Teño a certeza de que no nacionalismo galego
contemporáneo, en non poucas ocasións, nos momentos máis delicados,
fallamos xusto no plano máis importante, nos aspectos humanos que
subxacen sempre en calquera debate, desencontro ou substitución de
responsabilidades dentro dunha organización. Faltounos moitas veces a
palabra precisa, o sentimento de irmandade e o xesto de respecto,
consideración e agradecemento que merece calquera persoa que nos precede
na entrega polo país, á marxe das discrepancias políticas e ideolóxicas
que poidamos ter con esa persoa. Non todo se resolve co debate, coa
votación e cos acordos. Na política tamén son imprescindíbeis os xestos.
Nin o relatorio mellor elaborado nin o discurso máis brillante
substitúe a forza que posúe un xesto verdadeiro, o que nace do corazón. E
tamén sei que hai veces que nin iso serve para salvar diferenzas
profundas, sobre todo aquelas que teñen a ver con proxectos políticos
distintos ou con estratexias moi diferentes, que algo diso sucedeu nos
últimos anos, ben o sei. Mais incluso nestes casos deberiamos pór sempre
a salvo a relación humana e a amizade entre nós e mesmo a fraternidade
entre cantos e cantas acreditamos no noso país, aquela amizade que
sempre uniu a Castelao con Antón Vilar Ponte, con don Ramón Otero Pedrayo ou con Valentín Paz Andrade.
Na xornada de apertura da Asemblea Nacional do BNG houbo un xesto que
a todos e a todas nos iluminou por dentro, un xesto moi fermoso: o recoñecemento e o cariño que se lle expresou a Francisco Jorquera.
Para min persoalmente ese xesto é moito máis importante que os textos
que finalmente se aproben, porque ese é, creo eu, o camiño que temos que
seguir de agora en adiante, non só dentro do corpo social do BNG, senón
tamén con calquera persoa que lle queira a este país e que desexe un
futuro distinto para a nosa nación. Que no relatorio se fale de
que hai que humanizar a Organización é algo que sinala outra maneira de
actuarmos entre nós e co resto da sociedade. Estou convencido de que as novas xeracións que están a asumir a dirección do nacionalismo galego, con Ana Pontón
ao fronte, teñen moi claro que para construírmos un tempo novo para
Galiza son necesarias igualmente novas formas de actuarmos e de
expresarnos, procurando o diálogo e a empatía entre nós e coa coa
sociedade que aspiramos a que abrace o noso proxecto de país. Só desde
aí seremos quen de avanzar. Afortunadamente no nacionalismo actual temos
moitos espellos onde mirarnos. Eu como militante nacionalista
só aspiro a alcanzar algún día a riqueza humana e palabra cálida de
persoas como Mini ou Xaime Bello. Para seguir facendo país, para seguir tecendo o futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario