03/05/21

A Biblioteca Xohana Torres

  Foto: Xan Carballa
Temos a certeza de que Xohana Torres viviu con enorme ilusión o proxecto editorial da reedición da súa obra e mesmo o traballo creativo até os últimos días da súa vida grazas á súa fonda amizade con Pepe Puga, que soubo como editor darlle a esta escritora o lugar que lle correspondía nas letras galegas e facer cos seus textos literarios algunhas das edicións máis coidadas e fermosas que coñecemos dentro da historia do libro galego. Puga xa demostrara o interese en editar a Xohana Torres coa atención que a poeta merecía cando publicou Ferrol, corazón de navío, aquel libro que saíu en 2001 en Edicións A Nosa Terra, fermosamente ilustrado por Xan Carballa e con introdución de Carme Vidal e do propio Pepe Puga, un título que tamén sería posíbel -cómpre dicilo aquí- grazas ao compromiso de Xaime Bello coa cultura galega desde a Alcaldía de Ferrol. Mais o maior acontecemento bibliográfico relativo a esta escritora chegaría en 2016 coa xoia que abriu a Biblioteca Xohana Torres, Elexías a Lola, xa baixo o selo de Engaiolarte Edicións.

Como en todo o que publica esta pequena editorial, detrás dese novo título estaba non só a potente figura de Lola e a poesía dunha autora extraordinaria, senón a intelixencia, a paixón e a finísima sensibilidade duns editores como Xan Carballa e Pepe Puga, a calidade dos materiais utilizados para a impresión e a exquisitez no coidado final da edición, en definitiva, todo o que se precisa para facer do libro un verdadeiro obxecto artístico. E tras ese primeiro título dun proxecto felizmente aínda en marcha sae á luz en 2017 Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e Ritos, e xa ultimamente, en 2020, a reedición de A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, aqueles dous textos teatrais que se publicaran nos anos sesenta en Galaxia e que inexplicabelmente nunca foron levados ao escenario dos nosos teatros por ningunha compañía profesional galega.

A Biblioteca Xohana Torres é un proxecto que sitúa o libro galego xunto aos máis belos libros de literatura que se poden atopar no mundo editorial de calquera país europeo e que lle dá á obra de Xohana Torres un templo para a súa lectura e o seu goce. Aquelas persoas que aman o libro non só polo valor do propio texto literario, senón tamén polo deseño, a encadernación e a calidade do papel e da impresión, teñen sempre nos libros desta editorial viguesa unha auténtica alfaia. Un tras outro, os libros de Xohana Torres que nos ofrece Engaiolarte Edicións resístense a ser colocados nos andeis da biblioteca, porque son libros para acariciar, para contemplar, para gozar co tacto e coa vista. Delicatessen bibliográfica para lectoras e lectores de espíritu exquisito. 

 


Elexías a Lola

Xohana Torres

Engaiolarte / 2016

72 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario