Si, deixádeme que feminice a
coñecida frase de don Ramón Otero Pedrayo. Cando el a escribiu en febreiro de
1957 referíndose a aquela mocidade que tanto o ilusionaba (Ferrín, Manuel
María, Novoneyra, Mourullo, López Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Franco Grande…),
naquel momento e naquel grupo xeracional, só había unha moza que destacaba polo
seu compromiso activo coa literatura galega e co galeguismo: a escritora Xohana
Torres. É normal, pois, que falase de “eles”: “¡Eles chegarán a onde nós non
fomos cecais dignos de chegar!”, dicía don Ramón naquel texto que fixo para
inaugurar o ciclo de conferencias que se levou a cabo no inverno do 57 no
Círculo Mercantil de Santiago e que alguén tivo que ler por el, creo recordar
que Rodolfo López Veiga, pois o acto levouse a cabo aos poucos días de morrer a
nai de Otero, dona Eladia Pedrayo. O grande escritor ourensán, como moi ben
sabemos, tiña unha inmensa fe na mocidade e vía naqueles rapaces e naquela moza
de Ferrol “a forte e calada alegría dun podente anovamento de Galicia”, a
ilusión e os soños, en definitiva, que o fascismo lles roubara aos homes e ás
mulleres das xeracións de antes da guerra.
O compromiso e o liderado das mulleres está moi presente, así mesmo, como non podía ser doutra maneira, no traballo político que de novo incendia de esperanza este país. O futuro de nós como nación galega escríbese necesariamente en feminino, coa rebeldía e a lucidez de tantas e tantas mulleres que en toda Galiza están a darlle continuidade ao pensamento político de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Estou seguro que don Ramón si escribiría agora: “Elas chegarán onde nós non fomos cecais dignos de chegar!”
Hoxe,
felizmente, son outros tempos, e as mulleres xogan un papel fundamental en
todos os campos creativos e do saber, e tamén no traballo político a prol do
noso país. Mais as mulleres sempre estiveron aí, tecendo as páxinas máis
luminosas da nosa historia. As mulleres galegas, aínda que non se di case
nunca, protagonizaron moitos dos momentos máis importantes e máis heroicos da
emancipación social deste pobo desde que aquela muller do Couto de Cereixa que
se chamou María Castaña encabezou unha revolta en defensa do
pan e contra o señor feudal frei Pedro López de Aguiar, bispo de Lugo,
xusto cando Galiza fracasaba máis unha vez no seu pulso por ser un reino
independente. Si, foron as mulleres as que nos momentos máis duros e máis
dramáticos da nosa historia social e política ergueron a bandeira da rebeldía e
da loita pola xustiza. Aí están os seus nomes: María Castaña, María
Pita, Rosalía de Castro, Consuelo Queiro, Ramona Suárez
Pouso, Xenerosa Vidal, Rosa Cadórniga, Manuela
Couso, Cándida Rodríguez, AmadaGarcía, Enriqueta
Otero, Syra Alonso, Isabel Ríos…, as mulleres, en
fin, que viviron e sufriron os sucesos de 1916 en Nebra e os de 1918 en Narón,
que se sumaron á resistencia contra o fascismo e a barbarie no 36 ou que nos
anos setenta protagonizaron o conflito das Encrobas contra o expolio de Fenosa,
e tantas outras mulleres que quedaron no máis profundo anonimato e baixo a
lousa do esquecemento histórico.
Non
falemos xa da literatura galega, na que será precisamente unha muller, Rosalía
de Castro, a que no século XIX restaura a lingua propia na poesía, inaugura o
ensaio no noso idioma, expresa de forma rotunda na súa obra a conciencia de
país e abre camiños nunca antes transitados na loita feminista. Unha simple
ollada ao panorama cultural de Galiza das últimas décadas, en calquera das
nosas expresións culturais, lévanos, igualmente, a nomes propios de mulleres
que ocupan un primeirísimo lugar na poesía, na narrativa, no teatro, no ensaio,
no cinema, na canción, na artesanía, nas artes plásticas, na ciencia, no mundo
académico… Unha profunda corrente feminina atravesa hoxe, talvez aínda nun
contexto moi adverso, toda a nosa cultura, desde a máis tradicional á máis
vangardista. Desde a década dos noventa para acó, a literatura escrita por
mulleres, por exemplo, é un riquísimo territorio literario que a maioría de nós
aínda temos por explorar e que representa toda unha idade de ouro para as nosas
letras. Nada a ver, afortunadamente, cos tempos en que don Ramón Otero Pedrayo
escribiu naquela súa letra miúda e en tres holandesas un fermosísimo texto de
presentación para unha mocidade e unha nova xeración que estaba a dar os seus
primeiros pasos na Compostela e na Galiza dos anos cincuenta. Lembremos que foi
a primeira vez que se escoitou a poderosa voz de Uxío Novoneyra entre as pedras
milenarias de Santiago, en público e en galego, en 1957. E a primeira vez tamén
que unha poeta galega na Galiza da posguerra pechaba coa súa palabra un ciclo
de conferencias que se abrira coa lectura da prosa vibrante e entusiasta da
figura intelectual máis importante desa época.
O compromiso e o liderado das mulleres está moi presente, así mesmo, como non podía ser doutra maneira, no traballo político que de novo incendia de esperanza este país. O futuro de nós como nación galega escríbese necesariamente en feminino, coa rebeldía e a lucidez de tantas e tantas mulleres que en toda Galiza están a darlle continuidade ao pensamento político de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Estou seguro que don Ramón si escribiría agora: “Elas chegarán onde nós non fomos cecais dignos de chegar!”
Ningún comentario:
Publicar un comentario