Nunca eu pensei, Claudia, se che digo a verdade, nunca o puiden imaxinar
sequera, que a estas alturas da historia do nacionalismo galego,
despois de tantos anos de combate, teríamos que defender aínda entre
persoas de pensamento nacionalista, formadas xa na súa lonxana
adolescencia no Arredor de si e no Sempre en Galiza, a
necesidade do nacionalismo como alternativa política para o país, a
necesidade de contarmos con forzas políticas propias, soberanas, que
camiñen polos seus propios pés e que así se presenten á cidadanía, tamén
no plano electoral. Porque iso é o que está no fondo desta enorme
decepción que agora me invade e que só este sol do marmelo logra adozar
mentres releo nestas últimas horas da tarde Deus sentado nun sillón azul.
Que
ninguén nos derrote mentalmente, Claudia. Firmeza e valentía, sempre!
Para reafirmarmos a nación galega, a lingua de nós, a cultura, a base da
nosa economía, en definitiva, un outro futuro para o pobo galego, é
necesario reafirmarnos no nacionalismo, e desde o nacionalismo traballar
con intelixencia para gañarmos o apoio da nosa sociedade, sabendo en
todo momento en que país estamos e que tamén aquí a pedagoxía é
fundamental. Non hai outra opción para chegarmos a onde Castelao e
Bóveda non puideron chegar. E a partir de aí podemos falar do que sexa:
de fórmulas organizativas, de ferramentas e métodos de traballo, de
estratexias, de mensaxes, de persoas, de reorganización e refundación,
da xenerosidade imprescindíbel. O que non é posíbel é avanzarmos no
camiño da emancipación nacional renunciando á autoorganización política,
dinamitando unha idea que fomos quen de enraizar nun sector importante
da nosa sociedade ao longo do tempo, con moito esforzo individual e
colectivo, e ti, Claudia, sábelo ben, e sempre nun contexto adverso.
Quen neste momento dinamite esa liña de traballo, estará a dinamitar a
existencia do propio nacionalismo galego e a posibilidade real dunha
Galiza soberana para as futuras xeracións. E o que é aínda máis duro e
doloroso, Claudia, quen así actúe estará a demostrar que no fondo non
lle importan nada as persoas que coma ti defenderon este país co corazón
desde a primeira mocidade. E mira que non dedicaches horas e días
enteiros da túa vida a crear organización e conciencia de país no seo da
nosa sociedade, mira que non pegaches carteis unha e outra vez desde o
Día da Patria de 1976, mira que non participaches en canta rebelión
cívica houbo nos últimos trinta anos, mira que non deches a cara día
tras día polo nacionalismo enfrontándote a todo o españolismo, o de
dereitas e o de esquerdas! Anos e anos de durísimo combate para agora,
despois de tanta entrega, contemplar con verdadeira estupefacción como
nós mesmos lle axudamos á esquerda española a situarse
institucionalmente por riba do propio nacionalismo galego. Isto si que
afecta máis que a derrota electoral máis amarga. Estabamos preparados
para caer e erguernos, para subirmos o enorme pedrón de Sísifo pola aba
do monte arriba unha e mil veces, mais non estabamos preparados para
esta decepción, e ti, Claudia, menos aínda. Eu ao fin e ao cabo xa sabía
o que doe que quen ti máis admiras destrúa o soño que máis amas.
Contoumo no manicomio, unha tarde de inverno, en Castro de Rei, o bo de
Antón Moreda.
Neste momento,
Claudia, o que máis me preocupa é que a desilusión e o desalento se
apoderen de varias xeracións de galegos e galegas que traballaron sempre
arreo para que Galiza sexa a nación que todos e todas nós soñamos,
porque se esas persoas dimiten do seu compromiso político co
nacionalismo, ten a seguridade de que quen máis perde é este noso país
que tanto amamos. Creme, Claudia, nada hai máis valioso para construír o
porvir da nación que a lucidez e a entrega de todas e todos vós, dos
milleiros de cidadáns e cidadás que levan a Galiza no corazón e no
pensamento. Grazas a todas esas mulleres e a todos eses homes erguemos
unha esperanza para o país. E non foi onte nin antonte nin cunha marea
de votos. Aí estamos desde os tempos de Antolín Faraldo. Se de verdade
pensamos no futuro das xeracións que han de vir tras de nós, non nos
podemos permitir o luxo de perder as persoas máis capaces e máis
dispostas a loitar por Galiza, aquelas que levan na frente unha estrela
e que teñen conciencia clara e firme de país. Estou agora vendo os seus
rostros emocionados na Praza da Quintana baixo un sol de lume. 25 de
xullo de 1984. Son os imprescindíbeis de Bertolt Brecht. Que ninguén nos
mate os soños, Claudia, que ninguén nos quebre a firmeza das ideas.
Fronte ao pesimismo da razón, exerzamos sempre o optimismo da vontade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario