30/07/21

Manuel Vilanova, o poeta de Barbantes


 Arquivo AELG- Santos-Díe
Cando Manuel Vilanova (Barbantes, 1944-Vigo, 2019) dá o paso de escribir en lingua galega tras publicar dous poemarios en lingua castelán e o o fai, ademais, cun libro tan extraordinario como E direi-vos eu do mister das cobras, a súa poesía merece a atención crítica e o eloxio nada menos que de personalidades tan destacadas como Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Basilio Losada ou X. Mª Álvarez Blázquez e de poetas novos como Xavier Seoane ou X. Mª Álvarez Cáccamo. Todos eles celebran o carácter anovador do seu canto no panorama da lírica galega de comezos dos oitenta, un recoñecemento que se fará aínda máis visíbel cando en 1985 o poeta nos entrega A lenda das árbores de prata e recibe o Premio da Crítica Galega. Desde entón ao final dos seus días, Manuel Vilanova, de forma discreta, en silencio, á marxe de cenáculos e sen buscar nunca a súa proxección pública, constrúe, poema a poema, libro a libro, un dos edificios poéticos máis altos da poesía galega contemporánea, unha das obras máis extensas e máis ricas da nosa literatura. E non faltan críticos que o consideran “un dos maiores poetas que teña dado este noso país” (así o califica Manuel Forcadela no prólogo que lle puxo a 74 saudades para ascender aos ceos). Mais algo moi raro pasa no sistema literario galego cando o nome de Manuel Vilanova, louvado xa nos seus inicios como poeta en castelán por Vicente Aleixandre, Luís Rosales ou Eduardo Blanco-Amor, aínda hoxe, tras a súa morte, e cunha obra poética descomunal, apenas lle di algo a unhas poucas ducias de lectoras e lectores de poesía galega.


A esmeralda branca
 é o libro co que Manuel Vilanova regresou ás nosas letras tras máis de vinte anos de silencio e tamén co que o poeta recibiu o denominado Premio Nacional da Crítica. Hoxe queremos pousar a nosa mirada sobre as 525 páxinas, os 350 poemas e os máis de 15.000 versos deste libro. Estamos, certamente, perante unha obra propia dun Petrarca, dunha magnitude pouco frecuente en calquera literatura, onde a palabra se desborda como un río no inverno, dando orixe a poemas de máis de trescentos versos, que a outros poetas lles daría para facer e publicar un libro e incluso levar un premio. Aquí está o territorio sagrado do poeta e a súa infancia, todo o que o conformou como un ser marabillado fronte ao cosmos e o que sustentou a súa esperanza. A alegría de vivir embebido de tantísima beleza, as palabras dos outros seres da natureza, as palabras que lle deron desde neno, a memoria dos días máis felices, sen lágrimas, a súa verdadeira Arcadia, ese paraíso terreal que é Barbantes e todo o vasto mundo do Ribeiro do Miño, onde todo comezou, entre viñas e cereixas. Dirá tamén o poeta que “Quizais sexa este un bo lugar / para esperar a morte”, que el desexa nun cadaleito no que vaia “un chisquiño de lúa chea, as crinas do cabalo, / o cabelo da amiga, un pouco de espuma de mar, / o murmurio do río, unhas camelias brancas…”. Quen aínda non entrou en Vilanova, ten un país por descubrir.

A esmeralda branca

Manuel Vilanova

Libros da Frouma / Follas Novas

2006 / 526 páxinas


Ningún comentario:

Publicar un comentario