28/11/21

O Manuel Rivas máis imprescindíbel

De calquera escritor ou escritora cunha longa traxectoria literaria e cunha amplísima obra publicada, como é o caso de Manuel Rivas (A Coruña, 1957), é normal que teñamos aínda pendente de ler algún ou algúns dos seus libros publicados hai anos. Iso foi o que nos sucedeu a nós con As voces baixas, que tivo a primeira edición xa en 2012. Mais sempre aparece alguén que nos recomenda esa lectura. No meu caso foi a queridísima amiga Carme Vidal, que me falou dese título cun entusiasmo certamente desbordante, contaxiándome de inmediato o interese polo libro, e máis aínda despois de ler a magnífica entrevista que ela lle fixera ao autor para as páxinas de ANT coincidindo coa publicación da obra. Despois de escoitar os comentarios tan eloxiosos de Carme Vidal, non podía facer outra cousa máis que ir a unha libraría, con tanta sorte que nin o tiven que pedir, porque había un exemplar, iso si, un único exemplar.

Se nós tivésemos que seleccionar un título de Manuel Rivas, tarefa sempre difícil, seguramente nos quedariamos coa novela Os libros arden mal, porque talvez é a súa obra máis ambiciosa, aínda que gustamos moito dos seus relatos, un xénero, o do relato, no que este escritor é un auténtico mestre. Mais creo que ningunha persoa que siga a obra deste autor pode prescindir da lectura de As voces baixas, porque resulta fundamental para entender a obra e a figura de Rivas no seu conxunto e nas súas raíces máis profundas, as verdadeiras orixes da súa literatura, o que el chama “a boca da literatura”, que foi tamén o fío condutor do seu discurso de ingreso na RAG.

Estamos seguros que todo o que hai na obra de Manuel Rivas de sinxeleza expresiva, de emoción, de valores humanísticos, de dignidade, de xustiza, de tenrura, da presenza da xente humilde, do sentido do humor e dun certo alento sentimental e lírico, en definitiva, de vida e verdade, ten moito a ver coa súa propia nenez e adolescencia nunha rúa de Monte Alto e na aldea do Castro de Elviña, ou coas súas vivencias na casa natal de súa nai, en Corpo Santo, nunha parroquia de Carral, onde a súa imaxinación de neno lle facía pensar que a néboa que polas mañás cubría o val era a mesma néboa que soltaban as vacas cando botaban a cabeza polas cambeleiras. Mais en As voces baixas está sobre todo a súa familia, súa irmá María, súa nai, seu pai, os amigos da infancia, as xentes do lugar… Toda a riqueza humana na que el viviu eses anos tan decisivos para calquera persoa está aquí recollida e brillantemente escrita non só como homenaxe á irmá e aos pais por todo o que lle deron, senón tamén para emocionarnos coa literatura que nace da propia vida. Só un escritor que vén de onde vén Rivas e que está feito dese mesmo barro pode escribir un conxunto de relatos tan fermosos e de tanta fondura humana. Quen gustara de As Pequenas Memórias de José Saramago, gustará aínda máis de As voces baixas.



As voces baixas

Manuel Rivas

Xerais / 2019, 4ª edición / 206 páxinas





Ningún comentario:

Publicar un comentario