31/10/21

María Xosé Queizán: transgresión e subversión


Foto arquivo UVigoTV
Cando María Xosé Queizán chega a París a comezos dos anos 60, xa descubrira o pensamento galeguista e de esquerdas a través de Antón Beiras e xa entrara en contacto con algunhas das figuras máis destacadas da súa xeración. Tamén coñecía o existencialismo, mais será na capital francesa onde remata por descubrir toda a obra de Jean Paul Sastre e de Simone de Beauvoir e onde queda fascinada polo Nouveau Roman. Desa modalidade narrativa xorde a súa primeira novela, A orella no buraco, escrita entre Tenerife e Lugo e publicada en Galaxia en 1965. Non será até 1977 cando aparece publicado o seu segundo libro: A muller en Galicia, que Ramón Piñeiro tivo nas mans e rexeitou publicar, como tamén fará pouco tempo despois coas Cartas a Rosalía de Teresa Barro.

De Sartre aprende María Xosé Queizán a concibir a literatura como unha actividade pensante e con Beauvoir iníciase na escrita feminista. Na literatura galega hai un antes e un despois de María Xosé Queizán. Será, ademais, unha das pioneiras do movemento feminista en Galiza, onde exerce unha grande influencia. Tomar a palabra como muller, ocupar un espazo propio no mundo intelectual galego, intervir na política e na sociedade e facelo sempre desde unha perspectiva nacionalista e feminista vai ser a súa principal tarefa durante toda a súa vida, até hoxe. E a súa obra, propia dunha grande polígrofa, é a expresión de todo iso. O ensaio, a narrativa, a poesía, o teatro, o xornalismo ou a tradución foron canles creativas que María Xosé Queizán utilizou sempre para expor, defender e divulgar as súas teses feministas. A súa pretensión como escritora foi construír unha obra que servise para derrubar as estruturas mentais que aínda existen sobre o amor, a sexualidade ou a maternidade e abrir as mentes a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre. A súa escrita é un rotundo e constante manifesto feminista, unha literatura que, con maior ou menor fortuna literaria, procura unha e outra vez a transgresión e a subversión.

Do conxunto de toda a obra creativa de María Xosé Queizán, nós quedámonos con Ten o seu punto a fresca rosa. Cremos que é a súa mellor novela e unha das grandes obras da narrativa galega actual, aínda que, na nosa humilde opinión, sóbranlle varios capítulos, concretamente aqueles que máis teñen a ver coa novela negra. Coa cidade de Vigo como pano de fondo, e tamén coa historia política e social do noso país nos anos 70 e 80, a autora dános, máis unha vez, unha obra protagonizada por mulleres e polo discurso feminista. O resultado é unha prosa brillante, unha historia moi ben tecida, que desmitifica a visión do amor e que nos somerxe na dependencia sentimental, nas relacións lésbicas, na cuestión da maternidade, na fecundación in vitro, nos abusos sexuais e na pedofilia. En definitiva, unha novela fundamental na literatura galega contemporánea.

                   


Ten o seu punto a fresca rosa

María Xosé Queizán

Edicións Xerais / 293 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario