14/06/14

Galiza perante a posibilidade dun novo escenario político

Haxa creba democrática ou simple reforma constitucional, o nacionalismo galego non pode renunciar endexamais á defensa dun proceso constituínte para a nación galega que culmine na República Galega, porque é un obxectivo consubstancial ao propio pensamento nacionalista, mais a reivindicación dese horizonte debe ser compatíbel co impulso inmediato dunha iniciativa política orientada a que as forzas políticas actualmente representadas na Cámara galega se senten nunha mesa para concretar que condicións mínimas debe esixir Galiza para non quedar por debaixo do status que teña Catalunya ou Euskadi nun novo escenario político.
Non podemos deixar que outros decidan por nós. Nin Galiza nin o nacionalismo galego poden quedar á marxe dun hipotético cambio do marco constitucional. Temos que actuar con intelixencia política, sendo conscientes do peso electoral e institucional que ten o nacionalismo no noso país e non ignorando que neste momento Galiza non vai ser considerada formalmente ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya, como si aconteceu nos anos setenta. Nin sequera van chamar a un Valentín Paz-Andrade para formar parte dunha comisión negociadora. E o peor que lle podería suceder ao noso país é que quedase no novo mapa político como unha provincia máis de España. E iso pode acontecer se non somos quen de situar a Galiza neste debate, un obxectivo que precisa de toda a forza do nacionalismo galego, mais tamén da implicación con máis ou menos entusiasmo doutras organizacións políticas representadas no Parlamento galego. Busquemos esa complicidade co país máis aló de nós. Tamén entre persoas non organizadas politicamente, pero que teñen visión de país e preocupación polo futuro de Galiza. Todas e todos facemos falla para erguer a Galiza por bandeira nun panorama político cada vez máis españolizado. Mollémonos no río da historia. Non nos quedemos contemplando como pasan as augas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario