10/04/20

Prosas de amor e de coraxe


En agosto de 1937, tras ser cesado como catedrático de Xeografía e Historia do Instituto de Ourense, don Ramón Otero Pedrayo pasará o seu exilio interior entre o piso da rúa da Paz e a casa familiar de Trasalba. É aquí, en Cima de Vila, onde Otero atopa o acougo espiritual que tanto precisa para escribir na escuridade deses días -os máis duros da súa vida-, mantendo sempre viva unha admirábel coraxe, como o demostra nos actos do centenario de Lamas Carvaxal, en 1949, nos que pronuncia un vibrante discurso en galego diante do gobernador civil e de numerosos asistentes vestidos con camisa azul, que brazo en alto cantan o “Cara al sol” mentras don Ramón permanece en silencio e cos brazos caídos. Será esa mesma valentía política a que o leva a iniciar en 1945, “no tempo das derradeiras espigas de millo e os primeiros ourizos”, O Libro dos Amigos, libro de semblanzas e lembranzas autobiográficas, que constitúe tamén unha verdadeira homenaxe aos amigos mortos que sufriron a barbarie ou o exilio. Aí están Castelao e Bóveda, Ánxel Casal e Roberto Blanco Torres, Víctor Casas e Arturo Noguerol. E nesas súas prosas están igualmente outros nomes dalgunhas das figuras máis sobranceiras do nacionalismo da preguerra: Antón Vilar Ponte, Salvador Cabeza de León, Lugrís Freire ou Lousada Diéguez. Trátase, en definitiva, dun auténtico manifesto político, no que don Ramón resucita os nomes dos amigos asasinados e desterrados á vez que reivindica as Irmandades da Fala, a Imprenta Nós, o Seminario de Estudos Galegos, a revista Nós e o Partido Galeguista. O libro, como non podía ser doutro xeito, sairá publicado en Bos Aires, en xullo de 1953, da man de Luís Seoane.
Mais se é importante para Otero Pedrayo recuperar os nomes dos amigos que tanto e tan xeneroso esforzo fixeron polo país, tamén é fundamental para el falar das persoas que o iluminaron na súa traxectoria vital e que “lonxe dos mármores xiados do panteón” seguen vivos no seu corazón, comezando polo pai, Enrique Otero Sotelo, “o mellor dos amigos”, que “alentará en todas as páxinas como alenta ao meu carón en todos os intres e camiños da miña vida”. Ou os profesores aos que tanto lles debe, como Eduardo Moreno López, gaditano, profesor de ideas modernas no Instituto de Ourense, co que aprendeu as primeiras leccións de xeografía, o amor pola paisaxe, a emoción diante da terra e de moitos libros. Talvez o seu primeiro verdadeiro mestre. Á súa morte don Ramón chorará por el “bágoas de neno”. Páxinas todas elas, en suma, escritas co “anceio do curazón”.





O Libro dos Amigos
Ramón Otero Pedrayo
Ediciones Galicia/ 1953
143 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario