Querido Xosé Manuel:
Xa ti ves, meu vello mestre, eu aínda non fun capaz de
dirixirme a ti doutro xeito que non sexa a través do aprecio e do afecto, por
moito que me teña decepcionado -e moito é o que me ten decepcionado, abofé- a
túa última traxectoria política, que nunca alcanzarei a comprender.

Abro o teu último libro de conversas e leo: “sempre defendín
no BNG -e cando falo en primeira persoa non é que me atribúa a exclusiva do que
digo- que o primeiro obxectivo do nacionalismo organizado no Bloque desde a súa
creación no 1982 tiña que ser a descolonización política interna de Galiza”. As
persoas que militamos no nacionalismo naqueles anos acreditamos que esa foi unha principal tarefa.
Cantas veces, Xosé Manuel, atravesaches ti o país dende O Ortegal ao Miño para descolonizarnos politicamente! Foi así como se
foi construíndo o Proxecto Común, gañando persoa a persoa para a causa do país,
erguendo pedra a pedra o edificio da nación en marcha, sempre dentro do propio
territorio político de Galiza, sen agardar por arquitectos de fóra, coas nosas
propias mans, e dun xeito non moi diferente ao que protagonizaron as Irmandades
da Fala e o vello Partido Galeguista, Castelao e Bóveda. E aí, nese contexto,
hai que situar tamén a túa “Carta ao eurodeputado Txema Montero”. Collo agora
do andel onde están todos os teus libros as Prosas
de combate e maldicer e leo: “Eiquí estamos moi afeitos a que veñan xentes
ou poderes alleos a levársenos recursos, cartos, liberdades ou votos. É máis: a
imensa maioría das xentes a e absoluta totalidade dos poderes de fóra que levan
vido eiquí nos últimos cinco séculos -nada menos- viñeron levársenos algunha
desas cousas ou todas xuntas. Iso sí, cáseque sempre viñeron coa san intención
de instruirnos, ilustrarnos e darnos leccións. En suma: viñeron e veñen sempre
por mor de civilizarnos”. E no seguinte parágrafo dis: “É natural: somos unha
colonia. E ás colonias os de fóra veñen case sempre para tirar proveito propio
co pretesto de instruir, evanxelizar e redimir aos indíxenas ou nativos”. Son
palabras túas, Xosé Manuel, palabras que teñen hoxe plena vixencia, moi acaídas
para interpretar e enfrontar este momento político no que, máis unha vez, outra
xente da metrópole vén a polo de sempre: polos nosos votos, e non precisamente
para unha Galiza liberada, senón para manter a nosa dependencia do Estado,
incluso mentalmente. Pobriños de nós, verdade, que non somos nada sen Podemos!
Eu sei que, a estas alturas, hai quen xa non espera nada de
ti para facermos máis forte o nacionalismo e para defendermos mellor o país. Eu
aínda si, Xosé Manuel, aínda agardo polo teu ombro para erguer unha candidatura
de país, aberta e plural, mais soberana como a Galiza soberana que ti noutrora
nos ensinaches a soñar. De igual maneira que nunca tiven dúbidas da túa
fidelidade ao país, coas contradicións políticas que se queira, tampouco teño
dúbidas de que o Beiras non ignora que hai momentos na historia nos que nada é
máis luminoso que un verso de Novoneyra ou que a emocionada aperta de Castelao
a Antón Vilar Ponte.
De irmán a irmán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario