O poeta Manuel María
foi e é admirado por moitas persoas que sorprendentemente o que máis
admiran da súa figura non é precisamente a súa mellor poesía.
Talvez isto é así porque durante moitos anos o seu compromiso
político tivo tanta ou máis relevancia que a propia creación
literaria e incluso porque, máis aló da obra, Manuel María
alcanzou xa en vida a categoría de símbolo do país, como noutrora
o fora don Ramón Otero Pedrayo. Mais nós pensamos que a meirande
homenaxe que lle podemos facer a un escritor ou a unha escritora é
ler e reler o mellor do seu legado literario. Por iso sempre nos
resultou incomprensíbel que non lle concedésemos a debida atención
a obras como Advento ou Mar Maior, ou que a última
etapa creativa de Manuel María, a que vai de Poemas ao Outono
a Poemas para dicirlle a dúas lagoas, sexa a menos coñecida
polo seu público máis fiel, ou que libros como A luz resucitada,
As lúcidas lúas do Outono, A Primavera de Venus ou
Compendio de orballos e incertezas, nos que o poeta alcanzou
un dos seus máis altos cumes líricos, nin sequera tivesen aínda
unha segunda edición como libro con corpo propio. En calquera país
cunha literatura normalizada, calquera destes libros levaría xa
varias ducias de edicións.
A luz resucitada,
o poemario do que hoxe queremos falar, é un libro de tal riqueza
temática e de tal dimensión lírica e humana que podería estar traducido a todos os idiomas do mundo, coa certeza de que a súa lectura non decepcionaría a ningunha persoa que de verdade ame a poesía. Nos seus versos, delicados e transparentes como o vidro, escritos con acento melancólico, o poeta ilumínanos coa luz que máis amou: o amor a Saleta, as paisaxes nativas, os misterios da mañá, as cores e os recendos máis intensos da súa tribo, as cousas pequenas do seu universo íntimo, a música do río que cruzou a súa infancia, o regato do Cepelo… É un libro de regresos. É o regreso á Casa de Hortas e á terra de Outeiro, que posteriormente terá continuidade no poemario Ritual para unha tribo capital de
concello. E é sobre todo unha viaxe cara a dentro, intimista,
que busca de novo o resplandor da luz e resucita as vivencias máis
luminosas da súa vida. Cada un dos poemas do libro é tamén unha
mostra da altísima voz poética de Manuel María, da súa exquisita
sensibilidade humana, da súa sabedoría e da súa lucidez. Estamos
ante unha das grandes obras mestras do poeta, un deses nove ou dez
libros -de entre os 55 títulos publicados- que recollen o mellor do
testamento lírico do autor. En definitiva, poesía de fondura humana
e beleza extrema.
A luz ressuscitada
Manuel
María
AGAL / 1984
AGAL / 1984
Ningún comentario:
Publicar un comentario