
Teño a certeza de que a historia política de Galiza dos
últimos decenios, aínda dentro deste
marco xurídico-político que nos nega como nación, puido ser máis
favorábel para o país se algúns feitos houbesen acontecido doutra maneira.
Imaxinémonos por un intre un
Partido
Galeguista plenamente activo no momento da Transición, como o foi o PNV en
Euskadi. Imaxinémonos o valor simbólico que podería ter para o pobo galego un
Antón Alonso Ríos regresando como
Presidende do
Consello de Galiza,
como máximo representante do Goberno galego no exilio, cumprindo o papel dun
Tarradellas. Imaxinémonos o
Consello de Forzas Políticas Galegas
presentándose ás primeiras eleccións do 77 con toda a forza da unidade.
Imaxinémonos un grupo parlamentario galego nas dúas primeiras lexislaturas das
Cortes españolas, en pé de igualdade cos vascos e cos cataláns. Imaxinémonos
unha primeira Xunta Preautonómica encabezada por Antón Alonso Ríos,
Bibiano Fernández Osorio-Tafall ou
Valentín Paz Andrade. Por suposto, Galiza
non deixaría de ser unha nación politicamente oprimida, sen Estado de seu, mais
teriamos pechado o paso a todo o que representaba
Antonio Rosón,
Quiroga
Suárez e
Fernández Albor e,
seguramente, conseguiríamos que o
nacionalismo galego tivese un protagonismo institucional decisivo xa nos
primeiros anos da etapa autonómica, asumindo incluso responsabilidades de
goberno.
Coincidiremos todas e todos en que a conciencia de nación
que hoxe posúe a sociedade vasca e a sociedade catalana ten tamén moito a ver co
proceso político que houbo desde 1976 para acó. É obvio que non resultou
indiferente para a marcha histórica de Euskadi e de Catalunya que eses dous
pobos tivesen gobernos autonómicos liderados polo nacionalismo. Aquí isto non
foi posíbel, primeiro porque o punto de partida xa non foi igual (só hai que
lembrar a estratexia política de Ramón
Piñeiro desde fins dos anos corenta) e, en segundo lugar, porque o
nacionalismo galego que se reorganiza na década dos sesenta, e até os últimos
anos do franquismo, non tiña tampouco o corpo social, o camiño andado, a
experiencia histórica e a madurez política necesaria para facer unha travesía
tan difícil como esa. As persoas que vivimos cunha inmensa ilusión aquel
momento da Transición soñamos con que o nacionalismo galego ía chegar a Madrid
xa en 1977, volvemos soñar con esa idea dous anos despois, e cando comprobamos
que iso non era así, talvez tardamos demasiado en reorientar estratexias e
tácticas, un tempo que os partidos estatais non desaproveitaron para avanzar
nos seus obxectivos políticos e para ir progresivamente alonxando a dinámica
política de Galiza dunha dinámica propia dunha nación que loita pola súa
soberanía. E o resultado está á vista: un país desfeito, no material e no
simbólico.
Esta é a nosa historia máis recente, e é imposíbel
reescribila, mais está nas nosas mans rectificala. Como dicía don
Ricardo Carvalho Calero, “Há que
esperar contra toda esperança, porque enquanto não decidamos suicidar-nos como
povo temos que confiar na possibilidade de retificar a história, e a história,
com certeza, tem de ser retificada". E creo que quen máis está obrigado a
traballar activamente para que Galiza exista e se exprese como unha nación nas
vindeiras Cortes españolas somos as persoas que vivimos a división do
nacionalismo nas eleccións do 77 e do 79 e que coñecemos moi ben as
consecuencias que esa división tivo para o noso país, non só naquel momento,
senón nas décadas posteriores. Cometeriamos, desde logo, outro novo erro
histórico, un enorme erro histórico, se o nacionalismo galego, con toda a súa
pluralidade ideolóxica, e aquelas persoas de pensamento galeguista que de
verdade acreditan en que o noso país ten dereito a un futuro diferente e a unha
dinámica política de seu, non somos capaces, nesta circunstancia concreta, de
dialogarmos entre nós e de buscarmos un acordo de mínimos para unha candidatura
galega unitaria. Cómpre traballarmos con entusiasmo para logralo, sempre con vontade
de tecer esta esperanza que Galiza merece, desde un espírito de auténtica
concordia. Oxalá lle poidamos dar esta alegría a toda esa
xente que ama este país con paixón e que non renuncia a que Galiza ocupe outro
lugar na historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario