Castelao xa o expresou maxistralmente moitos anos antes de escribir o Sempre en Galiza: “Os obreiros no mundo queren as patacas baratas, os labregos (galegos) queren a suba das patacas…” Nesta dialéctica, fronte a estes dous problemas, os partidos estatais nunca pensan nos intereses dos labregos e das labregas do noso país. E poden ser as patacas ou pode ser o leite, pode ser o sector naval ou a pesca, pode ser o sector enerxético ou a agricultura, pode ser a rede ferroviaria ou calquera outra infraestrutura necesaria para o desenvolvemento da nosa economía. Entre España e Galiza, algúns optan sempre por España. Velaí a razón pola que é preciso o nacionalismo como alternativa política para a nosa terra. Sen a existencia do nacionalismo como expresión política da defensa dos dereitos e dos intereses do país, non existiría Galiza como suxeito social, económico, cultural e político no Parlamento galego, nas Cortes do Estado ou en Europa. Galiza existe como realidade política viva porque fomos quen de construír organizacións nacionalistas como o Bloque Nacionalista Galego. Onde está o nacionalismo galego está Galiza. Onde non está o nacionalismo está España.
Cando unha cidadá galega ou un cidadán galego ten como proxecto político para o seu país unha Galiza dona das súas riquezas e dos seus destinos, só pensa no que debe facer para afortalar o nacionalismo, para facelo máis forte fronte á dereita e á esquerda española. Quen de verdade loita aquí e agora por unha Galiza liberada, non colabora xamais co fortalecemento organizativo da esquerda estatal, porque sabe que iso contribue a dificultar as posibilidades electorais do nacionalismo galego como alternativa política para o país. E iso sería o último que faría unha persoa que quere o mellor para Galiza e para o nacionalismo galego. A esta idea chegaron milleiros de persoas de todas as condicións sociais e académicas en diferentes etapas históricas, porque para alcanzar tal lucidez non fai falta ser intelectual nin catedrático, nin pasar polas aulas da Sorbona nin sequera ler a obra política de Castelao. Só cómpre amar o país co corazón, ter unha certa intelixencia e ser coherente coas propias ideas que un defende, xusto o que fan os homes e as mulleres que aquí e acolá, en toda a nosa xeografía, manteñen activo o seu compromiso político co nacionalismo galego en calquera transo persoal, mesmo no contexto social e político máis adverso. Porque cremos en Galiza como nación, na necesidade de autoorganizarnos e no dereito a gobernarmos nós a nosa terra. Porque Galiza é a nosa razón de ser.
Aran os bois e chove, si, mais non por requerir paciencia e lentitude o traballo e non por estar a terra enlamada, enchoupada de auga, non por iso deixaremos de dicir agora e sempre: Viva Galiza Ceibe e Popular!, palabras estas, por certo, que nunca pronunciará ningún militante da esquerda española, porque a súa ideoloxía é a antítese do significado profundo de Galiza Ceibe. Hoxe, máis unha vez, volve ter plena vixencia o canto de Celso Emilio: Nunca virá de fóra / remedio ou esperanza… Ou como di o refrán portugués: “De Espanha nem bom vento nem bom casamento”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario