06/01/22

A deliciosa prosa de Begoña Caamaño


      Begoña Caamaño

universo homérico foi desde sempre un inmenso mar aberto para a recreación da literatura e a reinterpretación dos mitos. Escritores de todos os tempos e en múltiples linguas, pero sobre todo escritoras moi importantes contemporáneas, de aquí e de acolá, todas elas cunha clara conciencia feminista, reescribiron e seguen a reescribir a Odisea, revisitando e revisando os seus personaxes femininos desde unha nova mirada, dándolle voz propia ás mulleres e facéndoas máis libres e máis protagonistas desta grande epopea grega atribuída a Homero. Entre nós, na literatura galega, destacan fundamentalmente dúas autoras: Xohana Torres e Begoña Caamaño. Á primeira debémoslle o xa emblemático poema “Penélope”, publicado primeiro no nº 4 da revista Festa da Palabra Silenciada, en 1987, e posteriormente no libro Tempo de ría (1992). Xohana Torres utilizará tamén o último verso dese poema (“Eu tamén navegar!”) para titular o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Pola súa parte, Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Compostela, 2014) dáse a coñecer como novelista con Circe ou o pracer do azul, un dos textos máis deliciosos da narrativa galega contemporánea, que sitúa á autora á altura dun escritor tan exquisito como Álvaro Cunqueiro, de quen aprendeu que “os mitos están vivos e temos dereito a facelos nosos” e co que dialogará pouco despois nesa outra marabilla que é Morgana en Esmelle, a súa segunda novela, publicada en 2012.
 
Begoña Caamaño, que foi desde nena unha lectora voraz e unha muller cunha grande paixón pola mitoloxía, quixo devolverlle á literatura algo do que esta lle dera, escribindo o que Homero non escribiu e o que a ela lle gustaría que escribise, ofrecéndonos unha nova Penélope, moi diferente á esposa que anhela o regreso do home, que tece e destece mentres agarda fielmente e chegada do heroe. O canto X da Odisea sérvelle á nosa escritora para construír unha novela dunha extraordinaria riqueza estilística e para expresar os sentimentos, as paixóns e os desexos de Circe e de Penélope desde unha perspectiva feminista. As cartas secretas que veñen e van entre a illa de Eea e Ítaca a través dun paxaro mensaxeiro permítennos descubrir non só o que de verdade senten e desexan estas dúas mulleres, senón tamén a súa sabedoría e a súa capacidade para exercer o goberno. A novela tece, ademais, unha íntima relación entre a esposa e a amante de Ulises sen que en ningún momento haxa rivalidade entre elas polo heroe. Begoña Caamaño constrúe outra Penélope, máis libre, máis sabia, máis forte, outro modelo de muller, unha nova concepción do amor e da feminidade, na que está presente, así mesmo, o pracer sexual entre as mulleres. Por primeira vez Penélope pode gozar da contemplación do mar sen o temor a que o barco de Ulises se debuxe no horizonte. E como no poema de Xohana Torres, farta de tanto novelo e tanta historia, Penélope tamén se bota ao mar. Agora tamén ela sabía navegar.

 

 

Circe ou o pracer do azul

Begoña Camaño

Editorial Galaxia / 2009

320 páxinas

Ningún comentario:

Publicar un comentario