, especialmente "A muller de Seraogna", "En Seraogna non hai mar" e "A canción de Seraogna". "Detrás de cada poema suyo hay una verdad muy fuerte", dille Aleixandre.

Será ao seu regreso de Madrid, en 1974, cando Afonso Pexegueiro entra en contacto coa poesía galega da man de Darío Xohán Cabana e se produce o seu reencontro co país e coa súa lingua, e é tamén daquela cando le os aínda inéditos versos do que tempo despois será Con pólvora e magnolias naquela fermosa edición en papel de envolver de tenda de ultramarinos que sae na Imprenta Minerva de Santiago. De inmediato nace a amizade con Ferrín e xa en outubro de 1975 crea con Antón Reixa o grupo Rompente, no que participa moi activamente até que un día, despois dunha reunión na cafetería Goya de Vigo, Reixa, entre whisky e whisky, ameaza con esmagalo, e entón Pexegueiro, sen caer na provocación, retira a cadeira con pulcritude, despídese de Alberto Avendaño e de Romón e desde esa noite inicia o seu camiño en solitario. Até hoxe.

Seraogna sae baixo o selo editorial de Rompente cando aínda todos eles bebían o viño xuntos.  Os poetas reúnense en asemblea en Compostela, na casa de Bernardino Graña, que pon o reló prás oito e vai a Padrón, onde explica Ovidio, Juan de la Cruz e o Cántico. O proceso renovador que latexa na poesía galega deses anos estoupa finalmente  a través da metáfora e do discurso claramente rupturista dos versos de Alfonso Pexegueiro, que irrompe no panorama das letras galegas co seu Seraogna, poetizando cunha nova estética literaria, paisaxes e vivencias íntimas do seu Angoares, onde os paxaros, a terra, o río, a lúa, a soidade, os soños, o medo e a esperanza fixeron del un poeta. Contra o que algúns desexaban, a poesía política e de temática social non morre, segue viva e vizosa nos versos de Pexegueiro, mais agora a imaxinación habita o territorio todo de Seraogna. Se o primeiro poema do libro leva ao fronte uns versos de Manuel Antonio a xeito de referencia clara da intencionalidade renovadora dos textos, ao longo do poemario non se ocultan tampouco as sombras da pintura de Chagall e dos universos creativos de Ezra Pound,  Walt Whitman ou Artur Lundkvist. A voz de Pexegueiro sinala a ruptura  co que se estaba a facer e abre un novo rumbo para a lírica galega. Outros poetas están tamén no mesmo camiño, como é o caso de Ferrín, que despois de publicar en 1975 Sirventés pola destrucción de Occitania, entréganos Con pólvora e magnolias, que aparece precisamente cun fermosísimo prólogo de Pexegueiro na lapela:

ti,
que chegabas coa forza
imperiosa da vida nos
beizos,
e co corazón cheo de
paxaros
para este novo souto que
estamos a facer no silencio...

O libro do de Angoares, canto luminoso, sensual, emocional e de forte renovación expresiva, é, así mesmo, un verdadeiro reencontro carnal co seu país, coa súa raíz campesiña, co seu tempo de neno nunha parroquia de Ponteareas. "A idade infantil desaparece, a infancia permanece sempre". Non en van, na segunda edición, vintedous anos despois, engade o subtítulo "A aldea e mais eu". Aí están xa algunhas das constantes de toda a súa obra posterior: a infancia, o feminino, a liberdade...

Renxe o mastro da noite, no tempo,
e na ribeira do silencio dorme afanosa
a muller de Seraogna. Espiga de luz,
muller de xiz, introdúcese núa
na terra que traballa, abertos os seus seios e o seu sexo.
Cheira a silva e confúndese co gran
a muller de Seraogna. Saben a vaca os seus dedos
e a leite os seus beizos que o sol mata  no centro da eira.
Sabe a tempo, a vida, a río e a soño
a muller que non sabe de contas,
que se perde na praza regateando dúas pesetas e o peso.
Sabe a sol, a uva, a resina recenden
os seus peitos cando anceiosa e cansa me ofrece o seu corpo.

Tras os versos da forza imaxinativa e da beleza de  Seraogna, en 1978 publícase o seu segundo poemario:  Mar e naufraxio,  escrito entre o 76 e 77, unha obra moito máis transparente, máis política, de verbo proletario, na que o poeta, cunha poderosa carga emotiva, adéntrase na realidade das clases traballadoras e da patria, na miseria e no desexo carnal, na dureza da vida dos obreiros que pasan de présa porque teñen as casas lonxe e algúns unha leira que traballar ou na vivencia dramática das xentes do mar, con versos que levan a verdade en cada palabra e nos fan estremecer no máis íntimo de nós:

Traede os corpos dos mortos. Poñédeos aí, quedos
e sempre vivos, a lúa
é un canario azul nos ollos dos mortos. Deixádeos.
Traede os mortos, compañeiros, a modiño,
pousádeos: trenzas de vida
que aínda latexan; mulleres de mar
escoitan chega-los barcos
e na ribeira poñen patelas de silencio. A modiño.
O día é claro como un paso de liberdade.
Os campos teñen coores vivas, e os paxaros
pousan as súas voces
nas pólas dos carballos; cerdeiras, camelias.
Todo parece novo na terra onde a traizón xa é vella.
As mulleres levan panos de loito na testa
e arrastran os pés con cadeas de "tempos modernos".
Hai unha carauta de pedra que avanza. Traede os mortos.
...Aquí, pousádeos...;
deixade que a lúa os esperte;
...

Para pechar este seu primeiro ciclo poético, Pexegueiro publica en 1979 Circos de auga, aínda que a súa elaboración é anterior a Mar e naufraxio.  Veñen despois novos libros e unha segunda etapa poética, que inicia coa obra O pavillón das hortensias azuis e prosegue con A illa das mulleres loucas. Para os que aman a patria e a palabra, para as que saben que a grande literatura florece de noite ou no crepúsculo, Pexegueiro segue a escribir, verso a verso, libro a libro.

Hai tempo que o poeta xa alzou o seu berro: "Para que queredes un poeta vivo / se non sabedes que facer con el; / matádeo e celebrádelle as pompas". Mais ao poeta ninguén o escoita. "¡Que sós estámo-los homes / cortando canas / para frautas que non soan!", exclama Pexegueiro. Non hai resposta. Para el non hai ningún camiño que non leve ao exilio. A súa vida será un constante ir e vir, estar e marchar, ser e xa non ser. Como el mesmo di en ¿Serán os cisnes que volven?, "a vida é sempre un exilio". Ou un fracaso. Ou un erro.

Velaquí o home, Alfonso Pexegueiro, poeta desde a infancia sen sabelo, poeta que non renuncia aos soños da infancia aos seus sesenta e dous anos, figura fundamental da renovación poética dos setenta, autor dun libro emblemático, luminoso como a luz do día. Velaquí o creador, escribindo blasfemias e cantigas de amor, vivindo intensamente cada palabra, soñando un presente sen futuro en cada libro, sufrindo a soidade e o silencio cada noite. Velaquí o poeta, esixente na ética e na metáfora, amando a verdade e a beleza.

E a memoria revírase porque os vagabundos

traen tamén verdade e fame nas súas chaquetas baleiras,
nas súas voces de carriza esmagadas,
nas súas mandíbulas útiles,
nos seus brazos vixiantes dun mundo de pálpebras novas;
a auga esvara con pedras salvaxes e octaedros de noites nos beizos,
e a tarde foxe do chan,
e tan só queda a noite
coas súas pontes de medo
sobre dos corazóns precisos dos que calan entre tanta miseria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario