22/04/13

A agonía do sector naval galego: un exemplo paradigmático das consecuencias de non termos soberanía política

Na opinión pública de Ferrolterra hai unha idea moi estendida de que nin o PP nin o PSOE nin o Goberno central, sexa dunha cor ou doutra, tiveron nunca verdadeiro interese en defender e impulsar o noso sector naval, e non obstante seguimos a esperar de Madrid unha solución que, á luz do que aconteceu nos últimos trinta anos, só pode vir dun goberno galego con capacidade e vontade de actuar para facer posíbel que a industria naval siga a ser un sector estratéxico da nosa economía. A estas alturas deberiamos ter xa moi claro que o sector naval galego endexamais formou parte das prioridades dos sucesivos gobernos que pasaron pola Moncloa. Nós sempre fomos moeda de cambio para os partidos estatais, ben para negociar a entrada no que entón era a CEE, ben para salvar a industria naval de Sestao, Puerto Real e Cádiz ou ben para compracer os intereses doutros países de Europa. Todos os gobernos do PSOE e do PP ratificaron a nosa exclusión da grande construción naval civil na Ría de Ferrol. Naturalmente, mentres Madrid decida sobre os nosos estaleiros, teremos que seguir a presionar ao Goberno central, mais para asegurar o futuro deste sector económico temos necesariamente, dunha vez por todas, que deixar de esperar por unha solución que veña de fóra. A alternativa está en nós mesmos. Precisamos pensar no noso dereito a vivirmos do que o país pode producir. Precisamos pensar en que necesitamos actuar desde a propia Xunta de Galiza para defender e desenvolver o noso sector naval. E desde esa idea de país cómpre reclamarmos para o goberno galego competencias plenas sobre a nosa industria naval, que é o mesmo que dicir reclamarmos a soberanía política que o noso país necesita para defendermos a nosa economía e a nosa existencia como sociedade.           

Todo isto parece unha conclusión á que resulta moi doado chegar, mais a realidade é que á maioría das persoas que viven con preocupación o futuro do sector naval, e incluso a moitas persoas que o defenden con firmeza, nunca se lles pasou pola mente a defensa do sector naval asociada á defensa da soberanía política do noso país. Ese labor pedagóxico no seo da sociedade está aínda por facer, e só o pode facer o nacionalismo, porque pensamos desde unha óptica de nación con necesidades e dereitos, porque cremos de verdade nas potencialidades do noso país e porque desde sempre erguemos a bandeira de defensa do sector naval, na rúa, nos concellos, no Parlamento de Galiza, no Congreso dos Deputados e no Parlamento Europeo, conscientes de que é un motor do que Galiza non pode prescindir.         
Foi precisamente a idea de facerse cargo dos problemas deste sector pola vía da acción de goberno o que orientou o traballo da Consellería de Industria da etapa do bipartito para reactivar o antigo estaleiro de Astano, até que os responsábeis da consellería se atoparon coa resposta do Director Xeral da Competencia da Unión Europea, que lles dixo que os entendía, mais que só o Goberno español podía solicitar a apertura de negociacións. Naquela reunión de Bruxelas o conselleiro nacionalista puido confirmar o que xa sabía: que a Xunta de Galiza carecía de capacidade legal para gobernar o noso sector naval, mesmo para participar na xestión das empresas públicas estatais ubicadas no noso país. A chave para abrir unha porta de futuro para o estaleiro de Fene estaba, máis unha vez, nas máns do Goberno central. E Madrid deulle de novo coa porta nos fuciños a Galiza. Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, / que España de ti se olvida…        

Foi igualmente a idea de gobernarmos nós os nosos problemas o que nos levou a promover no seu día unha Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do sector naval galego e a contemplar no articulado da proposicion de lei, sempre dentro do actual marco xurídico-político, unha maior implicación competencial da Xunta de Galiza no sector da nosa industria naval. E foi tamén o nacionalismo, na tramitación e aprobación parlamentaria desa proposición de lei, o que máis se esforzou en defender o texto orixinal elaborado pola Comisión Promotora da ILP, xa que tanto o PP como o PSOE pretendían modificar radicalmente o documento presentado no Parlamento. Non debemos esquecer, ademais, que Esquerda Unida, desde fóra da Cámara galega, mesmo se posicionou en contra desta ILP. A pesar diso, o bo facer e a firmeza de Rumbo 21 fixeron posíbel que ao final se aprobara por unanimidade a primeira lei do sector naval de Galiza con artigos que só se poden comprender desde unha idea que nace do concepto de soberanía política, da capacidade de decidir sobre o noso. Que outra lectura ofrece senón este texto legal no seu artigo 4:         

Conforme o estabelecido no Estatuto de Autonomía, a Xunta de Galicia negociará co Estado:
 

1. A súa participación na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval de Galicia que, pola súa natureza, non poidan ser obxecto de traspaso.

2. O uso dos activos dos que as empresas estatais integradas no sector naval de Galicia sexan titulares e que non estean sendo aproveitados para a construción, a reparación, a reciclaxe ou a transformación de buques ou outros artefactos flotantes.

3. Aproveitando as xestións que realice na Unión Europea o Reino de España, que se resolva ante esta que as instalacións do estaleiro de Navantia, en Fene, poidan dedicarse tamén á construción e á reparación de buques civís.
        

Ou véxase tamén a disposición derradeira primeira:         

Consonante o estabelecido no artigo 4, a Xunta de Galicia desenvolverá as actuacións precisas para lograr que as instalacións do estaleiro de Navantia, no concello de Fene, volvan á construcción, á reparación, á reciclaxe ou á transformación naval civil e a outras actividades afíns vinculadas a este.
         

Que o Goberno galego se implique, que participe, que asuma responsabilidades, que decida. Esa é a filosofía que aflora na Lei 4/2010 de fomento do sector naval de Galiza. De aí a defender a soberanía política para que a nosa nación poida desenvolver plenamente a nosa industria naval só hai un paso. Quen coincida co que di o articulado da lei, pouco ten que reflexionar para chegar á conclusión de que tamén o noso sector naval precisa da soberanía do noso país. É cuestión de decatarse de que unicamente un goberno galego con competencias de seu para negociar directamente en Bruxelas podería interesarse con verdadeira preocupación por levantarlle o veto ao estaleiro de Fene, por exemplo. Non hai outra saída para asegurar o futuro do noso sector naval. Ou decidimos nós sobre o noso ou outros seguirán a decidir desde fóra por nós sen contemplar as nosas necesidades e os nosos intereses, como fixeron sempre, unha e outra vez.         

Ademais de reivindicarmos o dereito a producir, é hora, pois, de reclamarmos o dereito a decidir políticamente como país sobre o futuro do sector naval galego. Se España de nós se olvida e a Xunta de Galiza, coas competencias que ten, carece de soberanía para defender e desenvolver un sector estratéxico da economía galega -e iso é así-, que agardamos para esixir un poder político galego que de verdade poida potenciar e defender outro futuro para as comarcas de Ferrolterra e de Vigo, asentado nun sector naval potente? Que máis temos que esperar? Reclamemos dique flotante, carga de traballo, levantamento do veto… mais non esquezamos que o verdadeiro impulso do sector naval galego só se poderá acadar se Galiza posúe capacidade política para decidir sobre os estaleiros da Ría de Ferrol. Cómpre que nós o saibamos e que socialicemos esta idea. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario