Estamos de novo diante dun proceso electoral
no que Galiza se xoga como país nada menos que estar ou non estar no Congreso
con expresión política propia e plenamente soberana. Desde 1977 a 1996 Galiza
estivo ausente nas Cortes, case os primeiros vinte anos da democracia española,
e todas as persoas que temos conciencia de país sabemos que as consecuencias da
ausencia do nacionalismo galego no Congreso durante esas dúas décadas foron
enormemente prexudiciais para a construción do noso autogoberno e mesmo para
nosa autoestima como pobo, e foron, así mesmo, moi negativas para a defensa
política e institucional do país fronte a todas agresións que sufriron os
diferentes sectores da economía galega, nomeadamente o sector naval, o campo e
a pesca. Galiza quedou absolutamente á intemperie durante os anos máis
decisivos do actual marco autonómico, o que abriu de par en par as portas a un
sistema político galego protagonizado institucionalmente por aqueles partidos
que nunca acreditaron en Galiza como nación e que nin sequera aspiran a exercer
até o límite legal as cativas competencias que lle outorga o texto
constitucional e estatutario. De feito nos últimos tempos estamos indo de
nación a provincia, paso a paso cara atrás, cara a unha nova centralización do
poder.
Calquera persoa de pensamento
nacionalista ou galeguista que lle quere a este país e que desexa unha Galiza diferente debe ser consciente de
que neste vindeiro proceso electoral xogámonos, máis unha vez, ter voz e peso
político en Madrid como país, non só para levar alí os graves problemas que ten
a sociedade galega e que temos como nación, senón tamén para condicionar a
política do Goberno español a respecto de Galiza. E é obvio que nestas eleccións
non hai outra alternativa de país que non sexa a que representa o Bloque
Nacionalista Galego. A indiferenza diante do 10-N non é nin sería comprensíbel,
pois, en ningunha persoa con verdadeira preocupación por Galiza. O silencio non
será nunca unha actitude de compromiso co país. Nunca. Por iso moitas persoas
actualmente sen militancia no BNG están a expresar o seu apoio público ás
candidaturas nacionalistas. Isto é talvez o máis positivo que está a suceder
nesta campaña electoral, porque demostra que en circunstancias históricas como
as actuais, tan decisivas para o futuro de Galiza e para o fortalecemento do
nacionalismo galego, as persoas que de verdade aman o país, militen ou non
militen nunha organización política, actúan sempre con xenerosidade e con
responsabilidade política e non lle fallan ao país.
Lamentabelmente, e non o podo
dicir con outro adverbio, hai outras persoas que, polo contrario, non son capaces
de pechar as feridas que deixa a política partidaria e resístense a facer un
mínimo xesto de compromiso público coa única opción de país que o 10-N ten o
pobo galego. Non alcanzo a comprender esta actitude, e menos aínda en persoas que
asumiron noutrora un papel dirixente no nacionalismo galego. Creo,
sinceramente, que máis que facer dano a unha sigla política concreta fanlle un
profundo dano ao país e incluso ás súas propias biografías. A verdadeira
estatura humana, intelectual e política das persoas tamén se demostra cando por
riba das diverxencias ideolóxicas e políticas e dos enfrontamentos e odios
persoais se exerce o compromiso co país. Cómpre non esquecermos endexamais a
lección de don Ramón Otero Pedrayo e de Florentino López Cuevillas colaborando
activamente na campaña a prol do Estatuto do 36, cóbado con cóbado cos seus
irmáns do Partido Galeguista, dos que se acababan de distanciar politicamente e
aos que se viñan de enfrontar de forma moi vehemente pola súa discrepancia sobre
a nova estratexia política do PG. E actuaban así porque para Otero e para
Cuevillas o primeiro sempre era Galiza, e se conseguir o Estatuto era un
obxectivo estratéxico para o país, eles tiñan que estar aí defendendoo coa
mesma firmeza e paixón que Castelao e Alexandre Bóveda. Esa é a grande lección
daqueles nosos mestres. O seu exemplo debería iluminar en todo momento e en
todas as circunstancias o proceder das persoas que aman este país. Estas
eleccións son igualmente unha oportunidade para que todas e todos amosemos o
mellor de nós e o noso compromiso co país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario