19/01/16

Derrotar a Feijóo é un obxectivo político, non a razón de ser do nacionalismo

O presente e o futuro do nacionalismo galego é, certamente, difícil e complexo. Igual que é un momento moi difícil para o noso país, que máis unha vez sofre outra hemorraxia humana, un forte devalo económico e un profundo proceso de desgaleguización e de centralización política. Moitas e moitos de nós enfrontámonos hoxe a un duplo obxectivo político: sermos capaces de reforzar e revitalizar o nacionalismo como alternativa política para o país e ao mesmo tempo contribuírmos con outros actores políticos a construír, nesta circunstancia histórica, unha nova maioría social que teña a súa plasmación institucional no Parlamento galego que se constitúa tras as vindeiras eleccións galegas. Desde o nacionalismo galego non debemos renunciar a ningún dos dous obxectivos. Sería un enorme erro histórico destruír ou debilitar o nacionalismo no camiño por conseguir un cambio de rumbo na Xunta de Galiza. E sería igualmente dunha inmensa cegueira social non contemplarmos entre as nosas prioridades a necesidade de contribuír a un cambio político no noso país despois das vindeiras eleccións galegas. Como facer compatíbeis as dúas aspiracións políticas debe ser o que agora nos ocupe e nos preocupe. É a nosa obriga. E debe ser un debate, nunca un combate. Os debates sempre iluminan o camiño. Os combates só serven para autodestruirnos, para acabar véndonos retratados nun cadro de Goya.

Estou seguro que todas e todos nós queremos facer posíbel un país diferente, mais reducir o discurso á idea de que hai que derrotar ao PP é, ao meu ver, simplificar e desenfocar o problema. Si, hai que derrotar a Feijóo e ao Partido Popular, mais tamén hai que consensuar un programa de goberno para dar resposta aos principais problemas do país. E logo hai que gobernar, cuestións estas -o programa e a acción de goberno- que non son menores neste debate político. Tan importante como ilusionar á sociedade é non defraudala pouco despois. E diso hai demasiadas experiencias. Gañar as eleccións non é moitas veces o máis difícil. O máis difícil é gobernar, e máis aínda nun contexto como o actual e coas escasas competencias que ten o Goberno galego. Cómpre non ignoralo antes de sumarnos alegremente a un novo proceso político. De momento do único do que se pode falar é dos bos resultados electorais de certas fórmulas de concorrencia. O tempo dirá se a acción de goberno das Mareas terá tamén dentro de catro anos o aval da sociedade que obtivo no seu día. De momento tampouco hai motivos para celebralo con foguetes. Todo parece indicar que xestionar no día a día un concello non sempre é unha tarefa doada. E asumir o Goberno galego é aínda unha empresa máis difícil. E normalmente canta máis ilusión produce un resultado electoral na cidadanía, máis grande e máis profunda é a decepción se ao final non se acadan as expectativas creadas. Hai procesos políticos protagonizados pola esquerda que conducen a longos anos de gobernos de dereitas.


Cómpre pensar e repensar ben o que debemos facer. O nacionalismo naceu para algo máis que para derrotar a un partido de dereitas ou para gañar unhas eleccións a un parlamento dunha nación sen estado de seu. A súa razón de ser é conseguir unha nación soberana. A ilusión, por outra parte, tampouco se debe construír pensando exclusivamente en votos, en escanos e no poder, por moi necesario que todo iso sexa para avanzarmos. Don Ramón Otero Pedrayo nunca tan feliz foi como cando veu que nacía unha nova xeración para chegar a onde os da súa xeración non puideran chegar. Xubilado xa da súa cátedra, nos últimos anos da súa vida, don Ramón recordará sempre na súa casa da rúa da Paz ou no seu Pazo de Trasalba que os seus días máis felices foran os que vivira en Compostela entre aquela mocidade galeguista que neses anos cincuenta comezaba  a dar os seus primeiros pasos no compromiso con Galiza. Dicía Otero Pedrayo que aqueles días da súa vida non os cambiaría nin pola volta ao mundo de seu pai. Cunha ilusión como a de Otero tamén se constrúe o futuro da patria, claro que si. Eu hoxe teño a impresión de que algúns dos nosos mestres non souberon ou non quixeron dar paso ás últimas xeracións. A min nada me faría agora máis feliz que ver que por fin se produce o relevo xeracional que tanto precisa o nacionalismo galego. Oxalá poidamos contemplar no devalar deste inverno que outras mulleres e outros homes de mente lúcida e corazón inmenso emerxen na Galiza de hoxe para que a nación galega siga paso adiante, contra toda desesperanza. Se iso acontece, sería eu tan feliz como don Ramón. Abofé.

Ningún comentario:

Publicar un comentario