
Á altura deses anos, para un mozo
coma min, en pleno proceso de descubrimento da literatura galega e da
nosa propia historia, Salvador García-Bodaño era un poeta que fora
candidato ao Congreso polo PSG en 1977, o autor do poema “Galicia”
(“Galicia é esto que vai en nós / e que nos leva…”) e do
poema á memoria de don Ramón Otero Pedrayo, que publicara a revista
Grial en 1976, no número dedicado ao grande polígrafo
ourensán. Polo tanto, Tempo de Compostela ofreceunos a
posibilidade a moitos e a moitas de nós de descubrir dunha forma moi
gozosa unha das voces máis persoais e profundas da poesía galega
contemporánea. Xusto cando un poeta da xeración de Bodaño como
Méndez Ferrín e outros autores máis novos que el (Alfonso
Pexegueiro, por exemplo) buscaban un novo rumbo para a poesía
galega, este poeta, que nacera nos anos cincuenta coas Festas
Minervais, nas que acadara varios premios, de súpeto sorprendíanos
coa luminosidade da palabra emocionada, transparente e limpa de cada
verso, con esa condensación lírica que atopamos en todos e cada un
dos poemas do libro e cunha poesía que nos falaba con nostalxia e á
vez con esperanza dunha cidade tan antiga e amada como Compostela e
da presenza humana e intelectual dalgunhas das máis importantes
figuras do galeguismo na vida compostelá, pero tamén deixando ver
en cada poema, en cada páxina, a autobiografía do poeta, tan
intimamente vencellado á cidade desde moi mociño e máis tarde a
persoeiros como Ramón Piñeiro, Carlos Maside, Otero Pedrayo, Fermín
Penzol ou Francisco Fernández del Riego. Compostela como memoria
íntima: “A primeira moza / e os primeiros soños / no inxenuo
banco / de tantas agardas”. Compostela como lugar onde o tempo é
eterno. Compostela como símbolo da patria. Compostela como río
longo na historia. Compostela tamén, como non, como futuro aberto á
esperanza: “Polas hedras do sangue / rebentaban xa / as novas
follas / da patria clandestina”. Aquel libro era unha primavera
máis para a poesía galega. E así o celebramos.
Tempo de
Compostela
Salvador
García-Bodaño
Edicións do
Cerne / 1979
72 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario