22/06/13

María Pilar García Negro, da estirpe de Rosalía


Había que dar as aulas en galego, e deunas na súa primeira experiencia docente, como profesora de Francés no Seminario Diocesano de Lugo, no curso 1975-76. Aínda as glicinias tardarían algúns meses en florecer no Parque Rosalía de Castro. O terror de agosto latexa no corazón da patria. A espranza nos teus ollos se esperguiza. / Aran os bois e chove. Nunha parede da rúa das “dulcerías”, moi perto de “Calzados Ciudadela”, varios carteis proclaman pola mañá cedo para gozo íntimo de María Pilar: “Amnistía total. Patriotas Galegos. ¡¡Libertade!!”.

Había que introducir e dignificar o galego nos centros de ensino da cidade da Coruña, e aí estivo Pilar impartindo en galego aulas de Lingua e Literatura Española no “Eusebio da Guarda” desde o primeiro día que chegou ao histórico instituto da Praza de Pontevedra. E o traballo continúa despois na rúa, nos muros e nos baixos dos edificios en construción: “Día das Letras Galegas. Por un ensino galego e popular. Pola oficialización do noso idioma galego”, “Idioma galego, Idioma oficial”, “Polo uso irrenunciábel do noso idioma. Contra o Decreto de Bilingüismo”...


Había que formarnos no bo uso do galego, e púxose á obra durante máis dun ano desde a sección “O idioma” do semanario A Nosa Terra, cando nos nutriamos de cultura semana tras semana cos artigos de Manuel Hortas Vilanova, Felipe Senén e da propia Pilar García Negro e moitas e moitos de nós clarificabamos as nosas ideas dunha vez e para sempre nas páxinas de Problemática nacional e colonialismo. O caso galego:  “… a autodeterminación non é un dereito metafísico, abstrato, sinón un proceso cuio remate está na soberanía real a nivel económico, político e cultural, o que presupón uns principios organizativos inequívocos e unha práctica consecuente”. De plena actualidade, verdade?

Había que introducirnos no coñecemento e na valoración das nosas letras, e nese labor traballou María Pilar en colaboración con Xosé Mª Dobarro Paz, escribindo para todas e todas nós un “Curso de lingua”, que logo sería publicado en libro sob o título de 33 aproximacións á literatura e á lingua galegas.

Había que comprometerse sindical e politicamente co nacionalismo, e faino militando desde moi moza na Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG) e na Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), e aí permanece, inquebrantábel na fidelidade ao país e no compromiso coa nación en marcha, continuando o exemplo de súa irmá María do Carme García Negro, unha das mentes máis lúcidas do nacionalismo galego contemporáneo e unha muller que simboliza como ninguén a lealdade a un proxecto político, o verdadeiro significado da palabra irmandade, a lección de don Ramón que ninguén de nós debería esquecer.

Había que traballar na renovación pedagóxica e no activismo cultural, e Pilar fíxoo participando en 1976 na creación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e posteriormente como presidenta da Agrupación Cultural “Alexandre Bóveda”, impulsando unha serie de actividades e de publicacións que foron fundamentais para a cultura e a bibliografía galega, como “Os Xoves Literarios”, que deron orixe a moi necesarias e clarificadoras reflexións sobre as nosas letras, recollidas despois en tres volumes: A nosa literatura: unha interpretación para hoxe.

Había igualmente que socializar o pensamento lingüístico, e non houbo foro ou tribuna pola que non pasara Pilar, de Ribadeo á Garda, de Fisterra a Verín, pasando por Melide e Mondoñedo. Horas e horas percorrendo toda a nosa xeografía, poñendo cátedra de amor a Galiza, erguendo a bandeira da nosa dignidade. E había que internacionalizar a situación do galego, e aí estivo María Pilar participando na fundación do Comité español do Bereau Européen pour les langues moins répandues, colaborando na redacción da “Declaración Universal de Direitos Lingüisticos” e no seu Comité científico e intervindo en numerosos congresos e simposios internacionais sobre sociolingüística e linguas europeas.

Había que profundar no estudo do feminismo na obra de Rosalía, continuando así unha liña de investigación que abrira xa o profesor Francisco Rodríguez desde os anos setenta (na nosa memoria máis viva aquel seu artigo intitulado “Rosalía, cen anos de loita contra a hipocrisía burguesa”), e velaí o amplísimo corpus ensaístico de Pilar García Negro, que se inicia en 1980 cunha colaboración no cartafol da Comisión das Mulleres da AN-PG e cinco anos despois cun traballo revolucionario na análise da obra rosaliana, “A orixinalidade de Rosalía”, publicado no libro colectivo Rosalía de Castro: unha obra non asumida, prosegue con “Rosalía á luz de Mara”, in Actas do Congreso Internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, continúa logo co prólogo á edición en galego da biografía que Augusto González Besada fixo da escritora e co estudo introdutorio á edición de El caballero de las botas azules. Lieders. Las Literatas, para rematar -de momento- con dous libros que dalgún xeito recollen a súa longa entrega académica ao estudo de Rosalía: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais en 2010, eCantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro.

Había, claro está, que poñer o galego como columna vertebral da rehabilitación integral do país, e aí temos a Pilar García Negro, sen caer nunca no desalento, sen renunciar ao humor e sen dar tregua á defensa activa e constante do idioma galego, con toda a coraxe que é precisa. Velaí Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas, en colaboración con Lluis V. Aracil, Francisco Rodríguez, Pilar Vázquez Cuesta e Ricardo Carvalho Calero. Velaí os seus libros, desde a súa tese de doutoramento (O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, a primeira tese realizada sobre a lingua galega e a lexislación, cualificada con Apto cum laude) aos múltiples traballos xornalísticos e ensaísticos que viñeron despois: O ensino da lingua. Por un cambio de rumo (con Xoán Costa e con prólogo de Jenaro Marinhas del Valle)Sempre en Galego, Direitos lingüísticos e control políticoDe fala a lingua: un proceso inacabadoOutramente… “Non vemos a Galiza falando noutra lingua que o galego”, dixera don Ricardo naquela súa memorábel conferencia na Facultade de Ciencias Económicas, diante das máis de cincocentas persoas que ateigaban a Aula Magna, con aquel seu vibrante verbo atravesando dunha fondísima emoción tantos corazóns, entre eles o da súa discípula María Pilar.      

Había que escribir da nosa literatura, e Pilar García Negro puxo a súa atención crítica sobre a obra de Castelao (quen de nós non lembra Castelao contra a manipulación, aquel libriño editado aínda en Edicións Xistral, ou Arredor de Castelao, máis recente), Lamas Carvajal, Ramón Vilar Ponte, Jenaro Marinhas del Valle, María Mariño, Xosé María Álvarez Blázquez, Carvalho Calero, Manuel María, Uxío Novoneyra, Pilar Pallarés, Marica Campo…, e sempre, sempre Rosalía, ese mar aberto, a navegalo unha e outra vez. Textos e textos de lúcida análise e impecábel feitura.

Había que conquistar novos espazos para o galego na Universidade da Coruña, reforzando así o labor que xa estaban a facer Carlos Paulo Martínez Pereiro, Francisco Salinas e Manuel Ferreiro, e aí temos a María Pilar García Negro, exercendo a súa cátedra e formando a varias xeracións de mozas e mozos en Filoloxía Galega e no amor a Galiza, porque de nada serve estudarmos cientificamente o noso idioma se non nos preocupamos de restaurar día a día o seu uso social e público. A ciencia ao servizo da nación. Profesora e mestra.    

Había tamén, naturalmente, que defender o país nas institucións, e aí estivo Pilar, a primeira deputada do nacionalismo galego -non o esquezamos- escribindo coa súa palabra, a súa lucidez e a súa entrega algúns dos momentos máis brillantes da historia do noso Parlamento, impulsando iniciativas como a creación da Comisión para a igualdade e para os dereitos das mulleres -para o que logrou o apoio unánime dos grupos parlamentares- e poñendo sempre o seu discurso ao servizo do país e en contra de proxectos como a Cidade da Cultura, cando ninguén, por certo, ousaba dicir nada contra esa dilapidación de recursos. Vaian ao Diario de Sesións da Cámara galega, por favor.                        

E aí segue Pilar García Negro: o idioma, Rosalía, a loita feminista, a defensa da nación soberana que queremos construír, a tradición histórica do pensamento galego, de Manuel Murguía a Bautista Álvarez. Teoría e praxe. Labor intelectual, acción social e combate político. O clamor da rebeldía. A voz insubornábel. A continuidade da obra política de Castelao e Bóveda. O saber con raíces profundas. A autoridade ética e intelectual das grandes figuras. O rigor académico, a cortesía e a solemnidade verbal de don Ricardo Carvalho Calero, o seu mestre. A palabra como a perfección da rosa entre os labirintos de buxo dos vellos xardíns dos pazos. Un lugar destacado na idade de ouro do ensaio galego. Do mellor que floreceu na intelligentsia do noso país. E mesmo por riba de todo, a súa calidade humana, brillando nos seus ollos como o sol de agosto sobre a auga do mar. A amizade con maiúsculas. María Pilar García Negro, da estirpe de Rosalía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario