19/09/16

O vendaval deste outono chámase Ana Pontón

Na década dos oitenta e dos noventa do pasado século, e tamén durante os tempos da Transición, o
sector da nosa sociedade máis entusiasta co discurso do nacionalismo era claramente a mocidade galega. Eran as mozas e os mozos as persoas que máis apoiaban o BNG ou a EG e as que estendían esa corrente de opinión favorábel ao nacionalismo galego nas súas casas, entre a súa familia, entre os amigos, no traballo e por toda a xeografía do país. O nacionalismo tiña aí, pois, un enorme potencial, un camiño aberto para cambiar o rumbo político de Galiza. A sangría humana que sufre esta nación ano tras ano, xeración tras xeración, un certo cansazo político nos sectores máis dinámicos e comprometidos da sociedade galega, os propios erros e conflitos internos do nacionalismo galego e finalmente a aparición de AGE e dun fenómeno electoral como Podemos, acabaron por quebrantar a forza social do BNG, aquel pulmón que lle daba osíxeno ao nacionalismo en calquera parte do país, mesmo nos contextos políticos máis adversos. Isto era até onte. Ana Pontón, desde a firmeza das ideas, pero co seu verbo claro, sosegado e cálido, coa luminosidade natural que irradia ela como persoa e co seu carácter aberto e agradábel, está a abrir agora un camiño de futuro para o nacionalismo galego e para o país. Por primeira vez nos últimos anos hai unha persoa ao fronte do BNG que esperta a simpatía de amplos sectores sociais, aínda que de momento toda esa simpatía non se traduza en votos, e dígoo desde a alta consideración e desde o aprecio que me merecen outros referentes do nacionalismo. Sexa cal for o resultado electoral do BNG -e creo sinceramente que vai ser moi bo-, Ana Pontón representa neste momento un vendaval de ilusión e unha esperanza moi firme para cantas persoas cremos neste país e nunha Galiza diferente. E os que somos da aldea, coma min, coma Ana, coma Mini, sabemos ben que sempre que hai vendaval cambia o tempo.

Cando falamos de Ana Pontón non falamos só dunha muller cunha ampla experiencia política e parlamentaria e cun magnífico traballo no Parlamento galego: referímonos sobre todo a unha forma moi distinta de expresar as ideas do nacionalismo aquí e agora, que non ten nada a ver coa máis mínima renuncia ao ideario, senón co estilo verbal, coa linguaxe xestual e coa intelixencia política coa que Ana Pontón se dirixe á nosa sociedade. Porque na política tamén hai estilos, como na literatura, nas artes, na arquitectura… O pulso que lle gañou a Feijóo no debate da TVG é un bo exemplo de como se pode ser firme nas ideas desde a seriedade e desde a beleza da palabra. Aí é onde esta muller moza nos dá unha lección a todas as persoas que dalgunha maneira seguimos instaladas no combate político doutras épocas, mesmo en actitudes pouco amábeis e en discursos tristes e amargos, case apocalípticos, nos que só florece a épica, o pesimismo e a desesperanza, unha bandeira, naturalmente, que ninguén quere coller. Ana, todo o seu equipo de campaña e o resto das candidatas e candidatos están a demostrarnos que se pode defender o nacionalismo galego con alegría e cun sorriso, que moitas veces non son as ideas, por moi radicais que estas sexan, as que producen o rexeitamento social, senón as palabras e os xestos que utilizamos para expresar as ideas. Ana Pontón sabe comunicar, emocionar e ilusionar. Moitas persoas senten de novo estes días o orgullo de ser do BNG ou de simpatizar co BNG. Unha corrente de simpatía cara a Ana Pontón atravesa de forma transversal toda a sociedade galega. Hai un antes e un despois para o nacionalismo galego tras esta campaña electoral, pase o que pase o 25 de setembro.

Mais Ana Pontón non unicamente está a abrir un tempo novo para o nacionalismo galego -ben necesario, por certo-, senón tamén para o país. Feijóo é xa pasado, un pasado sen luces, escuro como unha noite negra de inverno. Núñez Feijóo representa en termos políticos o epílogo de Manuel Fraga Iribarne. Xa demostrou ao longo de todos estes anos que con el Galiza endexamais será un país vivo e dinámico, con futuro e con presenza propia como nación cando menos como Catalunya e Euskadi, nacións que carecen de estado de seu, mais que teñen ao fronte gobernos con vontade de conquistalo. O país non pode seguir así, por hixiene política e pola nosa supervivencia como pobo. E as persoas que lle queremos a este país, que o levamos no corazón e que nos esforzamos en  construír un tempo novo para Galiza non podemos perder esta outra oportunidade histórica que nos dan as eleccións do próximo domingo. Non é o momento de pensar no que fixemos mal ou no que aínda non estamos a facer. É o momento de pensar no goberno que vai ter Galiza nos vindeiros catro anos, nas forzas políticas que queremos que nos representen na Cámara galega e nas persoas que queremos que exerzan a acción de goberno desde unha mentalidade de país. Xa sabemos o que aconteceu por moi poucos votos en 2009, cando o bipartito da Xunta perdeu as eleccións, ou en 2011, cando o Concello de Compostela pasou ás mans do Partido Popular por menos dunha ducia de votos. Aínda desde a decepción, desde o desánimo ou desde a discrepancia máis profunda en determinadas cuestións é preciso termos a lucidez necesaria para non confundirmos esixencias e prioridades políticas de cada un de nós co que o País esixe de todos nós. Por favor, mirade ese fermoso cartel coa foto de Ana Pontón tendéndonos unha man. É unha man tendida para traballar entre todas e entre todos polo futuro de Galiza. Faría falta non lle querer nada a este país para mirar para outro lado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario