Creo que a única vez que pasou Francisco Rodríguez pola mesa braseiro da
rúa Xelmírez 15-4º foi para falar da publicación do seu libro A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez,
a súa tesiña de licenciatura, presentada na Universidade de Madrid en
1970, e aquela conversa con Ramón Piñeiro foi suficiente para saberen os
dous que pertencían a universos ideolóxicos moi diferentes. Era naquel
momento Francisco Rodríguez un profesor aínda moi noviño, licenciado en
Filoloxía Románica, que exercía no Instituto Masculino de Ourense, e
Piñeiro, naturalmente, estaba moi ben informado do seu historial
académico e político: sabía que fora delegado da Facultade de Filosofía e
Letras ao fronte de todo o estudantado e que fora alumno predilecto de
Pilar Vázquez Cuesta e discípulo de Dámaso Alonso. Sabía tamén Piñeiro
que este importante poeta da xeración do 27 mesmo lle abrira o camiño
para exercer de profesor axudante na súa cátedra na Universidade
Complutense, mais que o de Ferrol optara xa aos seus vinte e un anos
polo compromiso co seu país e polo regreso á súa Terra. E agora Ramón
Piñeiro acababa de comprobar persoalmente que o galeguismo deste rapaz
non entroncaba para nada co seu europeísmo e co seu galeguismo
anti-nacionalista e anti-comunista e, o que máis o amolaba, que a UPG o
tiña xa conquistado para a súa acción clandestina. "Que mágoa, con esa
brillantez intelectual e ese perfil de líder!", pensou seguramente
Piñeiro mentres Francisco Rodríguez baixaba as escaleiras do cuarto
andar de Xelmírez 15.
Unha das primeiras actividades políticas que realiza aquel mozo de Serantes como militante da UPG é espallar panfletos na súa cidade de Ferrol polo verán de 1968, nas vésperas do Día da Patria. Trouxérallos para repartir Xesús Sanxoás, o seu principal contacto neses anos. Con ese mesmo dirixente atópase Francisco Rodríguez despois de pasar dous cursos durísimos en Albacete e nada máis baixar do tren en Ourense para tomar posesión da súa praza na cidade das Burgas. "Que, non queres saber nada de nós?", dille Sanxoás. "E logo, para que voltei?". Esa foi a resposta de quen regresaba ao seu país coa firme decisión de falar sempre galego e de comprometerse definitivamente coa reorganización do nacionalismo galego. E estamos en setembro do 71.
O paso de Paco Rodríguez pola cidade histórica da xeración Nós vai significar un verdadeiro revulsivo no labor cultural da Auriense e na organización clandestina do nacionalismo galego. A etapa de Ourense será, ademais, decisiva na súa biografía: gaña a Cátedra de Lingua e Literatura Española, mantén unha estreita relación con Eduardo Blanco Amor, Manuel María, Saleta, Nemesio Barxa e Lois Diéguez; comeza a exercer de dirixente da UPG, formando parte do seu Comité Central; ten a coraxe intelectual e política de cuestionar e combater en diversas conferencias e nas páxinas de La Región as teses que sobre a morte da lingua galega anda a proclamar nesas datas Xesús Alonso Montero; ingresa por primeira vez na cadea da Coruña a raíz dos sucesos de marzo do 72 e publica o seu primeiro libro. As longas conversas na casa de Manuel María e Saleta, en Monforte de Lemos, e no fogar de Blanco Amor ou no de Nemesio Barxa, na cidade ourensá, son un oasis de luz neses anos de represión franquista.
Cunha certa emoción que non podo evitar, abro agora o libro que sobre Curros Enríquez lle editara Galaxia na colección Illa Nova a principios de 1973. A dedicatoria ten data do 15 de maio de 1979. Lembro que ese día eu fixen a presentación de Francisco Rodríguez na conferencia que este pronunciou no Instituto "Concepción Arenal" de Ferrol sobre "A filosofía lingüística da Constitución española". Foi tamén a primeira vez que tiven a ocasión de falar con el. Mais eu xa lera os seus traballos moito antes, xa o escoitara nun mitin un domingo a mediodía no Cine "Madrid-París" e xa o admiraba desde había tempo, aínda sen coñecelo. Para min era a principal figura política do Bloque Nacional-Popular Galego, un dos nosos máis destacados intelectuais e tamén o orador máis brillante do nacionalismo galego que eu escoitei neses tempos. O seu discurso tiña forza, brillantez, verdade e unha poderosa contundencia. Irradiaba en todos e todas nós unha confianza plena nas ideas do nacionalismo. E aquel líder era case un rapaz.
O primeiro que lin de Francisco Rodríguez debeu ser un artigo sobre Castelao nun especial de El Ideal Gallego, coincidindo co 25 cabodano da morte do autor do Sempre en Galiza. Tiña eu daquela quince anos e, por suposto, non sabía quen era Francisco Rodríguez nin Ramón López-Suevos nin Xosé Manuel Beiras, que eran algúns dos que aparecían asinando colaboracións naquel especial, que aínda conservo. Despois, militando xa en ERGA e na ANPG, accedín a textos que falaban do seu desterro a Puerto Real nun número da revista Rego do ano 75, lin os seus libros sobre Curros e sobre o conflito lingüístico e, naturalmente, seguín todos os seus traballos no semanario A Nosa Terra desde os primeiros números. Foron as súas colaboracións na prensa as miñas primeiras leccións arredor da figura de Castelao, da poesía de Rosalía ou da personalidade de Manuel Murguía. Mais se hai unha obra decisiva na miña clarificación política neses anos, esa obra foi Problemática nacional e colonialismo. O caso galego, da que Francisco Rodríguez é coautor, xunto con Ramón López-Suevos. Estou seguro que aquel libro editado en Edicións Xistral, con aquela portada tan ilustrativa, coa bandeira española pechándonos os ollos, tivo a virtude de ser un traballo fundamental para a formación e a clarificación política de moitos e moitas de nós. Non era o Sempre en Galiza nin O atraso económico, mais foi un texto dunha extraordinaria utilidade para a causa do nacionalismo naqueles tempos de encrucillada, como tamén o foi o documento das Bases Constitucionais.
Francisco Rodríguez é un dos dirixentes que neses anos finais da ditadura franquista e do inicio da transición teñen que tomar decisións políticas determinantes para o futuro do nacionalismo galego e para a historia política de Galiza, e teñen que asumir ese difícil papel sendo case todas aquelas persoas moi mozas, con apenas trinta anos. Os de máis idade eran, na UPG, Bautista Álvarez, e no PSG, Xosé Manuel Beiras. E tiñan pouco máis de corenta anos. E ao contrario do que sucedeu en Catalunya ou en Euskadi, no noso país non houbo unha continuidade do nacionalismo da República a través das siglas do PG nin tampouco tivemos nós figuras como Tarradellas, Manuel Irujo ou Telesforo Monzón. O nacionalismo galego da posguerra naceu da preocupación e das arelas da mocidade, e ademais facéndolle fronte ao combate de Ramón Piñeiro contra a idea mesma do nacionalismo e contra a idea de crear organizacións propias para a defensa do país. E nesa situación precaria desembarcamos na transición, sen ningunha personalidade histórica que puidera sentarse en Madrid en representación de Galiza cunha organización política nacionalista forte detrás. Seguramente en ningún outro momento sería tan necesaria esa presenza do nacionalismo. É certo que estivo alí Valentín Paz-Andrade, na Comisión dos Dez, mais só se representaba a si mesmo, e Madrid ben o sabía. O propio Paz-Andrade recoñecería algún tempo despois que fora un tremendo erro deixar morrer o Partido Galeguista na clandestinidade e aínda un erro maior non reorganizalo antes da morte de Franco. A ausencia dun PG que puidera xogar un papel semellante ao PNV ou a Converxencia i Unió de Catalunya, a rapidez coa que se celebraron as primeiras Eleccións Xerais, coa UPG e a ANPG aínda sen legalizar, e incluso a falta de unidade do nacionalismo nese momento histórico, todo iso contribuíu a que no 77 Galiza non conseguira voz propia nas Cortes da transición. A historia política do noso país tería sido outra moi distinta con personalidades como Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras ou Bautista Álvarez no Congreso dos Deputados desde xuño de 1977. Ese foi outro dos nosos fracasos históricos.
Viñeron logo naufraxios persoais e colectivos, tempos de combate e resistencia, de desencontros, rupturas e expulsións, até desembocar no reencontro fraternal de Riazor, no que todos aqueles dirixentes demostraron unha admirábel madurez política, o seu verdadeiro amor polo país, a capacidade de cicatrizar as vellas feridas e a lucidez de situar a defensa de Galiza por riba de calquera outra batalla ideolóxica. Lamentabelmente Camilo Nogueira non se sumou daquela ao proxecto frontista. Mais foi a única excepción, xunto con Galicia Ceibe, que abandonou a asemblea fundacional. Así naceu o BNG, do reencontro e da xenerosidade, a través dun proceso moi aberto e participativo, no que o papel de Francisco Rodríguez foi clave desde o momento no que se abriu o debate no seo da UPG para buscar a unidade do nacionalismo que o país precisaba, igual que foi determinante o seu posicionamento para canalizar o traballo político do BNG despois da nosa expulsión do Parlamento galego. Neses e noutros moitos momentos históricos, certamente moi delicados, Francisco Rodríguez demostrou sempre que é un mestre, unha grande figura política.
Pola miña amizade co seu irmán Xabier fun moitas veces nesa época pola casa que seus pais tiñan en Serantes. Algún día coincidín tamén alí con Paco. Nunha ocasión incluso tivemos un debate moi vivo sobre a poesía de Darío Xohán Cabana e de Uxío Novoneyra. Mais o que nunca poderei esquecer daqueles días en Serantes son as riquísimas claudias que tiñan na horta, as conversas políticas con seu pai, sempre moi atento á política internacional, e sobre todo a figura da nai, a señora Concha, tan agradábel e afectuosa, facendo sempre exquisitos manxares para todos os que pasaban por aquela casa e, iso si, permanentemente preocupada pola saúde de Paco, que segundo ela, non se coidaba nada. Unha vez sorprendeume sacando dun cacharro da cociña uns seus poemas, que me mostrou como quen mostra algo clandestino. Para min era unha muller semellante á personaxe de A Nai, de Máximo Gorki. Nos últimos anos preguntáballe moitas veces a Paco polos pais, pero nunca me decidín ir un día a visitalos. E sei que fixen mal, porque sempre me acolleron naquela casa con todo o agarimo e co xantar na mesa. Vaia desde este artigo a miña lembranza máis viva e emocionada para a señora Concha e o señor Pepe, que nunca o sufrimento os levou á perda de ideais e á renuncia ao compromiso coa causa que abandeiraba o fillo. A miña rosa vermella para eles dous, para sempre en Serantes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario