22/04/10

Libros de conversas

Xusto no momento no que saiamos da longa noite de pedra, aínda co medo no corpo, coas interrogantes todas sobre a nosa memoria histórica, mesmo sobre o noso pasado máis inmediato, chegou ás nosas mans aló polo 1976 Unha ducia de galegos, un libro de conversas de Víctor Freixanes con doce personalidades da cultura galega. Era aquel un libro seguramente incompleto, pero que se bebía, que saciaba a nosa sede intelectual, a nosa curiosidade polos tempos da República, pola historia do galeguismo e pola cultura galega en xeral. Con este volume asistíamos ao inicio dun xénero xornalístico-literario na nosa lingua que nos axudaría a reconstruír o noso pasado como país a través da memoria viva dalgúns dos seus principais protagonistas.

Desde moi adolescente gardei nunha carpeta toda conversa que aparecía en xornal ou revista con calquera dos nosos escritores e cos líderes do nacionalismo galego, e unha e outra vez volvía ler aquelas conversas para coñecer mellor non só o perfil biográfico de todas aquelas personalidades, senón a nosa propia historia como nación, desde diferentes vivencias persoais, desde moi plurais ópticas ideolóxicas. De moitas daquelas conversas teño aínda viva na retina o titular, a foto ou algunha frase. Confeso que eu fun dos que descubrín aspectos moi importantes da historia de Galiza e da cultura galega nestas conversas xornalísticas que moitos e moitas de nós puidemos ler ao longo da Transición. 

Con aquel libro de Freixanes, publicado en Galaxia en xullo de 1976, e que tivo xa unha segunda edición nese mesmo ano, puidemos descubrir ou coñecer mellor a don Ramón Otero Pedrayo -que mantivera a conversa con oitenta e oito anos e xa finara no momento da saída do libro-, a Valentín Paz Andrade, a Luís Seoane, a Eduardo Blanco-Amor, a Ramón Piñeiro... Mentres non me puiden facer co libro, lembro que ía a unha biblioteca a miúdo para poder ler unha e outra vez esas conversas e tomar notas.

Se continuamos esta viaxe bibliográfica polas datas da publicación dos libros, temos que citar aquí Homes de Fole. Conversas de Anxel Fole con Xosé de Cora, publicado pola Editorial Sept en 1983. É este un libro certamente marabilloso, onde está don Anxel Fole con todo o seu mundo e as súas anécdotas, si señor.

En 1986, da man de Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado Maior, Sotelo Blanco publica Conversas en Compostela con Carballo Calero, unha obra imprescindíbel para coñecermos a unha das grandes figuras da intelectualidade galega de todos os tempos,  a un  home que sufriu o desterro en vida e o segue a sufrir aínda de morto.

Ao título anterior súmase moi pronto, no mesmo selo editorial, o libro X. L. Méndez Ferrín, no que Xosé M. Salgado e Xoán M. Casado entrevistan a este importante escritor, achegándonos ao seu corpus creativo, ás claves da súa escrita e ao seu pensamento político.

Un libro de conversas que sempre me pareceu excepcional, do mellor que se ten publicado neste xénero en calquera lingua, é A nación incesante. Conversas con X. M. Beiras, que sae á luz en 1989, tamén en Sotelo Blanco e, máis unha vez, con Miguel Anxo Fernán-Vello e Pillado Maior como coautores do traballo. Libro de memoria e de reflexión dun dos intelectuais máis brillantes e irrepetíbeis que deu Galiza. Na segunda parte do volume, as respostas son verdadeiras leccións sobre economía, política, historia, etc. Confeso que foi libro de cabeceira durante un longo tempo de quen isto escribe. Anos despois, en 2004, Laiovento e Espiral Maior, de forma conxunta, publican A estrela na palabra. Novas conversas con X.M. Beiras, cunha primeira parte onde Beiras fala de forma desgarrada, cunha prosa que nos conmove, do seu descenso aos infernos, para continuar logo cunhas conversas que, na nosa opinión, teñen moito de axuste de contas e que eclipsan un libro que é tamén admirábel pola valentía coa que o protagonista fala da súa propia vida, do seu sufrimento, desde a súa máis profunda intimidade.

Valentín Paz Andrade, a memoria do século, publicado en Edicións do Castro en 1998, é igualmente un libro de conversas que nos ilumina son só sobre a historia do galeguismo, senón tamén sobre o tempo da Transición e a situación na que estaba Galiza nese importante momento histórico no que puidemos encamiñar outro futuro para o noso país se o piñeirismo non renunciara á defensa da nación galega como realidade política.

Tamén do ano 1998 é o libro de conversas que Emilio Araúxo mantivo co poeta Uxío Novoneyra: Dos soños teimosos, publicado en Noitarenga. Desde aquí recomendamos a lectura deste libro neste ano dedicado ao poeta do Courel, porque aí están as claves da súa obra poética, o seu pensamento intelectual e a filosofía humanista dun sabio enraizado na terra como os mesmos carballos de Parada de Moreda. Poucas lecturas nos poden enriquecer tanto nestes días como este volume de conversas con Novoneyra.

Baixo o selo de A Nosa Terra sae do prelo en 2002 o libro Conversas con Francisco Carballo, do que son autores Santiago Pol e Xan Carballa. A biografía deste crego é unha das máis atractivas que poidamos atopar. Ao longo desta conversa descubrimos unha das nosas máis importantes personalidades, unha das traxectorias vitais máis admirábeis e de maior compromiso co país.

No verán de 2006 chega ao público outro libro de conversas fundamental para coñecermos a unha figura clave do nacionalismo galego contemporáneo e a un intelectual que foi capaz de elaborar unha obra de investigación verdadeiramente monumental sen renunciar nin un só día da súa vida á acción política. Estamos a falar de A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez, un volume que apareceu en A Nosa Terra e que ten a Xosé Mexuto como autor do traballo. Por suposto, non falta neste libro a visión máis humana e máis íntima  dun dos líderes do nacionalismo galego que máis ten traballado polo país. E igual que sucede no primeiro libro de conversas con Beiras, esta obra contén moitas respostas que están máis próximas ao ensaio, á lección, que á propia conversa.

Naturalmente, a bibliografía relativa aos libros de conversas non remata aquí. Lembro agora as conversas con Camilo Nogueira, Manuel María, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, Francisco Pillado, Darío Xohán Cabana, Isaac Díaz Pardo, etc. Mais creo que os títulos que moi brevemente comentamos neste artigo son libros que todo galego e toda galega deberían de ler. O convite queda feito. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario