O porque deste Blog

Desde que comecei as miñas colaboracións no dixital http://www.terraetempo.gal/ e posteriormente en http://www.sermosgaliza.gal/, o meu benquerido amigo e editor Francisco Pillado non deixa de dicirme que moitos deses artigos habería que recollelos en libro. Mais como cada vez é máis difícil a edición en papel, ao final cedín a outra petición que me viñan facendo desde hai tempo dúas moi boas amigas, Gloria Rouco Llanderrozas e Dores Sánchez Alegre: crear un blog. E aquí estamos, naturalmente grazas á paciencia, ao esforzo e ao bo facer de Gloria, que foi quen finalmente se puxo mans á obra nestas tardes de verán, que aínda é máis de agradecer.

Por suposto, este blog débelle moito á fotografía. Ademais das fotos pertencentes ao meu arquivo persoal hai outras moitas fotos que ilustran os meus artigos e a cuxos autores quixera pedir desculpas por non ser quen de poder citalos a tod@s. Mais gustaríame facer referencia aquí a dous deses fotógrafos moi apreciados por min: Xan Carballa e Álvaro Fernández Polo. O primeiro ilustrou toda a historia do nacionalismo galego contemporáneo e o segundo ilustrou os meus traballos literarios e xornalísticos da época de Ortigueira e  moitos actos nos que participei naqueles anos.

Son consciente de que este blog non deixa de ser un libro dixital para as amigas e os amigos, para cantas e cantos nos siguen habitualmente en Terra e Tempo e Sermos Galiza.  Agardo que estes meus humildes traballos, coas súas correspondentes  ilustracións,  vos contaxien o meu amor polos libros, a miña devoción por figuras de nós como don Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro e a miña fonda e constante preocupación pola sorte histórica do país, algo que aparece de maneira reiterada nos meus artigos de opinión sobre o acontecer político.

En certa maneira este blog é tamén un Libro dos Amigos que nos iluminaron e nos iluminan coa súa vida e coa súa obra e unha crónica dos últimos anos do nacionalismo galego, na que quixen reivindicar unha e outra vez a necesidade da unidade, moitas veces apelando á lección de don Ramón Otero Pedrayo. Teño que recoñecer, á luz dos resultados, que fracasei estrepitosamente nos meus desexos. Aínda así non dimitirei nunca de traballar pola unidade do nacionalismo. Creo que foi despois das eleccións xerais do 77 cando publiquei nas páxinas de “El Ideal Gallego” un artigo que titulei, creo que moi atinadamente, “Pola unidade do nacionalismo”. E aí seguimos. Aí continuaremos, desde a certeza de que nada precisa máis o noso país que a unidade dos que soñamos cunha Galiza liberada.

Xuño de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario