30/07/18

A responsabilidade de rectificar a historia


Quen coñeza a traxectoria do nacionalismo galego da preguerra chegará facilmente á conclusión de que despois da amarga e frustrante experiencia de ORGA e da inevitábel división no seo das Irmandades da Fala foi quen de dotarse dun instrumento político vital para o país como foi o Partido Galeguista e de deseñar unha estratexia  que, de non ser polo golpe fascista do 36 e por toda a barbarie que veu a continuación, culminaría cun moi sólido sistema político galego, cunha Galiza con institucións propias e cun primeiro goberno galego da historia no que o PG, seguramente con Castelao e Alexandre Bóveda ao fronte, levaría a dirección política do país cara a outras metas aínda máis ambiciosas. O resultado, desde logo, non podía ser máis positivo para un período tan curto de apenas 20 anos, se partimos das Irmandades da Fala, ou de só 5 anos se contamos desde a fundación do Partido Galeguista. Ter a coraxe política de crear unha forza política propia para ser o motor de todo o proceso estatutario e conseguir elaborar e aprobar en plebiscito o Estatuto de Autonomía do 36 é a mellor demostración da utilidade que tivo para o país aquel minoritario Partido Galeguista. Calquera de nós pode, ademais, imaxinar cal sería o futuro de Galiza como nación se o río da historia seguise o seu curso e non fora tronzado polo fascismo. Só hai que pensar  en todas aquelas persoas que militaban no PG ou que traballaban no Seminario de Estudos Galegos. O mellorciño do mellorciño, humana e intelectualmente.

Este é o espello no que nos debemos mirar hoxe todas as persoas que queremos un país diferente. Ou é que non temos nada que aprender da experiencia histórica, da dos anos trinta e da nosa, desde a Transición para acó? Precisamos regresar permanentemente, claro que si, a Castelao e a Bóveda, mais non só o debemos facer para alimentar e iluminar o noso ideario político, o noso corpus teórico, senón tamén para aprender da firmeza que tiñan no seu ideario nacionalista aqueles dirixentes e de como souberon compaxinar esa solidez nos ideais cunha praxe política que situaba a consecución de institucións propias e o goberno do país como prioridades irrenunciábeis e inaprazábeis. De feito a política de alianzas que levaron a cabo cos partidos estatais unicamente tiña un fin: acadar o obxectivo de dotar a Galiza de existencia política propia como nación e de instrumentos de autogoberno no prazo máis breve posíbel, seguindo os pasos de Catalunya e Euskadi. Merece a pena que fagamos un alto no camiño para reflexionar se o nacionalismo galego actual ten a mesma preocupación por gobernar o país que tivo o nacionalismo da preguerra. É moi necesaria esa reflexión. E é preciso tamén que as persoas e as organizacións que nos últimos anos buscaron alianzas fóra do campo nacionalista reflexionen sobre a utilidade que ese enorme salto na estratexia do nacionalismo galego contemporáneo tivo para alcanzar un sistema político galego máis forte, un país diferente e un nacionalismo máis potente e con maior apoio social, que era, en definitiva, o que procuraba o PG. Mentres non se fagan estas reflexións nun campo e noutro, Galiza seguirá a estar lonxe de ter unhas forzas políticas propias que actúen coa mesma lucidez e a mesma responsabilidade histórica que o fixo o nacionalismo da preguerra.

Aínda estamos a tempo de rectificar a historia. Sempre estamos a tempo de rectificarmos a historia. Falarmos entre nós non debería ser nunca máis difícil que o diálogo entre Catalunya e o Estado. E creo sinceramente que hai moitas persoas independentes, insobornábeis na defensa do país, que teñen un papel moi importante que xogar para que nas próximas eleccións xerais  o nacionalismo organizado e as persoas que sen ser nacionalistas acreditan firmemente no país lle podamos ofrecer á sociedade galega a posibilidade de ter unha representación verdadeiramente propia, sen dependencias de fóra. Eu non me imaxino un proxecto potente de país, de ampla base social, sen sumar a esa tarefa a todas as persoas que lle queren a Galiza e que soñan cunha nación dona do seu presente e do seu futuro. Cómpre sumar, sumar e sumar, para fortalecer a casa común, como dixo no seu discurso Ana Pontón o Día da Patria, porque o BNG é a principal ferramenta política que segue a ter o país, pero se é preciso, e creo que é preciso, cómpre sumar tamén fóra da casa, buscando sempre a cooperación necesaria a prol do país, para empezar con todas esas persoas que desde a súa visión persoal manifestan unha e outra vez preocupación pola situación política de Galiza. O nacionalismo galego non debe ter nunca temor a transitar ese camiño. Foi o que fixemos desde 1982.

Eu soñaba nas eleccións xerais de 1977, con 17 anos, aló nas miñas terras de Ortigueira, cunha Minoría Galega no Senado con Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, con Moncho Valcarce e Camilo Nogueira, con Francisco Fernández del Riego e Francisco Carballo, con Valentín Paz Andrade e Isaac Díaz Pardo, pois para min todos eles eran referentes do país. Daquela non foi posíbel esa Minoría Galega. Tampouco nos sucesivos procesos electorais. Nin unha soa vez desde 1977 a 2016. Catro décadas despois, camiño dos sesenta anos, sigo a pensar que o país segue a precisar cando menos unha Candidatura Galega ao Senado, con persoas de longa traxectoria de compromiso co país, que teñan como único programa a defensa de Galiza como nación e como única atadura política a fidelidade ao país. Cómpre xogar forte, cunha candidatura potente en cada provincia, absolutamente plural, sen límites de carácter ideolóxico. Galiza aínda precisa aí de homes e mulleres como Anxo Quintana e Encarna Otero, como Suso de Toro e Teresa Táboas, como Alfredo Suárez Canal e Margarita Ledo, como Alberte Blanco Casal e Pilar Allegue, como Branca Rodríguez Pazos e Edelmiro López Iglesias, como tantos e tantas outras que levan decenios traballando para que Galiza exista como nación. Nada diso sería contraditorio co fortalecemento do nacionalismo galego, todo o contrario, nin eclipsaría tampouco a renovación xeracional que xa está en marcha na política galega. E si podería ser talvez un primeiro paso para que de novo todos situemos a Galiza no centro do debate político, aquí e no Estado, e tamén, como non, para ir tecendo outros reencontros imprescindíbeis, para reconstruírmos a patria dos afectos e un futuro máis ilusionante para o país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario