10/05/20

Salvador García-Bodaño, de tempo en tempo


Cando na primavera de 1979 chegou ás librerías do noso país Tempo de Compostela non sabiamos que admirar máis, se o coidado e a fermosura da edición do libro ou a emoción e a beleza dos propios poemas. Poucas veces tivemos o pracer de gozar tanto dun libro de poesía galega só con ver a cuberta, o tipo de papel e a composición tipográfica. Luís Mariño, naturalmente, estaba detrás daquela xoia editorial de Edicións do Cerne, que algúns moito botamos de menos nesa época para outros poemarios de non menos calidade literaria, moitas veces editados como O Gaiteiro de Lugo.
Á altura deses anos, para un mozo coma min, en pleno proceso de descubrimento da literatura galega e da nosa propia historia, Salvador García-Bodaño era un poeta que fora candidato ao Congreso polo PSG en 1977, o autor do poema “Galicia” (“Galicia é esto que vai en nós / e que nos leva…”) e do poema á memoria de don Ramón Otero Pedrayo, que publicara a revista Grial en 1976, no número dedicado ao grande polígrafo ourensán. Polo tanto, Tempo de Compostela ofreceunos a posibilidade a moitos e a moitas de nós de descubrir dunha forma moi gozosa unha das voces máis persoais e profundas da poesía galega contemporánea. Xusto cando un poeta da xeración de Bodaño como Méndez Ferrín e outros autores máis novos que el (Alfonso Pexegueiro, por exemplo) buscaban un novo rumbo para a poesía galega, este poeta, que nacera nos anos cincuenta coas Festas Minervais, nas que acadara varios premios, de súpeto sorprendíanos coa luminosidade da palabra emocionada, transparente e limpa de cada verso, con esa condensación lírica que atopamos en todos e cada un dos poemas do libro e cunha poesía que nos falaba con nostalxia e á vez con esperanza dunha cidade tan antiga e amada como Compostela e da presenza humana e intelectual dalgunhas das máis importantes figuras do galeguismo na vida compostelá, pero tamén deixando ver en cada poema, en cada páxina, a autobiografía do poeta, tan intimamente vencellado á cidade desde moi mociño e máis tarde a persoeiros como Ramón Piñeiro, Carlos Maside, Otero Pedrayo, Fermín Penzol ou Francisco Fernández del Riego. Compostela como memoria íntima: “A primeira moza / e os primeiros soños / no inxenuo banco / de tantas agardas”. Compostela como lugar onde o tempo é eterno. Compostela como símbolo da patria. Compostela como río longo na historia. Compostela tamén, como non, como futuro aberto á esperanza: “Polas hedras do sangue / rebentaban xa / as novas follas / da patria clandestina”. Aquel libro era unha primavera máis para a poesía galega. E así o celebramos.



Tempo de Compostela
Salvador García-Bodaño
Edicións do Cerne / 1979
72 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario