03/09/20

Eva Veiga, entre a terra e a luz

Desde que en 1993 se deu a coñecer co poemario Fuxidíos, dentro da Colección Esquío, até Soño e Vértice, publicado en 2016, Eva Veiga (Pontedeume, 1961) foi quen de elaborar unha das obras poéticas máis sólidas e luminosas da literatura galega contemporánea. Hoxe é unha voz de lectura imprescindíbel na poesía das últimas xeracións. E digo máis, escoitar recitar a Eva Veiga é un dos actos máis sublimes dos que pode gozar o ser humano. Ela soa, coa súa palabra, ou con acompañamento musical, podería marabillar ao público máis exquisito de La Fenice, como xa o fixo noutros escenarios de Galiza, de La Habana ou de Buenos Aires. A súa obra lírica transcende o texto poético, o poema escrito, e a través da súa voz elévase como un canto gregoriano. Cada libro de Eva Veiga debería vir acompañado dun DVD para gozar da súa poesía en toda a súa dimensión.

A luz e as súas cicatrices é o libro que hoxe queremos traer a esta columna de relecturas necesarias. Aí está todo o seu universo primeiro, o máis íntimo e o máis profundo, o que a enraíza ás terras do Eume, á casa, á nai e á avoa, á lingua, á natureza, á imaxinación, ao asombro e ao misterio, un ronsel de vivencias que permanecerán para sempre dentro da escritora como unha arteria principal que lle dá vida e a ilumina, e que é unha e outra vez o mármore do que extrae o seu canto. A súa percepción do universo eumés abarca todo o que a rodeou desde a infancia, desde a auga do río ao tronco da árbore, desde a bolboreta ás amoras da silveira, desde o sabugueiro á garza, e na súa memoria tamén, a avoa sentada á carón do camiño, convidando á nena a voar cos miñatos á caída da tarde, ou a randeeira de corda e de madeira pendurada da ponla daquel xaponés plantado xa polos seus tataravós. A terra, até as raíces, até o subterráneo, até os cantos do fondo do río; a luz, sempre a luz, e a memoria. Unha mirada cara a fóra e cara a dentro, un diálogo de grande sensibilidade, finura e fondura humana con todo o que a rodeou desde nena. Eva Veiga leva en si o paraíso da infancia, un cacho inmenso de terra, unha paisaxe que conforma a súa personalidade, que lle permite abrollar na flor do limoeiro ou amar o meandro do río até a tristeza, que a ilumina por dentro e lle dá esa delicadeza que tanto a caracteriza como persoa e como poeta.

Este libro, e todo o conxunto da poesía de Eva Veiga, é un canto amoroso, telúrico, vitalista, pleno de luz e de transparencia, escrito cos cinco sentidos. E non menos importante é a música das palabras, o ritmo dos versos, esa sonoridade verbal que hai en cada poema, onde non sobra unha soa palabra.



A Luz e as súas cicatrices
Eva Veiga
Colección Esquío de Poesía/ 2005
91 páxinas



                                   



Ningún comentario:

Publicar un comentario