27/04/14

Expresarnos como unha nación para estarmos no mundo como nación

A importancia política da presenza do nacionalismo no Congreso dos Deputados ou no Parlamento Europeo non hai que contemplala unicamente nos acordos favorábeis ao noso país que podemos acadar con proposicións non de lei en Madrid ou con preguntas e propostas de resolución que formulamos en Bruxelas. Iso talvez non é politicamente o máis importante para as galegas e os galegos que levan o seu país na mente e no corazón. O máis importante para quen de verdade quere existir como pobo e avanzar como sociedade plenamente consciente da súa identidade nacional é colocar a Galiza no mundo, proxectarnos externamente como país, facer que medre o orgullo de sermos galegos e galegas. Mais para iso resulta imprescindíbel expresarnos organizativa e politicamente como unha nación, estarmos neses outros parlamentos como unha nación emerxente. É o que fixo sempre o nacionalismo galego.
En cada paso que damos como pobo é indispensábel que se visualice que somos unha nación e que obramos dentro de coordenadas de emancipación nacional. Calquera outra praxe política que non parta desta idea non só choca de fronte coas teses históricas do nacionalismo, senón que dinamita calquera opción nacionalista como alternativa política para o país. Talvez por iso persoas e organizacións que foron sempre belixerantes co nacionalismo celebran agora con grande alegría que algúns persoeiros desen un xiro de 360 graos no seu pensamento político e que mesmo leven a cabo un combate político-ideolóxico contra unha forza política como BNG. Non hai que ser moi intelixente para comprender o porqué de tanto gozo. Nunca o PCE, na súa xa longa historia, tivera no noso país unha colaboración tan valiosa e tan útil para os seus obxectivos. É como se nos anos trinta Castelao ou Bóveda apoiasen ao PCE contra o Partido Galeguista.
Non, non é ese o camiño para unha Galiza soberana. O nacionalismo non medrará nunca na conciencia social dun pobo nin na súa expresión política organizada se a idea de país se exerce desde fórmulas organizativas e parlamentares que teñen o seu eixo motor na metrópole. Se nin tan sequera somos capaces de actuarmos como unha nación no plano político-organizativo, no plano estritamente partidario; se  renunciamos a dotarmos á nosa nación dunha forte organización política nacionalista que a defenda e que na práctica opere como o verdadeiro estado da nación galega en marcha; se mesmo chegamos a introducir unha organización galega dentro da candidatura dunha organización de ámbito español para concorrirmos a un proceso electoral, cooperando así eficazmente, ademais, na introdución da esquerda española na nosa sociedade, se así actuamos, que coherencia e que credibilidade pode ter un discurso nacionalista, por moito que o pronuncie o máis ilustre de todos os ilustres? E, peor aínda, que percorrido histórico pode ter un proxecto político que se autoproclama nacionalista, mais que actúa de motor da esquerda española? E, en definitiva, cal é a súa utilidade política para o país? Cómpre que todas e todos reflexionemos serenamente sobre estas cuestións, polo futuro de Galiza como nación e pola nosa propia hixiene mental.
Que ninguén se engane: o nacionalismo galego existe e existirá se hai corpo social organizado que acredite no propio país como nación. A experiencia histórica do nacionalismo galego está aí para demostralo unha e outra vez. Desde o Partido Galeguista, primeiro, e desde o Consello da Mocidade, despois. Organizar a nosa sociedade, termos confianza na nosa propia forza como pobo, expresarnos politicamente como unha nación, erguermos a Galiza por bandeira, construirmos nós mesmos e nós mesmas o noso futuro como país. Ese é o camiño. Non hai outro. O demais son flores de primavera, fogos de artificio, fugaces efectos luminosos, moi espectaculares mentres duran, iso si. Mais Galiza non precisa de fogos luminosos, precisa unha labarada que nos quente os corazóns, nos ilumine por dentro e nos dea lucidez e coraxe para o combate por unha patria soberana. Lucidez e coraxe! Non máis valor, por certo, que o que necesitou don Ramón Otero Pedrayo para alzar a súa voz en galego diante das autoridades fascistas no xardín do Posío en novembro de 1949, co sangue aínda de Alexandre Bóveda nun piñeiro da Caeira! Iso si que era coraxe, e non pregoar hoxe ao mundo da Izquierda Plural que naceu unha nova María Castaña! ¡Oh, cuánto tiembla la Troika con María Castaña! O que de verdade lle mete medo á Troika e pode facer cambalear a estrutura institucional do edificio da actual Europa é a loita pola soberanía política das nacións sen estado, a marea imparábel do nacionalismo aquí e acolá, a emerxencia de novas nacións soberanas no corazón de Europa. É aí onde está o BNG, onde estivo sempre Castelao e Bóveda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario