20/11/22

Francisco Carballo, humanismo e entrega ao país

Xusto no momento no que saíamos da ditadura, coas interrogantes todas sobre a nosa memoria histórica, mesmo sobre o noso pasado máis inmediato, chegou ás nosas mans en 1976 Unha ducia de galegos, un libro de conversas de Víctor F. Freixanes con doce personalidades da cultura galega, que se abría cunha conversa con don Ramón Otero Pedrayo. Era aquel un libro moi incompleto, onde faltaban moitas voces, pero que se bebía, que saciaba a nosa curiosidade polos tempos da República, pola historia do galeguismo e pola cultura galega en xeral. Con este volume asistiamos ao inicio dun xénero xornalístico-literario na nosa lingua que nos axudaría a reconstruír o noso pasado como país a través da memoria viva dalgúns dos seus principais protagonistas.

Viñeron despois os libros de conversas con Ánxel Fole, Carvalho Calero, Xosé Manuel Beiras, X.L. Méndez Ferrín, Manuel María, Camilo Nogueira, Valentín Paz Andrade ou Uxío Novoneyra, e en 2002, na editorial A Nosa Terra, Xan Carballa e Santiago Pol publican o libro Conversas con Francisco Carballo. Ao longo desta longa conversa descubrimos unha das máis importantes personalidades do nacionalismo galego contemporáneo, unha das traxectorias vitais máis admirábeis e de maior compromiso co país. Cunha biografía certamente apaixonante, Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), fai memoria de toda a súa vida, da súa infancia e adolescencia entre Celeirón de Asadur e o colexio dos Milagres, entre a República e a barbarie do 36, do seu paso polos seminarios, primeiro como estudante e posteriormente como profesor e reitor, da súa experiencia como crego comprometido co Concilio Vaticano II, da estancia en Barakaldo, Roma e Salamanca, da posibilidade de ser bispo e da chegada a Vigo -onde se compromete definitivamente co país e co nacionalismo galego-, dos seus traballos de investigación histórica e do maxisterio que exerceu entre os historiadores máis novos. Moi interesante igualmente todo o que reflexiona sobre a Transición e a estratexia do nacionalismo naquel momento histórico.

Carballo foi, sen lugar a dúbidas, unha das cabezas mellor amobladas e máis lúcidas da Galiza das últimas décadas. Pero foi tamén un exemplo luminoso de humanismo, de paixón polo país, de xenerosidade e de entrega sen límites á causa galega. Temos a certeza de que un dos maiores fracasos históricos do noso pobo aconteceu nas eleccións xerais de 1977 e 1979. Só coa presenza de Francisco Carballo naquelas Cortes, só coa súa presenza no Senado ou no Congreso, co seu verbo poderoso e brillante, no que nunca faltaba aquel seu sorriso nos labios, o noso país tería iniciado aí un período histórico moi diferente ao que vivimos, cunha visibilidade política como nación que infelizmente non tivemos até 1996. Espero que a Galiza de 1925 estea á súa altura e celebre o centenario do seu nacemento coa atención que o país talvez non lle prestou en vida. Poucas figuras o merecen tanto.

 

Conversas con Francisco Carballo

Santiago Pol / Xan Carballa

A Nosa Terra / 2002



Ningún comentario:

Publicar un comentario