05/09/21

A inmensidade poética de Bernardino Graña

De Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) temos moitas imaxes, mais ningunha tan inesquencíbel, humana e conmevedora como a do poeta en Santo Domingos de Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, enfrontándose á morte do seu grande amigo Manuel María. Xa o atopáramos Medos e eu subindo pasiño a pasiño o Preguntoiro cara a Bonaval. Como un peregrino máis. A súa entrada naquel espazo fúnebre e o seu achegamento ao cadaleito foi un acto dun profundo respecto, dun sentimento espiritual extremo, un acto de aproximación lenta, seguramente non ausente de temor, e cunha expresión de dor, de amor e de devoción que os nosos ollos non viran durante todas aquelas horas. Ao día seguinte, en Outeiro, camiño da Santa Isabel, comentámoslle a emoción que nos causara velo en Bonaval, e el quedou moi sorprendido de saber que fora observado nese reencontro tan difícil co amigo, que esa vez xa non o puido recibir como facía sempre, cos brazos abertos, con alegría, cun sorriso inmenso como a Chaira e pronunciando como de costume o seu segundo apelido. Aínda algúns anos despois, o día que se inaugurou a Casa Museo Manuel María, puidemos ver a Bernardino subindo as escaleiras da Casa de Hortas, xa con moitas dificultades e coa axuda de Carme, para recitar os seus versos desde o corredor da casa en homenaxe a aquel outro irmán na poesía e no amor á patria. Son imaxes e vivencias que nunca se nos borrarán da mente.

Agora que a Bernardino Graña só lle faltan uns días para cumprir os 89 anos, queremos enviarlle desde aquí todo o noso cariño e a nosa admiración e convidar a quen lea esta columna a revisitar a súa obra poética, esa inmensidade de poesía que hai nos seus libros. E unha moi boa maneira de facelo é coa magnífica escolma que preparou no seu día o tamén poeta Miro Villar, que ofrece, ademais, unha moi imprescindíbel introdución: Bernardino Graña. Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008. Talvez non están aí todos os poemas que amamos de Bernardino Graña, mais si é unha mostra moi representativa da súa traxectoria como poeta desde aquel seu primeiro libro Poema do home que quixo vivir a Acendede as almenaras. Por razóns moi persoais nós temos unha especial predilección polo libro Se o noso amor e os peixes volveran Sar arriba e sementaran, libro de amor a Compostela e a unha muller lamprea, con versos que tamén falan dos seus alumnos do Instituto de Padrón, das sempre mozas Marías que hai tanto tempo pasean Santiago, dos que a ninguén aman e de ecoloxía e, por suposto, dos amigos, de Luís Seoane, Celso Emilio ou Eduardo Blanco-Amor: “Marchácheste nun taxi a un vil depósito /… / Alma miña de amor, Eduardo Blanco”. Bernardino Graña non só nos deu fermosísimos poemas, logrou algo máis alto na literatura: iluminarnos por dentro e para sempre coa poesía.



Bernardino Graña. Ser auga, darse en auga.

Medio século: 1958-2008

Escolma a cargo de Miro Villar

Centro PEN de Galicia / 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario