Querida
amiga Ana:
Cando eu era
moi pequeno, aló nas terras de Ortigueira, o correo viña no coche de liña da
noite, que facía a ruta Ferrol-Viveiro, e miña nai, ao igual que moita outra
xente da parroquia, ía agardar moitas veces o correo á Casa Chao a ver se
tiñamos carta de meu pai, emigrante daquela en Francia. E íamos aínda que fora
inverno ou aínda que fora unha noite de lobos. Era a maneira máis rápida de
recibir carta, pois se a tiñamos, xa no mesmo momento nola entregaba o
carteiro. Daqueles xa lonxanos días da miña nenez quedáronme para sempre na
lembranza os sobres de envío por avión con franxas vermellas e azuis nas
marxes. Como un é dos poucos cidadáns que a estas alturas da sociedade da
información non se comunica por facebook ou twitter, aquí che vai para Compostela
esta carta urxente en sobre de avión.
Primeiramente
quero dicirche, Ana, que todas e todos nós estamos moi orgullosos do teu
traballo de embaixadora galega en Europa todos estes anos, e orgullosos e
orgullosas tamén, como non, da campaña electoral que fixeches de punta a cabo.
A túa entrega, a túa intelixencia, o teu entusiasmo, a túa humildade e o teu
sorriso son xa razóns suficientes para estarmos hoxe co mellor ánimo para
continuar na loita e na esperanza, porque sabemos que na Galiza toda hai moitas
Anas Mirandas, moitísimas persoas que teñen o país no seu corazón e na súa
cabeza, que poñen cada día a súa lucidez, o seu esforzo e a súa ilusión
en construír unha patria libre na que poidamos vivir dignamente. E aínda por
riba témoste de novo en Europa, a pesar de tanta ocultación e tanta falsidade e
manipulación, a pesar dos esforzos que fixeron uns e outros por destruír unha
alternativa nacionalista para o país como a que representa o BNG. Xa o dixo
Novoneyra: Non a forza do noso amor non pode ser inutle!.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhsHizMmauXF1aWQv9hz2Cp0RYvKpRGyBgAJgKGpVnGRcnXH4UrItVH2XJ2EuufAWRQ2wrHu4Dz1mnS76RXoagto71Iag9cvxJ-qSE0_U442XefGOjlwgD0sAav1B5x88XDs0I2JjdVfXpH/s320/Eurodeputada-Ana-Miranda-web.jpg)
Si, Ana,
mentres haxa un país con persoas comprometidas, lúcidas e alegres coma ti,
Galiza terá futuro como nación. Como di o teu bo amigo José Mujica, “Os únicos
derrotados son aqueles que deixan de loitar”. Ti sabes ben que nós somos un
pobo rexo, un pobo que endexamais renunciará a loitar polo seu futuro. Non nolo
permite a memoria de Rosalía, de Alexandre Bóveda e de tantos outros, tan viva
nos nosos corazóns desde a nosa adolescencia.
Carta para o irmán Foxo
Ningún comentario:
Publicar un comentario