26/07/14

Non o ignoremos: se aínda hai proxecto de país é porque hai nacionalismo galego

O galeguismo e o nacionalismo galego levan decenios construíndo un proxecto de país, desde a xeración de Antolín Faraldo. As mentes máis lúcidas que deu o noso pobo souberon sempre, en todos os períodos históricos, que non hai futuro posíbel para a nosa terra se non se cambia a situación de dependencia do país. E todas e todos nós sabemos que calquera diagnóstico da realidade económica, social e cultural de Galiza que se faga desde unha óptica galega nos conduce á conclusión de que para resolver os nosos problemas cruciais precisamos de poder político, de soberanía, ser donos do noso futuro. A recuperación e o desenvolvemento da economía produtiva, a creación dunha banca pública galega ou a restauración plena da nosa lingua son obxectivos que só se poden alcanzar desde unha Galiza soberana, con capacidade de decisión e cun proxecto de país. Na defensa deste ideario non podemos dar nin un só paso atrás. Ou defendemos con claridade e firmeza o proxecto de país, en calquera circunstancia histórica, ou estaremos contribuíndo á desaparición do pobo galego como unha sociedade viva e con identidade propia. Ningunha persoa de pensamento nacionalista, e, por suposto, ningunha organización política nacionalista, pode renunciar a defender o que son os alicerces da teoría e da praxe nacionalista.

Temos a impresión de que nas últimas décadas nunca tan ameazada estivo a idea de país como nestes momentos, e curiosamente esas ameazas non proceden dos que sempre combateron a idea dunha Galiza de seu, senón daqueles e daquelas que se definen como nacionalistas e que hoxe, en nome de frontes populares para un cambio de réxime ou de unidades cidadás cara ás vindeiras eleccións municipais, conscientes de que non todos asumen a nosa realidade nacional, colocan o proxecto de país nun lugar secundario, moitas veces invisíbel, como se o benestar social do conxunto da cidadanía, os dereitos sociais e laborais ou o dinamismo económico dos concellos non tivese nada que ver co problema político de Galiza. Ou lle facemos fronte intelectualmente a esta deriva ideolóxica ou imos acabar todos e todas nós destruíndo o nacionalismo galego, e o que é máis grave, enterrando máis unha vez o proxecto de país, como fixo no seu día Ramón Piñeiro cando liquidou o Partido Galeguista, con consecuencias nefastas para a historia contemporánea de Galiza, sobre todo no momento da Transición, que era cando máis falta facía aquel instrumento político.


Claro que é precisa a unidade popular, claro que fai falta un maior apoio da cidadanía, claro que cómpre máis pobo, máis autoorganización, mais sempre arredor dun proxecto de país. Sabíano ben as xentes das Irmandes da Fala, os homes e as mulleres do Partido Galeguista, os galegos e as galegas que puxeron en marcha a AN-PG, o Consello  de Forzas Políticas Galegas ou máis tarde o BNG. Sumar pobo foi sempre un obxectivo do nacionalismo galego. Conseguir esa grande marea social sen renunciar á defensa do nacionalismo como alternativa para o país e sen destruílo ou debilitalo como corpo organizado foi o soño dos que nos precederon nesta difícil tarefa e é tamén o gran reto que temos hoxe como nacionalistas. Agora que algúns tanto falan da incorporación do vello PG á Fronte Popular e do exemplo de Castelao e Bóveda nos anos trinta, non estaría demais que non esquecésemos a razón principal que levou ao nacionalismo galego naquela circunstancia histórica de antes da guerra a dar aquel paso: a aprobación do Estatuto de Autonomía, o avance no proxecto de país, a construción da nación galega. Por certo, sen desfacer o Partido Galeguista, sen deixar de militar nas súas filas, cos ollos postos incluso nas posibilidades de fortalecer o nacionalismo galego no novo escenario político que nacese coa aprobación do Estatuto. Estes e non outros foron os fins que en verdade motivaron aquela estratexia política do PG. Dar un paso adiante na nosa historia como nación, esa foi a razón pola que os nacionalistas dos anos trinta se sumaron á Fronte Popular. Esa foi tamén a razón pola que un home como Alexandre Bóveda, que se enfrontou a Castelao nese debate, asumiu finalmente o seu resultado, participando despois activamente na campaña da Fronte Popular. Esa foi igualmente a razón pola que mesmo don Ramón Otero Pedrayo, radicalmente posicionado en contra desa estratexia, non seguiu a Vicente Risco nin abandonou a súa militancia no Partido Galeguista durante esa travesía. Porque todos tiñan moi claro que o que os movía era un proxecto de país e que para manter vivo e vizoso ese proxecto era imprescindíbel unha ferramenta política como o Partido Galeguista. Xusto o que temos que saber neste momento: que se, despois de tantas vicisitudes, de tantas circunstancias históricas tan adversas, aínda hoxe hai un proxecto de país, é porque hai nacionalismo galego. Non o ignoremos cada vez que miremos para o futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario