Señoras
e señores do Partido Popular: non poden nin poderán nunca negar que vostedes
pertenecen a un partido que foi fundado por un home que exerceu de ministro dun
réxime que naceu dunha sublevación militar que causou milleiros de vítimas,
mortes, barbarie, terror, exilio e represión, por un home que perteneceu a un
réxime que tivo as súas orixes nun sanguento golpe de estado, ao que seguiu
unha auténtica guerra de exterminio contra persoas civís desarmadas, contra
homes e mulleres que están aínda no corazón e na memoria viva de moitos e
moitas de nós: Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Víctor Casas…
e milleiros e milleiros de persoas anónimas que foron asasinadas nas cunetas ou
fusiladas fronte aos muros dos cemiterios, guindadas ao mar desde unha ponte ou
salvaxemente arrastradas vivas. Só por isto deberían ter a prudencia de non
asociar a ninguén á violencia, porque só en Galiza, sen haber fronte de guerra,
houbo máis de 5000 mortos.
Señoras e señores do Partido Popular: tampouco é falsear a
historia dicir que o PP, con José María Aznar á cabeza e co apoio do conxunto
dos deputados e das deputadas que nese momento estaban no Congreso formando
parte do seu grupo parlamentar, apoiou afervoadamente a participación de España
na invasión e na guerra do Irak, un conflito bélico que naceu dunha falsidade e
que causou entre 150.000 e 1 millón de mortos e que tivo posteriormente a súa
consecuencia directa no 11 M, con 192 mortos e 2000 feridos. Igualmente só por
isto deberían ter a prudencia de non asociar a ninguén á violencia, e menos
aínda a quen nunca a pacticou e a quen sempre a condenou.
Señores e señoras do Partido Popular: deben saber que cada
vez que nos falen da violencia, asociándoa, ademais, de forma miserábel, a unha
organización como o BNG, que sempre defendeu a paz, nós poderemos falarlles da
barbarie e do terror que naceu do réxime do que formou parte Fraga Iribarne ou
da morte e da destrución que causou a Guerra do Irak, unha horríbel guerra da
que foi responsábel directo José María Aznar. Se esa é a linguaxe que vostedes
se empeñan en utilizar no debate político, nós exerceremos tamén a memoria
histórica, e lembraremos as atrocidades da guerra e todas as estampas de
Galicia mártir e de Atila en Galicia, así como os versos de Luís Pimentel:
¡Outra vez, outra vez o terror! / Un día e outro día, / sen campás, sen
protesta, / Galicia ametrallada nas cunetas / dos seus camiños / … / Ti sabes
que todos os días / hai un home morto na cuneta, / que ninguén coñece aínda.
Si, señores do Partido Popular, en nome da intolerancia e do
mesmo concepto rancio de España que moitos de vostedes aínda hoxe profesan,
outros, naqueles dramáticos días do 36, encheron as cunetas de sangue de
obreiros, de campesiños, de mestres, de homes e mulleres que non cometeran máis
delito que loitar por Galiza e pola democracia. Todo ese horror en nome de
“¡Viva España y viva la derecha!”. E tampouco esquecemos todo o que veu despois
para milleiros de persoas: fame, represión, cárcere, tortura… Igual que
non olvidamos os sucesos de Montejurra e de Gasteiz ou que Manuel Fraga
Iribarne estaba no consello de ministros que condenou a morte a Julián Grimau.
E, non obstante, ninguén sentou a Fraga diante dun tribunal para que explicase
as súas responsabilidades políticas durante a ditadura. Pasou directamente da
ditadura á democracia, sen comparecer ante ningún tribunal de xustiza nin ter
que dar ninguna explicación. Díganme, señor Feijóo, señora Paula Prado, con que
dereito vostedes poden pedir agora aos demais credenciais de compromiso coa
democracia? Asumen tamén vostedes, como militantes do Partido Popular, que o
apoio a Fraga e ao seu partido foi e é unha maneira de lexitimar corenta anos
de ditadura e os crimes do franquismo?
Señores e señoras do Partido Popular: abandonen as cavernas
e sitúense dunda vez na cultura e nas formas da democracia!
Ningún comentario:
Publicar un comentario