26/12/22

Os tres retos políticos de Ana Pontón


A primeira feminista que coñeceu Ana
Pontón
non foi Simone de Beauvoir nin Rosalía de Castro, ás quen tanto admira. Foi Carme Fernández, a súa avoa paterna, coa que tivo unha relación moi íntima e que a marcou para sempre.

A súa avoa, unha muller do campo, sabía moi ben o que era a discriminación e a dobre explotación que sufrían as mulleres. Por iso, sen outra escola que a da propia vida, educou á neta na autoestima, na liberdade, na rebeldía e contra os esteotipos patriarcais. E Ana non a defraudou. Xa de nena non entendía porqué os rapaces podían ser acólitos e as nenas non, e non parou até conquistar ese posto de igualdade nas misas dos domingos na igrexa da súa parroquia. Pode parecer unha anécdota sen importancia, pero revela unha innata asunción de facer valer a cuestión de xénero.

Mudar aquilo que non lle parecía xusto foi sempre unha característica da personalidade de Ana Pontón e unha constante na súa vida, desde a adolescencia. E aí segue, nesa actitude vital, nese compromiso cívico, que é anterior á súa primeira militancia en Galiza Nova e á solidez dun pensamento xa nitidamente nacionalista, feminista e de esquerdas. E aí continúa, sen renunciar nunca a loitar polo que considera que é de xustiza e que merece a pena, aínda que sexa a contracorrente, porque, como ela di, “cando nadas a contracorrente es máis forte porque tes que facer máis esforzo”. 

CHORENTE

En Sarria, na parroquia de Chorente, Ana Pontón descubriu desde a súa nenez o valor da humildade, a sorte de nacer nunha aldea e o fermosísimo tesouro da lingua nos labios da súa xente. Na vida diaria da aldea, vencendo prexuízos e contradicións, Ana aprendeu a fala popular e foi quen de asumila con orgullo como lingua propia e de utilizala e defendela con paixón en contextos moitas veces moi hostís. Iso moito antes de ter o carnet do BNG, de militar nos Comités Abertos de Facultade ou de ser deputada.

En Chorente Ana Pontón aprendeu igualmente a amar e a defender a natureza, a ser unha persoa moi apegada á terra. No libro que recolle as súas conversas coa escritora María Reimóndez (A semente, a árbore, a froita) hai unha páxina que emocionaría ao mesmo Uxío Novoneyra e na que Ana fala dun souto de carballos e castiñeiros que plantara o seu bisavó pensando nas xeracións futuras. Para Ana ese espazo simboliza a idea de permanencia, de que a terra non é nosa, senón das xeracións que nos precederon ao longo do tempo e das xeracións que virán, e por iso ela mantén unha relación emocional moi forte co souto de Penacova, que así se chama, até o punto de que, como confesa nese libro, xa lle pediu a súa nai e a seu pai que quere herdar ese souto para seguilo a conservar co mesmo amor que o plantou seu bisavó.

Esta é a muller que hoxe lidera o Bloque Nacionalista Galego, unha persoa con raíces, feita de emocións, de afectos, de rebeldía e de amor á terra. 

TRES RETOS POLÍTICOS

De aquí ás vindeiras eleccións galegas, Ana Pontón ten tres grandes retos políticos: un de carácter interno, outro que ten a ver coa sociedade galega na súa pluralidade política, e un terceiro reto que se terá que visualizar socialmente desde agora e efectivizar na vindeira lexislatura, para o que é necesario, loxicamente, que o PP perda a maioría absoluta. Todo iso non será un camiño de rosas, é certo, pero Ana Pontón xa nos demostrou en varias ocasións que nada é imposíbel, que ela nunca lle pon límites a ningún obxectivo que se propoña conseguir. As persoas que a coñecen  saben que traballa sempre con tenacidade, con ilusión e con optimismo, mirando para diante e mostrándose segura de poder acadar o que se propón. É algo consubstancial á súa personalidade.

GOBERNAR O PAÍS

O primeiro reto político que ten Ana Pontón no inmediato futuro talvez sexa conseguir que o conxunto da militancia do BNG sexa moi consciente de que, na situación política, económica e social actual, o país non pode esperar pola República Galega, nin sequera por un novo status político de nación; que Galiza precisa xa, sen máis demora, un goberno galego que adopte medidas urxentes para revitalizar os sectores económicos e poñer a producir o país, para fortalecer a sanidade, a educación e o benestar social, para protexer o medio natural, para deter a hemorraxia humana que supón a emigración de tanta xente moza e tan cualificada e tamén, naturalmente, para existirmos como país con lingua propia e cultura de seu, é dicir, para existir e vivir con dignidade como calquera outro pobo do mundo, como a soñou sempre o nacionalismo galego. 

Recentemente o arquitecto urbanista Iago Lestegás Tizón publicaba en Nós Diario un traballo sob o título “Nin lume nin fume”, do que quero reproducir aquí parte dun parágrafo: “Péchanse as casas para sempre, ínzanse os camiños de silveiras, esboróanse os hórreos e as palleiras, caen os lousados e os tellados sen que ninguén poida oír o seu estrondo. (…) terras de labranza sen cultivar, pastos transformados en eucaliptais, aldeas e lugares baleiros, bens patrimoniais en ruínas…”. Aínda que só for por mudar esta situación do rural, que de forma tan fotográfica se describe aquí, xa é obrigado pensar en gobernar o país. Porque é unha necesidade social, porque é unha prioridade política. Porque cada ano que pasa, cada década que pasa, Galiza camiña cara atrás, en dinamismo económico, en postos de traballo, en peso demográfico, en benestar social, en peso político no Estado…

Ana Pontón sabe ben que para acadar un cambio político e para dar resposta aos problemas que pademos como sociedade galega  -que son múltiples e de extrema gravidade- ou se teñen nas mans os instrumentos que nos fornece unha acción de goberno, por moi limitada competencialmente que esta sexa, ou non avanzaremos nunca cara a esa transformación de Galiza que tanto anhelamos. A responsabilidade do nacionalismo galego en 1982 foi construír unha forza política nacionalista de carácter unitario para reconstruír o nacionalismo. A principal responsabilidade do nacionalismo galego neste momento é reconstruír o país.

No BNG de hoxe ningunha persoa é allea aos problemas e ás necesidades inaprazábeis que ten a sociedade galega. Todas e todos no BNG desexan tamén vehementemente reverter varias décadas de gobernos nefastos do Partido Popular. En consecuencia, ninguén desde dentro da organización vai cometer a torpeza política de introducir neste momento no debate político elementos discursivos contraditorios co que debe ser aquí e agora un discurso e un diálogo coa sociedade propio de quen aspira á Presidencia da Xunta e a liderar o país. O reto de Ana Pontón é transformar esa conciencia que toda a militancia nacionalista ten da situación real do país e ese forte desexo de mudar esa realidade en ilusión colectiva e compromiso proactivo para facer posíbel o cambio político galego. 

MÁIS ALÓ DO NACIONALISMO

Ana Pontón coñece perfectamente como é o seu país, porque pertence a unha clase social que sabe ben o que é a dureza do traballo, e soña unha Galiza diferente, moi diferente, como a soñou o galeguismo e o nacionalismo máis ilustrado ao longo dos últimos máis de cen anos, desde as Irmandades da Fala: como unha nación moderna, soberana e próspera, aberta ao mundo. Pero Ana Pontón é moi consciente de que esa transformación profunda do país só se pode alcanzar avanzando como proxecto político na sociedade, non só con principios políticos, cun ideario moi ben definido, con organización e mobilización social, senón tamén tecendo simpatías, complicidades e incluso afectos, dentro e fóra do nacionalismo, porque o cambio político galego que tanto se precisa necesita dun proceso de acumulación de forzas semellante ao que logrou o movemento Nunca Máis. E este é o segundo reto que ten que afrontar Ana Pontón.

Igual que Celso Emilio Ferreiro nos di nun dos seus poemas máis coñecidos “A miña mao che dou, / coma un irmau che falo”, Ana Pontón, desde que asumiu a responsabilidade de liderar o BNG en 2016, leva tendendo a man unha e outra vez a todas as persoas que aman este país e que queren unha Galiza diferente. E a nosa sociedade percibiu claramente nos últimos anos esa mensaxe sincera, ese xesto franco e claro, e agradece que o BNG estea liderado por unha persoa que, ademais de posuír intelixencia e solvencia política e unha extraordinaria calidez humana, sabe sumar e ilusionar. Pero Ana Pontón sabe ben que aínda fai falta sumar moito máis pobo á idea dunha Galiza disposta a protagonizar o seu futuro, dunha Galiza dona de si e dos seus recursos. 

LIDERAR O CAMBIO POLÍTICO 

Neste punto, con toda humildade, gustaríanos formular unha suxestión de carácter comunicativo, se Xavier Campos mo permite, claro: dentro do extraordinario esforzo que Ana Pontón e o conxunto do BNG deben facer para que amplos sectores da nosa sociedade -e non só o universo nacionalista e as persoas que simpatizan co nacionalismo- vexan posíbel e moi positivo que o novo goberno galego que se constitúa tras as próximas eleccións autonómicas estea presidido pola candidata do BNG, pensamos nós que desde unha perspectiva de comunicación política o máis intelixente é que a candidatura de Ana Pontón á Presidencia da Xunta apareza ante a opinión pública galega como unha mostra de modernidade do país, cun liderado feminino, e tamén como a demostración máis visíbel dun tempo novo e dun verdadeiro cambio profundo na política galega, porque esa é unha mensaxe que calquera persoa, sexa cal sexa a súa simpatía política, pode entender facilmente. 

Na nosa opinión non é necesario, e menos aínda imprescindíbel, poñer o acento en algo tan obvio como que Ana Pontón sería a primeira muller nacionalista ao fronte da Xunta. O que cómpre destacar é que a sociedade galega de hoxe ten nas súas mans a posibilidade real de poñer na Presidencia da Xunta de Galicia unha muller, que sería, si, a primeira muller en ocupar ese cargo na historia política contemporánea de Galiza, e unha muller, ademais, feminista, de esquerdas e á que ningún outro candidato ou candidata lle gaña na defensa firme de Galiza e en preocupación e traballo constante por darlle outro futuro a este país, por construír unha Galiza diferente. Se esa mensaxe chega así á nosa sociedade, o cambio político galego está xa en marcha e será irreversíbel. E será feminino.

CONSTRUÍR A GALIZA DO FUTURO

E, finalmente, a ninguén se lle escapa que o reto máis apaixonante, e talvez tamén o máis complexo e o máis cheo de dificultades que ten Ana Pontón, será poñer a Xunta de Galicia ao servizo do país tras as próximas eleccións autonómicas, cun proxecto de país radicalmente transformador, factíbel a curto prazo, de duración da lexislatura, cunha  xestión responsábel, solvente e eficiente, mais tamén coa ambición política de conseguir un novo status político para Galiza. Ese sería o terceiro reto. 

Naturalmente, a capacidade maior ou menor de impulsar ese proxecto político de país desde a Xunta de Galicia vai depender do peso político que nese hipotético goberno de coalición teña o Bloque Nacionalista Galego. E ese peso será, así mesmo, o resultado do esforzo que faga o BNG nos próximos meses por gañar o apoio da sociedade galega nacionalista e non nacionalista e por implicar na elaboración dun programa de goberno a aquelas persoas que, desde dentro e desde fóra da organización, están dispostas a colaborar nas bases programáticas do que debe ser unha alternativa de goberno que asegure o futuro de Galiza. 

A máis dun ano das eleccións galegas, así vemos nós a inmensa tarefa política de Ana Pontón (sempre Galiza como tarefa, parafraseando o título dunha obra de don Valentín Paz-Andrade) e así vemos nós o horizonte inmediato de Galiza: con optimismo, coa ilusión de que afortunadamente Galiza conta hoxe cunha nova xeración e coa certeza de que poucas persoas simbolizan tan ben ese cambio xeracional e o respecto polo traballo das xeracións anteriores como a propia Ana Pontón, unha muller que se formou politicamente á beira das grandes figuras do nacionalismo galego da posguerra  e que foi quen de darlle ao BNG un discurso adecuado aos tempos actuais, atractivo, humano e próximo aos problemas reais da xente, e de asentar no seo do BNG un rumbo seguro cara á consecución do goberno do país. 

O SOÑO DE OTERO PEDRAYO

Nada faría hoxe máis feliz a don Ramón Otero Pedrayo que ver outra nova xeración chegando a onde a súa xeración non puido chegar. Resúltanos fácil imaxinar a don Ramón, xa moi velliño el, no corredor da Casa Grande de Cimadevila, unha tarde desas nas que aínda sabe o vento a mazán, recibindo a Ana Pontón cos brazos abertos e cunha inmensa alegría no corazón. Estámolo vendo. Otero Pedrayo vivía sempre unha fonda emoción cada vez que os mozos se achegaban a Trasalba a visitalo, porque sabía perfectamente que a Galiza que el soñara nos tempos das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista e da II República renacía e seguía paso adiante no espírito rebelde e no compromiso da xente nova. 

Como di Xosé Luís Franco Grande en A ilusión da esperanza: de Cabanillas a Baixeras, don Ramón profesaba un culto moi profundo á mocidade, un culto que incluía o respecto, a admiración e a esperanza, a esperanza en que os seus ideais galeguistas e a obra política de Castelao tería continuidade nos mozos. Iso é o que nós esperamos hoxe de todas as persoas que son referentes históricos do nacionalismo galego: que sigan o exemplo de Otero Pedrayo, que teñan a satisfacción de que a súa entrega e o seu esforzo durante tantos anos non foi inútil e que por fortuna para Galiza hai neste momento outras persoas dispostas a facerse cargo da responsabilidade de gobernar o nacionalismo galego e de gobernar o país.

As xeracións máis veteranas, sempre merecedoras de aprecio, admiración e cariño, deben comprender tamén que estamos noutro momento político, noutro tempo histórico, un tempo que exixe, sen dúbida, outros liderados e outras formas de facer política e de dirixirse á sociedade. O realmente importante para o país é que o soño de don Ramón Otero Pedrayo segue vivo nunha nova xeración que xa está a protagonizar o presente e o futuro de Galiza. Ana Pontón é o seu rostro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario