Se Manuel María escribise o seu Libro dos Amigos, ao estilo d´O Libro dos Amigos de don Ramón, Pepiño Estévez figuraría nesa obra á beira de Otero Pedrayo e Luis Pimentel, a carón de Carlos Maside e Celso Emilio, ao pé de Cuña Novás e Novoneyra, entre Bernardino Graña e Francisco Rodríguez, á par de Pilar Vázquez Cuesta e María Pilar García Negro. Grande foi a amizade entre Manuel María e Xosé Estévez, firme e de raíces profundas, fraternal e verdadeira como poucas, sempre diáfana e luminosa. Non é de estrañar que algúns meses despois da morte do poeta, coa ferida aínda aberta, o quirogués escribira palabras tan cargadas de emoción e de verdade como as seguintes: “Morreu para min o mellor amigo de Galiza, o meu padriño na bautismal aprendizaxe da cultura galega e nas xeiras patrióticas. Despois do pasamento do meu pai, nunca sufriu o meu corazón unha fenda máis espiñenta, o auténtico cravo rosaliano da dor”.
Xosé Estévez coñecera a Manuel María e a Saleta aló polo ano 65, cando cursaba segundo de Teoloxía no Seminario Maior Diocesano de Lugo. Antes dese primeiro encontro, o fillo da señora Lola lera xa o Muiñeiro de brétemas, o libro co que Manuel María se revelou como poeta en 1950 na colección Benito Soto de Pontevedra, que dirixía Sabino Torres, e na que apareceron obras tan importantes como Fabulario novo, de Cuña Novás, ou Dona do corpo delgado, de Álvaro Cunqueiro. Cos versos de Manuel María iniciouse tamén aquel mozo de Quiroga na lectura da literatura galega. A partir de aí, cada vez que tiña que facer unha viaxe a Monforte nos seus tempos de taxista, Pepiño facía un oco para falar cos seus bos amigos da Libraría Xistral, nas Galerías Fontecha, unhas conversas que ademais de ilustralo intelectualmente, o afirmaban no amor á patria e nas ideas nacionalistas. Un día o Manuel comentoulle o interese dun rapaz de Monforte en casar en galego. Era o ano 69. Puxeron data para a voda e alí se presentou un domingo Pepe Estévez, tras unha longa viaxe en moto desde A Fonsagrada, onde naquel momento exercía a liturxia. Mais antes de saír ao altar, o párroco daquela igrexa prohibiulles a cerimonia en lingua galega e el mesmo casou os noivos en castelán. Ese acto fortaleceu aínda máis o pensamento nacionalista de Pepiño Estévez e a súa amizade con Manuel María e Saleta, para sempre xa inquebrantábel.
O ano 1969 foi tamén a primeira vez que Xosé Estévez se achegou a Compostela para asistir á Misa de Rosalía en Santo Domingos de Bonaval e dese xeito poder participar no único acto de afirmación galeguista que á altura daquel tempo se podía facer no Día da Patria. Agás dous anos, por motivos de doenza da súa filla, Pepe Estévez nunca faltou desde entón á cita compostelá do 25 de xullo, e desde 1980 fíxoo sempre na compaña de Maribel Goñi, Saleta Goi, Manuel María e outros bos amigos. A súa presenza no muro de San Paio de Antealtares é xa para nós unha imaxe imborrábel do acto patriótico da Quintana. Só falta o Manuel, unha ausencia que poderiamos moi ben expresar cun estremecedor verso de Avilés de Taramancos escrito para Urbano Lugrís: …esa dor de non verte, meu amigo!
Nin os anos nos que estudou Filosofía e Letras na Universidade Complutense nin posteriormente a súa longa época de profesor na Universidade de Deusto quebraron a súa relación con Galiza, a súa fidelidade ao país e a súa amizade con Manuel María. Todo o contrario: Xosé Estévez converteuse no auténtico embaixador de Galiza en Euskadi. Alí está desde comezos dos setenta, poñendo cátedra de amor a Galiza, defendendo o nacionalismo, estudando os lazos históricos entre as dúas nacións, abríndonos as portas da Universidade de Deusto ou da Casa de Galicia de Donostia, recibindo na súa casa de Oiartzun co corazón aberto os amigos, dando aos demais unha lección permanente de bondade e de humanismo. E a un venlle agora á memoria o fermoso e emocionante discurso que pronunciou Telesforo Monzón na Praza da Quintana o Día da Patria de 1979, con aquela súa poderosa e poética oratoria que el posuía e con aquel aire aristocrático que o caracterizaba: “Desde aquí saludo a los futuros embajadores de nuestros pueblos, a los embajadores de Euskadi en Galicia y de Galicia en Euskadi”. Creo que ningún goberno dunha nación galega soberana tería mellor embaixador en Euskadi que o noso benquerido e admirado Xosé Estévez. Por certo, contaba o poeta José Bergamín, agora tan inxustamente esquecido, que en plena guerra, cando o Parlamento español se reuniu en Catalunya, Telesforo Monzón, que fora nomeado Conselleiro de Gobernación polo lehendakari José Antonio Aguirre, fixo unha intervención en Barcelona que lle levou a exclamar a un ministro de Negrín: “¿Quién es este vasco que habla castellano mejor que nosotros?”. Efectivamente, Telesforo tiña a oratoria dos máis brillantes parlamentarios da República, e ademais era poeta, e aquel 25 de xullo, con case 75 anos de idade, recén chegado do exilio, fixo unha das arengas máis inesquecíbeis que nós temos escoitado na Praza da Quintana. Levamos aínda na nosa memoria algunhas das súas palabras: “Hermano Castelao: junto a ti nos tienes hoy. Tu sueño fue que vascos y gallegos marcháramos juntos... Os traigo saludos de la Euskadi del silencio, del sufrimiento y de Soria. También os traigo el saludo de la Euskadi de la soberanía segura que saluda a la Galicia de la soberanía segura”. Qué beleza había naquel discurso político de Telesforo Monzón!
No País Vasco, na súa universidade pública, Xosé Estévez impartiu a docencia a moitas xeracións de estudantes desde 1973 até a súa xubilación, doutorouse en Historia en 1990 e creou a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto. Socio de número da Real Sociedade Bascongada de Amigos do País desde 1987, socio activo da Casa de Galicia de Donostia e membro do Fato Cultural Daniel Castelao de Trintxerpe, Xosé Estévez levou a cabo durante todos estes anos un inxente labor como historiador, conferenciante, animador cultural e colaborador de diversas publicacións vascas e galegas. Comprometido co nacionalismo galego e co nacionalismo vasco, é unha das personalidades que mellor coñece as relacións históricas entre os dous pobos, que máis ten estudado o Galeuzca e que tivo, ademais, a sorte de tratar persoalmente a algunhas das figuras máis destacadas do nacionalismo destas dúas nacións. Autor de numerosos traballos de investigación e de libros fundamentais para coñecer con rigor e profundidade o Galeuzca e os seus antecedentes históricos, este quirogués, galego de nación e vasco de adopción, non deixou tampouco de cultivar a poesía, talvez o xénero no que mellor se pode expresar o sentimento do amor no seu sentido máis amplo. Un dos últimos agasallos que nos fixo o Pepiño é precisamente un libro de poemas con textos seus e doutros poetas, dedicado á súa filla Alda Naiara, outra fonda ferida no seu corazón e no de Maribel. O título é un berro cargado de dor: Non me afago sen ela. No prólogo o Pepiño expresa a súa desolación con tanto desconsolo que para o lector ou a lectora do texto faise duro e difícil chegar á última palabra. Aldiña, están tan tristes / Os meus ollos por ti, meu ben, / Que nunca tan tristes viches / Outros ningúns por ninguén, di o pai, tomando o fío lírico dun trobeiro medieval.
Nós tratamos a Pepiño Estévez non sei ben desde cando. Presentóunolo Manuel María na carballeira de San Lourenzo un Día da Patria, onde tamén nos presentou a Maribel, a Meli Esteban, a viúva de Gabriel Aresti, ou a Pilar Vázquez Cuesta. Manuel era así: poñía a medio mundo en contacto co outro medio mundo. E ao Xosé Estévez nós debémoslle moito: aló polo 1985 fixo as xestións necesarias para publicar un traballiño noso sobre A luz resucitadanunha publicación da Universidade de Deusto, enviounos moitos dos seus traballos de investigación e tratounos sempre con afecto cada vez que nos atopamos, case sempre no verán. E nas súas cartas desde Oiartzun nunca esquece os “Bicos prá Medos”. El a min nada me debe. O meu único xesto do fondo aprecio que eu sinto por el é o apertón de mans que nos damos cada 25 de xullo en Compostela. E si, unha vez escribín en “El Progreso” de Lugo un artigo sobre un libro de Manuel María que estou seguro que o Pepiño Estévez agradeceu tanto como o propio poeta, pois os poemas por min alí brevemente comentados eran os sonetos que Manuel María escribiu sobre o Val de Quiroga, onde atopamos algúns dos máis belos versos do poeta:
Meu limoeiro florido e quirogués:
sempre florido te estou vendo
sen saber, ti a min, como me ves.
Eu prefírote así. Así te entendo.
E só che pido, amigo, que me des
o altísimo don do teu recendo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario