A diferenza entre achegarse a persoeiros como Domingo Fontán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro a través da Galipedia, dun ensaio de investigación ou da fría análise da obra e do pensamento desas figuras ou facelo como o fai Suso de Toro nesta obra é a mesma diferenza que existe entre escribir e facer literatura, entre andar a pé e voar, entre elaborar unha biografía sen alma ou facer unha narración biográfica con vida de seu e desde a beleza da palabra. Non é que Suso de Toro non utilice o dato ou non escriba estas prosas desde o rigor. Todo o contrario: cada un dos retratos ten detrás da súa elaboración moito labor de documentación, moita erudición, moito esforzo intelectual, moitas lecturas, moitos libros de estudo e de creación, moitas horas de biblioteca privada, moito coñecemento da nosa historia, da nosa literatura, da nosa lingua, da economía, da ciencia, das artes... Mais o que se propuxo facer o escritor foi relatos con vida, con vontade de estilo, mesmo cunha certa expresión poética, sempre desde o respecto e o interese por estas figuras senlleiras, na maioría dos casos tamén desde o aprecio e a admiración, e sen ocultar nunca, por suposto, as contradicións e as sombras de cada unha destas persoas. A vida tal e como é, a vida, a ideoloxía e a obra destes trinta persoeiros tal e como Suso de Toro as ve, sen que o autor pretenda que sexa a única visión que se poida ter de Afonso X o Sabio, de Rosalía de Castro, de Valle-Inclán, de Vicente Risco, de Eduardo Blanco-Amor, de Ramón Piñeiro ou de Valentín Paz Andrade. É a súa propia visión, escrita desde unha inmensa curiosidade intelectual, ás veces tamén desde o corazón, aberta a outras posíbeis interpretacións, desde a apoloxía ou desde a discrepancia, mais endexamais desde ese sectarismo que tanto dano causa na nosa cultura e que incluso habita e medra vizoso nesa Real Academia Galega que non é capaz de recoñecer publicamente unha figura de nós tan excepcional como don Ricardo Carvalho Calero. Este libro de Suso de Toro é, nese sentido, un exercicio de liberdade, de respecto e de xustiza fronte á miseria humana de moitas persoas ilustradas, á miopía intelectual e a esa cultura do sectarismo que non nos deixa ver máis aló dos cómaros da nosa leira.
O libro de Suso de Toro é, asemade, unha viaxe pola historia de Galiza a través dalgúns dos seus grandes personaxes, de figuras como Diego Xelmírez, o Padre Sarmiento, Domingo Fontán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Castelao, Ánxel Casal, Luís Seoane ou Francisco Fernández del Riego. Desde aquela Compostela de Xelmírez que coroaba e enterraba reis e que era centro de poder relixioso, político, económico e cultural -non só na Península, senón en toda Europa-, as lectoras e os lectores desta obra podemos facer un percorrido apaixonante polos momentos escuros e de esplendor do noso país, polas súas posibilidades históricas - que as houbo en diferentes épocas- e tamén polos seus avatares e os seus fracasos, as súas frustracións como nación. Este traballo que agora nos entrega Suso de Toro permítenos coñecer moito mellor a nosa propia historia como país, a historia da nosa lingua e da cultura propia, e incluso achegarnos a personaxes sobranceiros de orixe galega que non contribuíron a facer país ou que mesmo fixeron todo o contrario (Emilia Pardo Bazán, por exemplo), mais que cómpre non ignorar para comprendermos o papel que tivo Galiza ao longo da súa historia, o lugar que ocupou a nosa lingua ou os grandes debates que houbo en cada encrucillada histórica. Aquí, nestas páxinas, está Galiza como preocupación, como tarefa, como paixón, como soño. Está o esforzo inxente, lúcido e xeneroso, de moitas xeracións por situar na historia o nome de Galiza. Está, en definitiva, a vitalidade dun país, o alento dunha patria que loita infatigabelmente pola súa existencia e polo seu porvir.Inmateriais é unha obra que nos ilustra sobre múltiples aspectos do noso pasado, que nos abre camiños, que nos convida a outras lecturas, unha obra para redescubrir o que fomos e o que podemos ser, unha obra que nos axuda a non renunciarmos endexamais á firmeza dos soños. Unha lectura imprescindíbel e deliciosa, para estes días de verán, para o inverno, para calquera hora que teñamos para aprender, un libro para regresar unha e outra vez á luminosidade desta inmensa fraga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario