Venme agora á memoria aquela Lei de Bases que formulara o BNG en 1987. Alguén pode dicir que deixamos de ser nacionalistas ou de aspirar a unha Galiza soberana polo simple feito de presentarmos aquel documento programático de mínimos? Alguén pode dicir que con aquela proposta claudicamos do noso ideario nacionalista? En absoluto. Era unha Proposición de Lei para efectivizar naquel momento histórico e dentro dun marco competencial que nós sempre cuestionamos. O propio Bautista Álvarez, na introdución que fixo para a edición da Lei de Bases, afirma o seguinte: “Só a adecuada utilización do realismo político (virtude por suposto revolucionaria), a intelixente combinación da táctica coa estratexia, permite harmonizar a procura de solucións inmediatas coa defensa de alternativas de maior alcance”. Imaxinádesvos o positivo que sería para o país que neses anos oitenta se puxese en marcha o Instituto Galego de Economía Pública, o Banco Público Galego ou a reforma das vías de financiación? Lamentabelmente, a maioría parlamentaria do PP non tomou en consideración as propostas do nacionalismo, mais o BNG actuou co realismo político que o país agardaba de nós e puidemos presentarnos perante a sociedade cunha proposta positiva para o país que só precisaba a vontade política da Cámara galega e do Goberno galego para poder ser levada a cabo. Creo que ese debe ser o camiño que nunca debemos deixar de transitar. Esa Lei de Bases foi dalgunha maneira o preludio do que logo sería o Estatuto de Nación. E nada diso, claro está, era incompatíbel coa defensa dunha alternativa soberanista. Aprendamos da nosa propia experiencia histórica. Hoxe o nacionalismo galego, felizmente, non parte de cero e dun descoñecemento total da acción política institucional, nin carece tampouco de referentes históricos que nos poidan axudar a reflexionar, como si lles aconteceu ás persoas que reorganizaron o nacionalismo nos anos sesenta e aínda na década dos setenta.
E unha última opinión
persoal: penso que o nacionalismo galego actúa cunha enorme madurez e cun
grande realismo político cando na segunda metade da década dos setenta coloca
no debate político as Bases Constitucionais, nun momento no que aínda nin
sequera estaba aprobado o actual marco xurídico-político. Igual que creo que o
nacionalismo actuou con madurez e realismo político cando anos despois formulou
novas propostas para traballar institucionalmente en defensa do país até o
límite dos límites do marco legal. O realismo político non é negativo se serve
para dar solucións a problemas urxentes, para facer comprensíbel a alternativa
nacionalista e para axudar a avanzar a conciencia de país. O realismo político
mesmo é ilusionante, porque nos permite ver que o que defendemos pode ser
alcanzábel a curto prazo se hai vontade política. Creo, honestamente, que o
nacionalismo galego de hoxe precisa darlle unha esperanza ao país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario