08/07/21

Don Paco del Riego

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 -Vigo, 2010) é unha personalidade que admiramos por toda a súa traxectoria humana, intelectual e política, desde os seus tempos de activista universitario até os últimos días da súa vida. A súa biografía é unha liña recta no compromiso coa cultura galega e con Galiza. Foi talvez don Paco del Riego unha das figuras que máis afecto, respecto e admiración mereceron sempre, e ademais -e o que é máis excepcional- desde diferentes visións e sentimentos de país. Poucas figuras coma el acadaron en vida o recoñecemento unánime daqueles sectores da nosa sociedade que desde moi diversas posicións acreditan no país, desde o galeguismo cultural ao nacionalismo político. E nin así fomos quen de tributarlle a homenaxe multitudinaria e plural que el merecía e que tanto nos honraría a nós como pobo. Un acto desas catacterísticas engrandeceríanos como país. O día que sexamos capaces de unirnos nun banquete para homenaxear a unha persoa ou a toda unha xeración pola súa dedicación ao país estaremos colocando a Galiza no centro das nosas prioridades e noutra relevancia política. Ese é o espírito co que traballou de maneira incansábel don Paco del Riego ao longo de toda a súa vida, tendendo pontes e sumando a prol do país. E ese é tamén o espírito co que debemos construír o futuro.

Da amplísima bibliografía que nos deixou Francisco Fernández del Riego nós queremos traer hoxe a esta sección o volume Ánxel Casal e o libro galego, non só porque foi unha primeira aproximación á figura de Casal e ao seu tempo, cando moi poucas persoas sabían da súa existencia e do seu inmenso labor, senón tamén porque ese libro recolle unha primeira entrega das memorias de Del Riego, que terían continuidade noutros títulos como O río do tempo. Unha historia vivida, A Xeración Galaxia ou Camiño andado. Non negamos que eses textos quedaron superados por outros traballos de investigación que se publicaron posteriormente. Pero o valor deses libros hai que contextualizalo no momento en que saen á luz e en todo o que teñen de memoria vivida. E tamén coa inevitábel fraxilidade da memoria, que non sempre é fiel ao dato preciso como si o é o traballo de investigación. Mais o importante é o relato, a verdade e a emoción coa que se transmiten os feitos, e non tanto se aconteceron nunha data ou noutra. Para elaborar ese relato, tantísimos anos despois, Del Riego valeuse da súa propia memoria persoal, certamente prodixiosa, e mais das lembranzas dos seus amigos, de galeguistas como Isaac Díaz Pardo, Antón Fraguas, Manuel Beiras García, Luís Tobío ou Xoaquín Lourenzo. O resultado é un libro que nos ilustra e emociona, algo que dificilmente conseguen as obras de investigación histórica. Mágoa que libros coma este non chegasen aínda a todas as mans.


Ánxel Casal e o libro galego 

Francisco Fernández del Riego

Ediciós do Castro / 1983 /

226 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario