
Esta é talvez a primeira
oportunidade que temos desde a ruptura de Amio de reconstruír o respecto e a
fraternidade entre nós, e mesmo os afectos, porqué non, e de comezar a construír
de novo entre todas e entre todos o futuro do país. Galiza non pode perder máis
oportunidades e máis xeracións. Levamos décadas e décadas de oportunidades
perdidas como nación. Galiza é unha empresa descomunal e son precisas todas as
mentes lúcidas e todas as mans que hai polo país adiante. Sumar, sumar e sumar.
Calquera persoa que lle queira a este país, que teña claro que o país precisa
forzas políticas propias e que todas e todos somos necesarios para a tarefa de
construír un futuro distinto para Galiza, calquera persoa que pense así, debe
estar coa mente aberta á pluralidade de ideas e coa man tendida aos demais. Deixemos
de buscar as diferenzas e os matices que non nos levan a ningures, só a debates
interminábeis entre nós, que ademais resultan social e politicamente estériles.
Dediquemos todo o noso esforzo e todas as nosas enerxías a tender e non a
destruír pontes. E a ponte que aquí e agora cómpre construír, desde unha
estratexia de país e desde a responsabilidade histórica, é unha ponte inmensa
entre as persoas que militan no BNG e as persoas que militan no país dunha ou
doutra maneira para que todas e todos poidamos celebrar que Galiza existe como
expresión política e que Galiza volve estar presente como nación nas Cortes
españolas. Non é pouco. Crédeme.
Cada vez que paso polos soportais
da rúa do Vilar onde estivo instalada a imprenta Nós non podo evitar que me
veña á mente a imaxe dun emocionadísimo Ánxel
Casal recibindo a noticia da incorporación do seu vello amigo Antón Vilar Ponte ao Partido Galeguista
despois daquela experiencia tan frustrante de ORGA. Contáranolo don Paco del Riego un caloroso día de verán
en Ortigueira. A moitas e moitos de nós seguramente tamén se nos iluminarían os
ollos de emoción se nesta circunstancia histórica vísemos un xesto público de compromiso
co país en moitas persoas coas que noutra vivimos tarefas, soños e emocións. O
país precisa ese acto de responsabilidade política por parte de todas e de
todos, e a nós, que nunca deixaremos de andar pola vida co corazón aberto, nada
nos produciría máis ilusión. Sería unha ilusión comparábel á felicidade que nos
daría ver a Francisco García
representando a Galiza no Congreso e retomando o labor de don Ramón Otero Pedrayo nas Cortes da
República. Este é o sentimento e o compromiso de país que eu vos reclamo a
todos e todas vós. Non lle fallemos ao país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario