13/06/16

A nosa Terra é deles!



Xa o contei noutros artigos. Eu só precisei o lema do PSG do 77 (“Pra que os teus votos non emigren”) para saber que o meu voto non tiña que ir para o PSOE de Felipe González ou para o PCE daquel Santiago Carrillo que acababa de chegar do exilio -e a quen incluso fun escoitar a un multitudinario mitin que houbo no campo de fútbol de Ferrol, que daquela estaba no Inferniño. Non precisei militar en ningunha organización política nin seminarios de formación nin lecturas profundas, nin sequera que alguén me convencese. Un día en Ortigueira atopei unha volantina do PSG nunha cuneta  e xa tiven claro que o meu voto para o Congreso tiña que ir para o PSG de Xosé Manuel Beiras. O partido dos pexegos, xunto co BN-PG e o PGSD, eran os nosos partidos, as forzas políticas propias da miña nación, as que só se debían a Galiza, as que só se apoiaban na forza do noso propio pobo. E esa é a raíz principal do meu pensamento político desde entón, desde a miña adolescencia. Estou seguro que se esa idea non estivese firmemente enraizada xa teriamos abandonado a militancia no nacionalismo inmediatamente despois das eleccións de xuño do 77, cando o PSOE andaba detrás de todas e todos nós. Ocasións non nos faltaron. Se moitas e moitos de nós non o fixemos é porque sempre pensamos que todo o que non sexa crear conciencia de país e fortalecer a existencia de forzas políticas propias é debilitar aínda máis o nacionalismo como alternativa política para o país e, o que aínda é máis grave, renunciar na práctica a expresarnos como unha nación, ou se o preferides, a expresarnos como proxecto político para unha nación soberana. Ou non era iso o que defendía o nacionalismo galego desde as Irmandades da Fala, desde a fundación do Partido Galeguista, desde a creación da UPG en 1964, desde a refundación do PSG nos anos 70-71 ou desde a Asemblea de Riazor?


Cantos e cantas de nós non dedicamos durante anos e anos todas as nosas enerxías, o noso entusiasmo e os nosos soños a facer de Xosé Manuel Beiras o principal referente político da sociedade galega? E que duro se nos fai agora, verdade, ver día tras día como Xosé Manuel, o mesmiño Xosé Manuel Beiras, traballa arreo, de forma afervoada, para que Pablo Iglesias sexa o referente da Galiza de hoxe e para que un partido da metrópole como Podemos nos españolice aínda máis. Hai a quen só  lle falta abrazar o lema “A nosa Terra é deles!”, porque a Terra xa lla entregaron á nova esquerda española. E todo isto sucede nada menos que cando andamos a conmemorar o centenario das Irmandades da Fala! Xa sabedes: “A nosa Terra é nosa!”. Pódeo explicar Xosé Manuel como queira -e el é home culto e brillante e é capaz de convencer dunha idea e da contraria, xa o sabemos-, mais o que Beiras está a facer neste momento é unha emenda a toda a súa traxectoria política anterior. Beiras contra Beiras. E de nada nos vai servir que dentro dalgún tempo Xosé Manuel volva escribir outro discurso como o que pronunciou en Láncara en outubro de 2005. Permitídeme que vos traiga aquí as súas palabras: “Qué queredes que vos diga. Tardei en convencerme. Mais, após decenios de vida malgastos en ensaiar o raciocinio, a paciencia, o tempero, a argumentación, a persuasión e até o optimismo da vontade para contribuir dende a miña identidade nacional galega a construirmos en común un Estado español habitábel por todos, despois de todo ese esforzo durante todo ese tempo, cheguei á conclusión de que estivera a "traballar para o inglés". Nen sequer se trata dun esforzo ilusorio por realizar unha utopía. Non. Trátase dunha "impossible misión” (…) Compre renderse á evidencia: só o combate pola nosa autodeterminación como povo, orientada cara a independencia, só ese camiño poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respeito cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos…” Canto tardará Beiras en volver pronunciar palabras como estas que dixo en Láncara? Mais cando iso suceda, e non tardará en acontecer, haberá que coller do chan o fío e tecer de novo, máis outra vez, a tea da nosa historia, que tan amorosamente e co esforzo de tantas mans xa tiñamos tecido hai anos. Estou convencido que cando todo isto pase nacerá novamente no corazón de todas e todos nós e das xeracións que han de vir a ilusión de reconstruír o nacionalismo e de construír a nación que soñamos, coa nosa propia forza, con forzas políticas propias, claro que si, aínda que hoxe moitas e moitos teñamos a amarga sensación de sentirnos os derradeiros superviventes dun pobo suicida, tal como lle acontecía a Castelao antes de que chegara Antón Vilar Ponte e o movemento das Irmandades da Fala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario