22/01/11

A vontade didáctica na obra ensaística de Carlos Mella


Véselle ás légoas que é boa persoa, un home profundamente enraizado na terra, tan de nós como o viño que el cultiva no Foxo. Primeiro escoitamos con atención durante anos aquelas súas intervencións cargadas de intelixencia e ironía nos debates que había en Xelmírez e en Fonseca, que foi unha época irrepetíbel no seguimento social da actividade parlamentar, e pouco a pouco fomos descubrindo que a súa é unha das cabezas mellor amobladas que temos no país e que en cada palabra de Carlos Mella, en cada prosa que nos entrega en forma de breve artigo ou de profundo ensaio, está sempre o pensamento que se nutre do amor a Galiza e das ideas que nacen da lucidez e dun dominio maxistral do humor máis noso.

Carlos Mella (A Estrada, 1930) é un caso insólito na política galega dos últimos anos: estamos ante un home que se forma academicamente en varias universidades, que ocupa un papel moi destacado na administración central e en organismos internacionais, que nas primeiras eleccións autonómicas acaba na política galega -onde chega a ser vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía e Facenda baixo a presidencia de Fernández Albor-, e que, finalmente, renuncia ao exercicio do poder por coherencia coas súas ideas máis profundas, evolucionando desde a súa militancia nun partido estatal de centro-dereita ao nacionalismo galego e dándonos a todos unha lección de honradez persoal e de ética e dignidade política na defensa do país. Mais non queremos falar aquí e agora deste seu perfil, senón do intelectual que reflexiona en alto para todos e todas nós sobre o que somos e a onde imos como seres humanos, como sociedade actual e como nación galega.

Gozamos moitísimo coa lectura daquel libro de memorias, retrancas e algarabías que el titulou Non somos inocentes e tamén por aquel tempo, día tras día, seguimos a súa lúcida observación sobre a realidade política a través da colaboración xornalística que mantivo durante unha longa temporada nas páxinas dun xornal galego. Pouco despois, en 1992,  sorprendeunos a todos cun libro de ensaio: A Galicia posible. Con esa obra de reflexión sobre o que é Galiza, a onde imos como pobo e cales son as nosas posibilidades como nación, Carlos Mella mostrounos que o seu reencontro intelectual e ideolóxico co país tiña unha base moi sólida, unha raíz moi profunda, e  demostrou que era un brillante ensaísta e, sobre todo, puxo de manifesto que a súa prosa teórica tiña unha extraordinaria vontade didáctica. Nunha cultura na que hai demasiado libro de ensaio de grande altura académica e escasa utilidade social, cómpre agradecer nas nosas letras un autor como Carlos Mella, un escritor que libera o texto de todo aquilo que dificulta a comunicación das ideas fundamentais que se pretenden expresar. Carlos Mella non escribe nunca para demostrar  a súa altura intelectual e académica, senón para socializar a súa idea e a súa visión do país e da sociedade actual. E abofé que se el quixera podería afogarnos con páxinas e páxinas de referencias ás fontes bibliográficas do seu saber, pois non debemos esquecer que Carlos Mella formouse academicamente en cinco universidades: en Deusto, en Compostela, na Complutense, na Sorbona e en Harward.

O seu esforzo por facernos partícipes das súas preocupacións e por provocar a reflexión en todos e todas nós manifestouse tamén nun segundo libro de ensaio editado en Espiral Maior en 1994: A falacia do economicismo. Se alguén quere unha análise do sistema económico capitalista elaborada desde o rigor, desde unha óptica humanista e desde a claridade discursiva, aquí ten unha obra de lectura imprescindíbel, que se bebe páxina a páxina. Escrito hai máis de quince anos, este libro debería ser hoxe de lectura obrigada para calquera persoa que queira comprender as claves profundas da crise actual,  que non só é crise económica, senón tamén crise de valores. Nun país no que o pensamento lúcido tivese as portas abertas á sociedade, esta obra iría xa pola edición número 59. Mais aquí na Galiza non hai condicións nin sequera para producir a necesidade dunha segunda edición despois de quince anos.

Estes días é noticia en todo o mundo que en Francia un manifesto político de 32 páxinas (Indignez vous!, de Stéphane Hessel) está a ser o número un en vendas, todo un fenómeno literario e editorial, con preto dun millón de lectores e con próxima tradución a unhas vinte linguas. Eu non pido tanto para a obra ensaística de Carlos Mella. Só convido a toda aquela persoa que ten ou pode ter conciencia de país e a todas as persoas que teñan curiosidade por comprender o rostro real do sistema económico capitalista a que, sen demora, lean ou regresen de novo á lectura destes dous libros de Carlos Mella. Nunha sociedade tan necesitada de iluminación sobre as posibilidades de Galiza como país, de confianza en nós mesmos, e tan bombardeada mentalmente polos valores do sistema capitalista, estes dous traballos de carácter reflexivo son dúas obras dun grande valor didáctico e dunha extraordinaria eficacia para cambiar a mentalidade dos que coidan que nada pode ser Galiza por ela mesma ou que outro mundo non é posíbel.





Ningún comentario:

Publicar un comentario